A refinaría da Coruña emite dúas veces máis gases de invernadoiro do recoñecido oficialmente?

Segundo Climate Trace, a refinaría de Repsol na Coruña emitiu 1,46 millóns de toneladas de gases de invernadoiro durante 2021. Esta cifra practicamente duplica o dato oficial divulgado no marco do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). Sobrevalora Climate Trace o impacto climático da refinaría coruñesa ou infravalórao a contabilidade oficial? Ou acontecen ambas as dúas cousas á vez?.

A disparidade débese, aínda que só nunha pequena parte, a que o RCDE  considera só as emisións de dióxido de carbono (CO2), pois as de metano (CH4) e  óxido nitroso (N2O) non son obxecto do comercio europeo de emisións. Por outro lado, Climate Trace ten en conta, ademais destes tres gases, outros contaminantes, que incorpora no valor total dos gases de efecto invernadoiro, expresados como CO2 equivalente.

Outra parte da diferenza parece deberse a que Climate Trace inclúe tamén as emisións asociadas á electricidade consumida. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, actualizado a 2021, a refinaría da Coruña consumiu  286.807 MWh, case tanto como todos os fogares da provincia de Ourense (2019). Usando o factor de emisión de CO2 para a electricidade producida en Galicia durante 2021 estimado polo OGACLI, suporía unhas emisións indirectas de 31.500 toneladas.

Captura de pantalla do mapa da páxina web de Climate Trace coa información sobre as emisións das refinarías.

Precisaríase dun xuízo experto independente para esclarecer en que medida os datos e as metodoloxías usadas en cada caso son capaces de achegar estimacións máis atinadas. No caso de os cálculos de Climate Trace seren máis aproximados, estaríanse a infravalorar sensibelmente as emisións reais.

Para contextualizar o impacto climático da actividade da refinaría coruñesa, abonda salientar que a cifra apuntada por Climate Trace equivale practicamente ás emisións de todo o tráfico urbano en Galicia durante 2020, que ascenderon a 1,5 millóns de toneladas, segundo o inventario estatal de emisións.

Climate Trace tamén eleva as emisións de Megasa e da cementeira de Oural.

Podemos acceder aos cálculos de Climate Trace explorando un mapa, aínda que polo de agora só figuran os datos das 500 maiores fontes a escala global dentro de cada sector.

No tocante a Galicia, agora pódese acceder a información sobre a refinaría de Repsol,  Megasa Narón, a cementeira de Votorantim en Oural (Sarria) e os tres aeroportos. Tamén se poden descargar datos para estes focos de anos anteriores, até 2015, ano da adopción do Acordo de París.

A forte disparidade observada entre as estimacións de Climate Trace e o RCDE para a refinaría de Repsol tamén se constata para a cementeira de Oural,  unha das dez maiores industrias emisoras de Galicia segundo o RCDE, así como para Megasa Narón, que recicla chatarra.

Que é Climate Trace?

É unha iniciativa non lucrativa, impulsada por consultoras, centros de investigación e Al Gore, que ofrece información actualizada e aberta sobre as emisións de gases de invernadoiro en todo o mundo. Para iso, emprega metodoloxías que está constantemente a mellorar, recorrendo ao uso de satélites, intelixencia artificial e “machine learning”.  

Cualificada pola revista Time como “unha das mellores invencións en 2020“, Climate Trace procura facer a acción climática máis rápida e fácil.

O pasado 9 de novembro tornou público “o máis detallado inventario de emisións de gases de invernadoiro compilado até hoxe, fornecendo datos para 81.087 fontes individuais”.

A transición eléctrica retrocede en Galicia durante 2022

(Actualización xaneiro de 2023: as gráficas que acompañan o texto sobre a produción eléctrica e as súas emisións de gases de invernadoiro xa recollen os datos para todo o 2022).

