Segundo Climate Trace, a refinaría de Repsol na Coruña emitiu 1,46 millóns de toneladas de gases de invernadoiro durante 2021. Esta cifra practicamente duplica o dato oficial divulgado no marco do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). Sobrevalora Climate Trace o impacto climático da refinaría coruñesa ou infravalórao a contabilidade oficial? Ou acontecen ambas as dúas cousas á vez?.
A disparidade débese, aínda que só nunha pequena parte, a que o RCDE considera só as emisións de dióxido de carbono (CO2), pois as de metano (CH4) e óxido nitroso (N2O) non son obxecto do comercio europeo de emisións. Por outro lado, Climate Trace ten en conta, ademais destes tres gases, outros contaminantes, que incorpora no valor total dos gases de efecto invernadoiro, expresados como CO2 equivalente.
Outra parte da diferenza parece deberse a que Climate Trace inclúe tamén as emisións asociadas á electricidade consumida. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, actualizado a 2021, a refinaría da Coruña consumiu 286.807 MWh, case tanto como todos os fogares da provincia de Ourense (2019). Usando o factor de emisión de CO2 para a electricidade producida en Galicia durante 2021 estimado polo OGACLI, suporía unhas emisións indirectas de 31.500 toneladas.

Precisaríase dun xuízo experto independente para esclarecer en que medida os datos e as metodoloxías usadas en cada caso son capaces de achegar estimacións máis atinadas. No caso de os cálculos de Climate Trace seren máis aproximados, estaríanse a infravalorar sensibelmente as emisións reais.
Para contextualizar o impacto climático da actividade da refinaría coruñesa, abonda salientar que a cifra apuntada por Climate Trace equivale practicamente ás emisións de todo o tráfico urbano en Galicia durante 2020, que ascenderon a 1,5 millóns de toneladas, segundo o inventario estatal de emisións.
Climate Trace tamén eleva as emisións de Megasa e da cementeira de Oural.
Podemos acceder aos cálculos de Climate Trace explorando un mapa, aínda que polo de agora só figuran os datos das 500 maiores fontes a escala global dentro de cada sector.
No tocante a Galicia, agora pódese acceder a información sobre a refinaría de Repsol, Megasa Narón, a cementeira de Votorantim en Oural (Sarria) e os tres aeroportos. Tamén se poden descargar datos para estes focos de anos anteriores, até 2015, ano da adopción do Acordo de París.
A forte disparidade observada entre as estimacións de Climate Trace e o RCDE para a refinaría de Repsol tamén se constata para a cementeira de Oural, unha das dez maiores industrias emisoras de Galicia segundo o RCDE, así como para Megasa Narón, que recicla chatarra.
Que é Climate Trace?
É unha iniciativa non lucrativa, impulsada por consultoras, centros de investigación e Al Gore, que ofrece información actualizada e aberta sobre as emisións de gases de invernadoiro en todo o mundo. Para iso, emprega metodoloxías que está constantemente a mellorar, recorrendo ao uso de satélites, intelixencia artificial e “machine learning”.
Cualificada pola revista Time como “unha das mellores invencións en 2020“, Climate Trace procura facer a acción climática máis rápida e fácil.
O pasado 9 de novembro tornou público “o máis detallado inventario de emisións de gases de invernadoiro compilado até hoxe, fornecendo datos para 81.087 fontes individuais”.