Cota de renovábeis no consumo de enerxía final

O aumento da participación das enerxías renovábeis no consumo de enerxía debe lograrse por dúas vías complementarias: o desenvolvemento renovábel e a redución, en termos absolutos, da demanda de enerxía primaria e final.

As políticas públicas poñen a énfase no crecemento renovábel e descoidan a diminución do consumo, que se procura principalmente en termos de intensidade enerxética. Isto é así porque o decrecemento sostido do (sobre)consumo actual levaría a cuestionar o sistema económico dominante, baseado no crecemento ilimitado da produción e o consumo de bens e servizos, o que tende a aumentar o consumo de enerxía e materiais.

Para o cálculo dos obxectivos de penetración das enerxías renovábeis no consumo de enerxía final formulados a nivel institucional séguese a metodoloxía definida na Directiva 2009/28/CE. Polo tanto, os datos aquí presentados non coinciden exactamente cos recollidos nos indicadores relativos á electricidade ou á enerxía final.

A cota de renovábeis aumentou 10 puntos entre 2005 e 2011, chegando ao 35%. Até 2019 ficou estabilizada na franxa do 35-40%, para saltar ao 46,2% en 2020.

O ano 2020 ficou marcado polo decrecemento económico derivado da COVID-19. O salto na cota de renovábeis en 2020 explícase sobre todo polo descenso do consumo total de enerxía  (-771.000 toneladas equivalentes de petróleo con respecto a 2019). A magnitude deste descenso foi dez veces maior que o incremento do consumo de enerxía renovábel.

Grazas ao devandito salto, en 2020 superouse o obxectivo establecido polas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 para ese ano, fixado no 45%. O Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 da Xunta establece como obxectivo atinxir o 58% en 2030. Iso suporía un aumento duns 20 puntos con respecto a 2019.

Se no cálculo só se tivesen en conta as renovábeis libres de emisións nos puntos de xeración e consumo, a cota descendería notabelmente. Se se desconta a enerxía achegada pola biomasa, os biocarburantes e os residuos renovábeis (orgánicos), a cuota baixaría até o 25% en 2019, o último ano con datos representativo dun ano “normal”.

As emisións causantes de cambio climático de biomasa, biocarburantes e residuos orgánicos non se inclúen no inventario oficial de emisións de gases de efecto invernadoiro, por se considerar que o balance entre emisións e absorcións de carbono asociadas ao seu uso é neutro. Porén, no contexto da emerxencia climática, que obriga a reducir aceleradamente as emisións e a potenciar as absorcións,  o ideal sería non queimar e extraer biomasa para usos enerxéticos, substituíndoa polo aforro e por outras renovábeis libres de emisións.

Ademais, non sempre a biomasa e os biocarburantes presentan un balance de emisións de carbono mellor que o dos combustíbeis fóseis e, en calquera caso, contribúen a deteriorar a calidade do aire coa emisión de partículas e diversos gases.

Sen a biomasa e os biocarburantes, a cota das renovábeis na calefacción e refrixeración e no transporte situaríase por debaixo ou un pouco por riba do 1%, respectivamente. No caso dos usos térmicos pola moi limitada achega da solar térmica e das bombas de calor, e no que respecta ao transporte pola escasa electrificación.

No que atinxe á electricidade, a produción  a partir de biomasa e residuos é moi pequena, polo que a cota de renovábeis sen biomasa e residuos, sempre estimada segundo a Directiva 2009/28/CE, pasaría do 85,8 ao 83,7% en 2019.

(Actualización: xuño de 2022).

Unidade

Porcentaxe do consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovábeis (%)

Fonte

O sector enerxético galego e os obxectivos da Unión Europea. Páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.