2022 está a ser un ano de retroceso na transición cara a un sistema eléctrico 100% renovábel en Galicia. Segundo os datos de Redeia (antes Rede Eléctrica de España), a produción renovábel diminuíu un 35% nos nove primeiros meses deste ano en relación ao mesmo período de 2021. Pola contra, a fósil medrou un 25%.

A seca e o cativo crecemento da potencia instalada explican o forte descenso da produción renovábel, que só representou o 61% da total no que levamos de ano, lonxe do 100% ao que debería aspirar Galicia en 2030.

A queda na xeración renovábel durante os primeiros nove meses de 2022 debeuse moi principalmente á baixada do 66% na produción hidroeléctrica. A achega dos parques eólicos, cuxa potencia instalada apenas medrou, tamén baixou, mais só un 6% en comparación co período xaneiro-setembro de 2021.

O oco deixado pola produción renovábel foi cuberto, en parte, polo incremento da actividade da central de carbón das Pontes e, sobre todo, das dúas centrais de gas fósil (ciclos combinados).

Centrais de carbón (esquerda) e de ciclo combinado con gas fósil das Pontes. Ambas as dúas son propiedade de Endesa.

A xeración de electricidade nas centrais de gas medrou un 31% con respecto aos nove primeiros meses de 2021. Nos meses de verán o gas queimado nos ciclos combinados das Pontes e Sabón (Arteixo) achegou nada menos que o 35-40% da electricidade producida no noso país. Isto non tería acontecido se non se producise unha acusada desaceleración do crecemento da potencia eléctrica renovábel durante a pasada década.

O ritmo de instalación de nova potencia renovábel segue a ser moi baixo

Sen un forte crecemento das renovábeis eléctricas, nomeadamente da eólica e da solar, a  xeración galega de electricidade renovábel continuará a minguar moito nos anos secos, que poderían ser cada vez máis frecuentes por causa da crise climática.

Porén, até setembro, a potencia renovábel instalada en Galicia só creceu o 0,8% en comparación con 2021. Unha cifra moi baixa, que mesmo supón a metade do lento crecemento medio anual da década 2011-2020.

Aumentan as emisións asociadas á produción eléctrica galega

A repunta na produción de electricidade fósil vai provocar un incremento significativo das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) asociadas á xeración eléctrica galega durante o presente ano.

A próxima reactivación da central de carbón das Pontes, cuxa autorización de peche diferiu o Goberno estatal, contribuirá ao aumento das emisións de forma especial, xa que a electricidade obtida a partir do carbón é a máis intensiva en emisións de GEI.

Estimamos que en 2022 as emisións de GEI da produción eléctrica xa atinxiron uns 2,5 millóns e medio de toneladas en setembro, fronte aos 2,7 de todo o ano pasado, o que asegura a interrupción da etapa de descenso iniciada en 2018. Con todo, ficarán moi lonxe das emitidas nos anos previos ao colapso do carbón en 2019.

O paso atrás na transición eléctrica reflectirase na intensidade de carbono da produción eléctrica obtida no noso territorio e, polo tanto, na pegada de carbono do consumo eléctrico propio. Entre xaneiro e setembro emitíronse 0,17 toneladas de GEI por MWh xerado, fronte aos 0,11 de todo o ano 2021.

Acadarmos canto antes un factor de emisións cero é esencial para facer dunha maior electrificación da economía unha importante panca de desfosilizacion do consumo enerxético, en especial no transporte, os fogares e a industria.

Descenso da demanda eléctrica galega, non coberta pola xeración renovábel a maioría dos meses de 2022

O aumento interanual da xeración eléctrica fósil tería sido maior de non teren diminuído a demanda interna e o saldo exportador. Polo de agora, Redeia só divulgou os datos para o período xaneiro-maio, no que se constatou un descenso do 18% na demanda galega de electricidade, que parece debido principalmente á paralización da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao e á menor actividade da industria en xeral, moi afectada pola suba do prezo da electricidade.

