Renovábeis eléctricas

A produción eléctrica renovábel galega está dominada polas enerxías hidroeléctrica e eólica.

A hidroeléctrica presenta unha importante variabilidade, determinada pola pluviosidade, con diferenzas interanuais que poden chegar a máis de 7.000 GWh. A eólica experimentou un forte crecemento desde finais da década de 1990, impulsando o aumento do total da produción renovábel. Porén, pasou de medrar a unha taxa anual do 18,5% na década 2001-2010 ao 3% en 2011-2020.

A achega da produción solar fotovoltaica á rede eléctrica aínda é residual. A porcentaxe conxunta da produción eólica e solar sobre a produción total de electricidade considérase un indicador de referencia do novo desenvolvemento renovábel. Isto é así polo carácter máis convencional da produción hidroeléctrica, con moitas décadas de historia, así como polo contaminante e pouco eficiente que resulta a queima de biomasa para obter electricidade. 

A porcentaxe da electricidade de orixe solar e eólica atinxiu o 43%, o que nos sitúa entre os países do mundo con cifras máis elevadas.

A respecto da relativamente elevada porcentaxe de electricidade eólica e solar, cómpre termos en conta dous feitos:

1) é atribuíbel ao desenvolvemento eólico e case nada ao solar.

2) o salto desde menos do 30% a máis do 40% rexistrado entre 2018 (e anos previos) e 2022 foi causado principalmente polo descenso da produción total de electricidade, favorecido pola queda da actividade das centrais de carbón e pola seca en 2022, máis que polo crecemento da produción eólica e solar.

Canto á capacidade de produción instalada, a porcentaxe que supón a potencia eólica máis a solar, logo dun período de forte crecemento até finais da primeira década do século, ficou estancada arredor do 30% até 2018, saltando até ao 35,7% en 2022. Este salto foi debido tanto a un pequeno aumento da potencia eólica e solar (+516 MW) como a unha diminución da potencia non renovábel polo apagado da central de carbón de Meirama (-557 MW).

Dos 3.761 MW de potencia hidroeléctrica existente, só 380,6 son de bombeo, cunha capacidade de almacenamento de 9.000 MWh por día, equivalente a un 20% da demanda diaria media galega de electricidade (2021).

O almacenamento de electricidade é esencial para construír un sistema eléctrico 100% renovábel con garantía de subministración. O bombeo de auga desde un encoro a outro situado a unha altura superior, cando hai un exceso de xeración renovábel, é hoxe o principal método de almacenamento de electricidade

O crecemento  da potencia renovábel ten sido moi desigual ao longo dos últimos vinte anos.

Até 2007  a potencia acrecentouse anualmente entre 300 e 550 MW, debido maiormente á nova potencia eólica. A partir de 2008  a incorporación de nova potencia desacelerouse. En 7 dos últimos 15 anos, a adición anual de nova potencia renovábel  foi inferior a 50 MW e só en 2 anos superáronse os 250 MW

A eólica achegou a maioría da nova potencia engadida desde 2008, con 861 MW, seguida pola hidroeléctrica, que sumou 455 MW, salientando a ampliación de centrais xa existentes na bacía Miño-Sil. A solar concentrou nos últimos 5 anos, grazas ao despegue do autoconsumo, a maior parte do seu crecemento, que se achegou aos 90 MW. Case todo o incremento da potencia da biomasa, 51 MW, é atribuíbel á posta en marcha dunha central de biomasa forestal en Curtis en 2019.

(Actualización: xaneiro de 2023).

Unidades

Porcentaxe da produción e da potencia solar e eólica sobre os respectivos totais (%).

Potencia: MW (1.000 kW).

Produción: GWh (1.000 MWh, 1.000.000 kWh).

Fontes

Red Data e aplicación RedOS de Rede Eléctrica de España (REE).

Potencia eléctrica-térmica en Galicia (para o 2010-2022). Balanzos enerxéticos anuais de Galicia (2000-2009). Páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.