As emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de Galicia ascenden a 18.603.104 toneladas (2020). Isto supón unha redución do 35,9 % con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas, e do 48% en comparación con 2005.
O obxectivo actual de redución das emisións da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para 2030 é de só -24,6 %, polo que xa foi superado.
Un obxectivo acorde co límite dos 1,5 graos e coa xustiza climática global sería de polo menos -65% para 2030. Segundo diversas declaracións oficiais, a Xunta pretende elevar a -55% o seu obxectivo.
-35,9% (1990-2020)
-55%
Obxectivo 2030
Na traxectoria seguida polas emisións desde 1990 distínguense tres grandes etapas:
-Unha primeira de ascenso, até chegar a un teito en 2001-2007. O pico atinxiuse en 2004.
-Unha etapa de descenso suave en 2008-2018. Despois dunha caída provocada pola crise iniciada en 2008 e un ano de moi elevada produción renovábel (2010), as emisións recuperáronse para se manter en niveis similares aos de 1990 en 2011-2018.
-Unha queda abrupta en 2019-2020. O colapso do carbón na xeración eléctrica iniciado en 2019 e a crise socioeconómica provocada pola COVID-19 en 2020 son as causas principais. A recuperación do PIB en 2021 apunta a un novo aumento das emisións, á espera de datos oficiais.
Aquí debullamos os factores explicativos da evolución durante 2010-2020 das emisións asociadas á transformación e o consumo de enerxía fósil, que supuxeron entre o 70 e o 80% das emisións anuais ao longo dese período.
O descenso das emisións de GEI entre 1990 e 2020 en Galicia foi ben maior que o español (-5,3%), a pesar do cal as emisións por habitante de Galicia seguen a ser superiores á media española. E superou o logrado na UE-27 (-31,9%), producíndose unha converxencia coa UE en termos de emisións per cápita.
Descenso nin sostido nin homoxéneo
No período 1990-2020 nunca se superaron os tres anos consecutivos de redución das emisións. Se a traxectoria de diminución tivese sido continuada, o noso volume de emisións acumuladas e, polo tanto, o noso impacto sobre o clima global, tería sido ben menor, para unha mesma porcentaxe de redución das emisións en 2020 en comparación con 1990. En 1990-2020 Galicia emitiu 951 millóns de toneladas de GEI.
O decrecemento medio anual das emisións territoriais de GEI no que levamos de século aumentou desde -2,9 ao -4,5% entre 2001-2010 e 2011-2020, grazas sobre todo á queda das emisións en 2019-2020.
O obxectivo da Xunta para 2030 suporía unha redución media anual das emisións dun 3,5% a partir de 2020 , o que representaría unha desaceleración con respecto a 2011-2020. Pola contra, para atinxirmos polo menos un recorte do 65% en 2030 cumpriría un decrecemento medio anual de -6%.
O recorte das emisións por sectores ten sido moi desigual. Tanto en termos absolutos como relativos, o maior descenso tivo lugar no sector enerxético. De feito, case todo o descenso das emisións totais é atribuíbel ao sector enerxético. A pesar diso, aínda supón un 18% das emisións totais (2020).
A forte redución das emisións de gases de invernadoiro do sector enerxético galego rexistrada entre 1990 e 2020 foi debida principalmente á substitución da xeración eléctrica con carbón posibilitada polo desenvolvemento das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica.
Algúns sectores non só non reduciron senón que mesmo aumentaron as emisións, como o transporte e o sector agrogandeiro.
(Actualización: xuño de 2022).
Unidade
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o dióxido de carbono (CO2).
Notas
Os gases considerados son aqueles incluídos no Inventario estatal de GEI, elaborado conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6). Polo tanto, non se inclúen contaminantes tóxicos como as partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) ou o dióxido de xofre (SO2).
Non se inclúen as emisións de GEI do transporte aéreo e marítimo internacional nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non formaren parte das recollidas no inventario oficial. Tampouco as emisións de GEI vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura, por non figuraren nos datos para Galicia facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Fontes
Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.