A redución na exportación de electricidade aínda foi maior, recortándose un 44% nos cinco primeiros meses do presente ano en relación ao mesmo período de 2021, ao ascender a 2.532 GWh,  fronte a 4.521 GWh no ano pasado.

No cómputo mensual, a produción renovábel galega apenas conseguiu cubrir a demanda interna en xaneiro e marzo e ficou por debaixo en febreiro, abril e maio, situación que seguramente se ten acentuado nos meses posteriores.

Piden á Xunta que deixe de co-organizar o premio literario de Repsol

As organizacións ecoloxistas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, xunto co Observatorio Galego da Acción Climática, denuncian nun manifesto a operación de “lavado verde” que supón o Premio de Narrativa Breve en lingua galega convocado por Repsol.

Nun verán marcado en Galicia e no mundo polas graves consecuencias da crise climática, a petroleira Repsol, unha das súas maiores responsábeis, organizou por décimo sexto ano o premio de novela curta en galego. Trátase do patrocinio máis visíbel entre os promovidos por Repsol na nosa terra. O fallo do premio anunciouse para o presente mes.

A refinaría de petróleo da Coruña é a creadora do Premio de Narrativa Breve Repsol. En 2021 as súas emisións directas de gases causantes de cambio climático ascenderon a 760.000 toneladas, converténdose na segunda industria galega con maiores emisións (1). Unha cifra que se multiplicaría se se sumasen as emisións asociadas ao uso dos produtos obtidos nela, destinados ao consumo en Galicia e á exportación.

Presentación da décimo sexta edición do Premio Narrativa Breve, coa presenza (centro da imaxe) de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura.

As organizacións asinantes dirixíronse a Román Rodríguez, á fronte da Consellería de Cultura, para pedirlle que deixe de co-organizar o premio con Repsol e promova un novo premio de novela curta en galego.

Asemade, pediron ás entidades que colaboran co premio, a Real Academia Galega (RAG), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Editorial Galaxia, que deixen de facelo mentres continúe ligado a Repsol. Non se pode permitir que a cultura galega se manche cos negocios sucios e se relacione coa destrución climática.

O lavado verde, através da publicidade e os patrocinios, está na cerna da estratexia de comunicación de petroleiras como Repsol, dirixida a obter “licenza social” para operar agachando as súas enormes responsabilidades climáticas e vendendo falsas solucións que son paus na roda para unha transición enerxética real.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace forman parte da coalición promotora dunha Iniciativa Cidadá Europea (ECI) que tenta prohibir a publicidade e os patrocinios do negocio fósil en toda a UE .

Manifesto

Nota

  1. “Premio de Narrativa Breve Repsol: un exemplo de greenwashing”, informe do Observatorio Galego da Acción Climática dispoñíbel en https://ogacli.org/documentos/

O Premio Narrativa Breve de Repsol é un exemplo claro de “greenwashing”

Nun verán marcado polas consecuencias da crise climática, a petroleira Repsol, unha das súas maiores responsábeis, organizou, por décimo sexto ano, o Premio de Narrativa breve en lingua galega. Presentado en xuño, o fallo do xurado anunciouse para este mes. 

A XVI edición deste premio coincide co desenvolvemento dunha campaña a nivel europeo para prohibir a publicidade e os patrocinios de empresas ligadas ao negocio da enerxía fósil.

O Premio de Narrativa Breve Repsol é a iniciativa de patrocinio con máis visibilidade social en Galicia da propietaria da refinaría de petróleo da Coruña, a nosa maior industria enerxética  fósil.

No informe “Premio de Narrativa Breve Repsol: un exemplo de greenwashing”, o Observatorio Galego da Acción  Climática (OGACLI) lembra que non hai empresa con instalacións produtivas na nosa terra con maior pegada negativa no clima global que Repsol. Figura entre as 90 corporacións que, conxuntamente e debido ás emisións asociadas á obtención e uso dos seus produtos, foron responsábeis de nada menos que o 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono (CO2) e metano (CH4) causadas polo uso de enerxía fósil e cemento acumuladas en 1751-2010.

A refinaría de petróleo da Coruña procesa o 45% da enerxía primaria usada en Galicia (2020).

A refinaría de petróleo da Coruña, creadora do Premio de Narrativa Breve Repsol, foi en 2021 a segunda industria galega con maiores emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Con 760.000 toneladas emitidas, só  foi superada pola central de ciclo combinado a gas fósil de Endesa nas Pontes.

Diversas entidades galegas participan na maior operación de lavado verde promovida por Repsol en Galicia. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, dirixida por Román Rodríguez, coorganiza o premio. A Editorial Galaxia publica a novela curta premiada. E a Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega participan no xurado que outorga o premio.

As emisións galegas de GEI reducíronse o 35,9% entre 1990 e 2020

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presentou o informe “As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2020)”, baseado nos datos para Galicia extraídos do máis recente inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Estes datos oficiais pódense descargar no apartado documentos da nosa páxina web.

As emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 18.603.104 toneladas en 2020, o que supón unha redución do  35,9 % con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas.

Para contribuír á meta dos 1,5 graos, Galicia debería diminuír as súas emisións polo menos un 65% en 2030. A Xunta elevou recentemente o seu obxectivo ao 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, a través da revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050.

Tan só en 2019-2020 as emisións galegas ficaron nidiamente por debaixo dos niveis de 1990. As razóns foron  o colapso da xeración eléctrica con carbón e o forte decrecemento económico en 2020 derivado da COVID-19.

O descenso nas emisións totais en 2020 con respecto a 1990 hai que atribuílo sobre todo  á desfosilización parcial do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 11 millóns e medio de toneladas (-78%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019

A industria e o tratamento de residuos tamén baixaron as súas emisións en comparación con 1990, se ben en contías moi inferiores ás do sector enerxético. Pola contra, medraron as emisións da agricultura e a gandaría e máis as asociadas ao consumo de enerxía fósil no transporte e noutros sectores.

O transporte de persoas e mercadorías é o sector no que máis creceron as emisións en relación a 1990 (+29,3%). Desde 2019, o transporte pasou a ser o sector con maiores emisións, supondo o 22,5% das totais en 2020. E iso a pesar de que en 2020 houbo unha diminución interanual histórica do 18,3% nas emisións do transporte, debido ás restricións na mobilidade motorizada derivadas da COVID-19.

A aceleración da transición enerxética, a través tanto da redución da demanda como dun crecemento socioambientalmente adecuado das enerxías renovables, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático.

O 70,7% das emisións están ligadas á transformación e o consumo de enerxía fósil. E catro dos cinco maiores emisores industriais pertencen ao sector enerxético, sendo a central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) a maior fábrica galega de cambio climático en 2021.

Repercusión en medios

Radiografía das emisións de gases de invernadoiro en Galicia durante os últimos 30 anos. Galicia confidencial.

Observatorio Galego de Acción Climática: “La Xunta no hace prácticamente nada para reducir emisiones”. eldiario.es.

As emisións de gases de efecto invernadoiro descenderon en 36% entre 1990 e 2020, mais segue sen ser suficiente. Nós diario.

Redes sociais

A estratexia climática de Repsol non cumpre o Acordo de París

Repsol é a maior petroleira española. Propietaria da refinaría da Coruña, gábase de “liderar a transición enerxética”. Porén, o seu compromiso climático está moi lonxe de se aliñar coa limitación do quecemento global a 1,5 ⁰C, a meta máis ambiciosa do Acordo de París.

Oilchange  vén de actualizar o seu “Big oil reality check”, no que avalía os plans climáticos de Repsol e outras sete grandes compañías de petróleo e gas dos EUA e Europa.

Nin Repsol nin o resto das petroleiras aproban o exame de Oilchange baseado en dez criterios relacionados coa ambición, a integridade e a sensibilidade social do seu compromiso climático real.

Como se observa na seguinte táboa, as compañías estadounidenses (Chevron, Exxon Mobil) saen peor paradas que as europeas, mais estas seguen moi lonxe dun bo desempeño. Repsol non é unha excepción.

Repsol continúa a explorar novos xacementos e a impulsar novos proxectos de extracción. Prevé (non persegue) que a súa produción media de hidrocarburos durante esta década sexa só un 15% inferior á de 2019. E, por suposto, non  fixou un ano, nin trazou un plan, para abandonar totalmente o petróleo e o gas

O compromiso Cero Emisións Netas en 2050

Para vender unha aparente conciliación entre a excesiva extensión do seu negocio fósil  e un suposto compromiso  climático aliñado co Acordo de París, Repsol asumiu un obxectivo de cero emisións netas en 2050.

A trampa comeza no propio enunciado do obxectivo, pois non se refire a emisións brutas senón a netas (brutas menos absorcións). Ademais non se formula en termos absolutos senón aplicado a un indicador de intensidade de carbono. Este considera as emisións dos negocios operados por Repsol (incluídas as refinarías) pero exclúe boa parte das emisións asociadas ao uso de produtos do petróleo e gas comercializados. Dentro destes, só contabiliza os que procesa a partir da súa produción propia de petróleo e gas.

Repsol pretende reducir a intensidade de carbono só un 28% en 2030 e até un 80-90% en 2050. A porcentaxe restante compensaríase mediante proxectos de captura e almacenamento de  CO2 (desenvolverá un en Indonesia nesta década) e sumidoiros (plantacións forestais). Oilchange entende que as compensacións só deberían aplicarse a sectores onde é imposíbel lograr emisións cero (como o agrogandeiro) mais non ao enerxético.

Outra debilidade do compromiso de emisións cero de Repsol é que pode computar como redución de emisións as evitadas por unha central de gas se a súa xeración substituír electricidade procedente de carbón.

Sen plan de transición xusta

Repsol carece dun plan de transición xusta, acordado cos poderes públicos e cos sindicatos, que protexa os traballadores e traballadoras e comunidades afectadas polo declive do seu negocio  fósil, que pretende atrasar ben máis do que sería climaticamente necesario pero que será inevitábel.

No noso país, a Confederación Intersindical Galega (CIG) está a reclamar a unha transición xusta para a refinaría da Coruña, se cadra alarmada polo repentino peche por parte da Galp da refinaría de Matosinhos (Porto) en abril de 2021, a máis próxima a Galicia. A CIG semella pretender unha aceleración dos plans da propia empresa a prol de “combustíbeis alternativos”

A refinaría de Repsol da Coruña é o maior centro transformador de enerxía de Galicia e un grande emisor de GEI.

Repsol pretende converter as súas refinarías en “hubs multienerxéticos”, con espazo para transformar residuos en biocombustíbeis ou fabricar combustíbeis sintéticos, opcións non exentas de problemas e menos vantaxosas que o decrecemento do consumo e a electrificación. Mais só prevé diminuír o procesamento de petróleo nas súas refinarías un 10% ao remate da presente década, con respecto a 2019.    

Canto á electrificación, semella moi evidente o interese de Repsol por freala, dado o limitado peso das renovábeis eléctricas no seu negocio, aínda que busca multiplicar por 12 a súa capacidade de produción en 2022-2030, até 20 xigavatios (GW), a maioría a instalar fóra de España. No estranxeiro tamén localiza toda a súa extracción de hidrocarburos.

Urxe un descenso rápido e planificado da extracción de enerxía fósil

Repsol e o resto das petroleiras fan ouvidos xordos á necesidade urxente de diminuír aceleradamente a extracción de petróleo, gas e carbón para evitarmos un  quecemento superior a  1,5 ⁰C.

Non só hai que renunciar á abertura de novos xacementos ou minas. Oilchange, baseándose na ciencia,  lembra que queimar todo o petróleo, gas e carbón dispoñíbel nas explotacións xa desenvolvidas, afastaríanos moito de lograr, mesmo cunha probabilidade de só o 50%,  a meta dos 1,5 ⁰C.

Análise de Oil Change International baseada en datos de Rystad Energy, Trout et al. 2022, IPCC, IEA, e Global Carbon Project.
As estimacións dos orzamentos de carbono son para o comezo de 2022.

Alcoa, a central de gas das Pontes e a refinaría foron os maiores emisores en 2021

A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa na Mariña luguesa, a central de ciclo combinado a gas fósil de Endesa nas Pontes (veciña da de carbón) e a refinaría de Repsol na Coruña encabezan a listaxe dos maiores emisores de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en territorio galego durante 2021.

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” fixo públicos os datos das maiores industrias emisoras do país, procedentes do balanzo anual do comercio de emisións divulgado pola Comisión Europea.

Desde a década de 1980 e até 2018, a central de carbón das Pontes (Endesa) e a de Meirama (Naturgy), por esta orde, foron, ano após ano, as industrias con maiores emisións de GEI causantes de cambio climático.

A central de Meirama pechou en 2020 e a das Pontes, da que só funciona un dos seus catro grupos, baixou en 2021 á quinta posición no “ranking” galego das “fábricas de crise climática”.

Como salienta “Galiza, un futuro sen carbón”, o descenso abrupto da xeración eléctrica con carbón desde 2019 e a súa substitución parcial por gas fósil (tamén chamado gas natural), explica que as centrais de gas das Pontes e Sabón están, por primeiro ano, entre as cinco industrias galegas máis prexudiciais para o clima.

As cinco grandes industrias emisoras, todas do sector enerxético agás Alcoa, suman case 3.800.000 toneladas de GEI, equivalentes a un 20% das emisións totais de Galicia en 2020, ano con datos máis recentes.

Transición do carbón ao gas

O baixo ritmo na instalación de nova potencia eléctrica renovábel contribuíu a que o gas ocupe boa parte do oco deixado polo carbón na xeración eléctrica entre 2018 e 2021.

A queima de gas fósil en 2021 tería sido ben maior se tivese sido un ano seco e/ou se o consumo galego e as exportacións de electricidade fosen as propias do último ano anterior á COVID-19. Unha revisión do OGACLI dos datos de Rede Eléctrica de España (REE) posibilita unha aproximación a ese escenario hipotético.

Se a produción hidroeléctrica fose a do último ano seco (2017), no que a capacidade de produción hidroeléctrica era practicamente igual á de 2021, a xeración renovábel tería sido inferior en 4.426 GWh (-24,9%). En ausencia doutros cambios, cubrir o oco na produción renovábel producido por unha seca como a de 2017, obrigaría a máis que duplicar a produción das centrais de ciclo combinado. Aumentaría desde 3.695 a 8.121 GWh.

Por outro lado, se a demanda eléctrica galega en 2021 fose a de 2019, último ano pre-COVID 19, a produción dos ciclos combinados aumentaría en 1.028 GWh (+6%). E se o mesmo acontecese coas exportacións, a produción tería baixado 333 GWh (-1,4%). Xa que logo, e sen alterar outros factores, a produción das centrais de gas medraría 695 GWh, até 4.390 (+19%).

Se 2021 fose seco como 2017 e cuns niveis de consumo e exportacións como os de 2019, a xeración dos ciclos combinados subiría até 8.816 GWh. Esta produción aproximaríase á máxima posíbel en circunstancias habituais de dispoñibilidade e utilización destas centrais sucias.

Por unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someteu en marzo de 2022 a unha consulta pública previa a Lei do Clima de Galicia.

O Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) presentou achegas para que a futura lei sexa realmente ambiciosa, propoñendo que incorpore os seguintes obxectivos e medidas:

-O obxectivo a longo prazo será o de contribuír a conter o crecemento da temperatura media global por debaixo de 1,5oC. Este obxectivo é claramente preferíbel ao limiar dos 2oC e aínda resulta factíbel, mais cómpre acelerar a acción climática.

-En aplicación do principio de responsabilidade común pero diferenciada, Galicia, como parte do mundo desenvolvido, atinxirá a neutralidade climática en 2040, a máis tardar,  procurando unha redución das emisións brutas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) superior ao 90%, con respecto a 1990.

O obxectivo mínimo de redución das emisións brutas de GEI para 2030 superará o do 55% de emisións netas para o conxunto da UE, chegando ao 65%, o que parece viábel considerando o actual grao de avance da transición enerxética en Galicia.

Neste sentido, a lei asumirá o obxectivo de acadar unha produción de electricidade 100% renovábel antes de 2030, concretando un plan de ruta para o cesamento da actividade das centrais  de gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

Acción de Greenpeace na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos (ría de Ferrol). A través dela abastécense as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes

-A lei incluirá cotas quinquenais de redución de emisións territoriais de GEI por sectores, na procura dos obxectivos suxeridos máis arriba. Terán carácter vinculante para as emisións difusas.

A pegada de carbono será considerada como un indicador relevante a ter en conta nas medidas de mitigación do cambio climático.

Coa finalidade de solventar a carencia de datos sobre as emisións galegas asociadas ao consumo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoverá os estudos necesarios para determinar a súa contía e evolución no tempo.

– Considerando que o 73% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro proceden da transformación e do consumo final de enerxía fósil (2019),  a lei concretará obxectivos de política enerxética relativos á redución en termos absolutos do consumo de enerxía (primaria e final) e á penetración das enerxías renovábeis, obxectivos que deberán ser coherentes coa traxectoria de descenso das emisións de GEI apuntada máis arriba. Priorizarase o decrecemento do consumo de enerxía sobre o despregamento das enerxías renovábeis.

-Incluirase como finalidade da lei o fomento da democratización da produción de enerxía para favorecer o acceso da cidadanía á enerxía renovábel non só como consumidora senón tamén como produtora. Asemade, procurará un maior protagonismo do sector público na transformación e comercialización de enerxía renovábel.

Entre as medidas a incluír para o cumprimento desta finalidade figurará a elaboración dun plan para maximizar o aproveitamento  do potencial de autoconsumo, con obxectivos por comarcas, e máis a obriga de oferta de participación local nos proxectos de parques eólicos por parte dos promotores nunha porcentaxe mínima.

-A conflitividade social xerada nos últimos tempos pola promoción de novos parques eólicos está a pór de manifesto graves eivas na planificación eólica galega e española, que cómpre afrontar canto antes para minimizar os potenciais prexuízos sociais e ambientais do despregamento da nova potencia eólica requirida para a mitigación da emerxencia climática.

Un insuficiente apoio social ao despregamento da enerxía eólica, estratéxica en Galicia para atinxir un sistema enerxético 100% renovábel, pode chegar a  comprometer o logro de obxectivos ambiciosos de redución de emisións de GEI. A nova lei do clima incluirá a creación dunha Mesa  de Diálogo Social das Enerxías Renovábeis e unha disposición adicional instando á aprobación dun novo Plan Sectorial Eólico.

-Establecerase unha Asemblea Cidadá do Cambio Climático a nivel galego como un dos mecanismos de participación pública. Existe xa unha ferramenta deste tipo a escala estatal.

– Unha das finalidades da lei será a compensación da débeda de carbono contraída pola sociedade galega coas sociedades do Sur global. Neste sentido, a política autonómica en materia de cooperación deberá incluír entre as súas prioridades o  acceso á enerxía renovábel, a adaptación á crise climática e a compensación por perdas e danos.

– Crearase un Comité de Persoas Expertas de Cambio Climático para asesorar á Xunta en materia de mitigación e adaptación á crise climática. Entre as súas funcións figurará a de elaborar informes anuais sobre o desenvolvemento da aplicación da propia lei do clima, a cuxo contido íntegro terá acceso a cidadanía a través da web da Xunta.