Balanzo enerxético en 2024 (Diagrama Sankey)

O diagrama Sankey é un tipo de gráfica que ofrece unha visión global dos fluxos de enerxía que percorren a economía.

Na primeira columna á esquerda represéntase  a enerxía primaria. Esta, mediante diversos procesos nos que se producen perdas, transfórmase en enerxía final (electricidade, calor e combustíbeis), representada na segunda columna. Finalmente, na terceira columna vemos o consumo de enerxía final por sectores e as exportacións ao resto do Estado español e ao estranxeiro. 

Dado que o diagrama se basea nos datos do Balance enerxético de Galicia 2024 e que neste, a diferenza de edicións anteriores, non se especifican os rendementos globais da transformación das diferentes formas de enerxía primaria en final, o diagrama de Sankey non recolle as perdas.

Colocando o cursor entre as columnas podemos ver os fluxos de enerxía e a súa contía, expresada en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep). En todos os casos refírense a enerxía final.

Ollando para a gráfica, compróbase que Galicia non dispón dun excedente enerxético real, baseado en recursos enerxéticos propios. Pola contra, é altamente dependente do exterior, sobre todo polas importacións de petróleo e gas fósil.

Unhas tres cuartas partes dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) sobre os que se sostivo o funcionamento da economía galega en 2024 foron de orixe fósil e, polo tanto, importados.

O petróleo é o recurso enerxético máis empregado, representando o 55,9% de toda a enerxía primaria usada en territorio galego durante 2024.

O 12,2% da enerxía primaria perdeuse na súa transformación en enerxía final. Foi debido sobre todo aos procesos de conversión de petróleo e gas fósil en enerxía final.

Case toda a enerxía primaria renovábel procede de tres fontes: a auga, o vento e a biomasa. A auga e o vento empréganse para xerar electricidade e a biomasa principalmente para obter calor.

A achega do resto das renovábeis (sol, bombas de calor xeotérmicas e aerotérmicas, biogás,…) é aínda moi limitada.

A enerxía dispoñíbel para o consumo final ascendeu a 9,9 millóns de tep. A maior parte son combustíbeis fósiles (gasóleos, gasolina, gas fósil, etc). A electricidade, tanto a dispoñíbel como a consumida finalmente en Galicia, supuxo en 2024 menos dunha cuarta parte da total. Unha maior electrificación da economía é unha das vías máis importantes para a descarbonización.

O 47,5% da enerxía final obtida en Galicia durante 2024 foi exportada. O sector enerxético fósil é, de lonxe, o maior exportador de enerxía final. As exportacións están dominadas polos produtos petrolíferos, seguidos pola electricidade e o gas fósil. Este é reexportado a través da regasificadora de Mugardos, pola que entrou todo o gas fósil importado en 2024 (non chegou nada pola rede de gasodutos).

Os sectores produtivos (moi principalmente a industria) e máis o transporte acaparan unhas tres cuartas partes da enerxía final consumida en Galicia. Unha enerxía subministrada maioritariamente por combustíbeis fósiles, nomeadamente no transporte.

(Actualización: abril de 2026).

Unidade

Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Notas

Para simplificarmos o diagrama Sankey tomáronse as seguintes opcións: a) as enerxías residuais obtidas no proceso de refino do petróleo e autoconsumidas no propio proceso (gas, fuel de refinaría e gasóleo de baleiro) contabilizáronse como combustíbeis fósiles; b) alén das perdas na transformación de enerxía primaria en enerxía final, tampouco se representaron as perdas de electricidade nas redes de transporte e distribución; c) biomasa inclúe biogás.

A calor de coxeración é a calor residual aproveitada do proceso de xeración de electricidade nas centrais de coxeración.

O INEGA inclúe no sector industrial tamén o consumo conxunto de pesca, agricultura e gandaría, minas e construción. Estes sectores consumiron en 2024 un total de 148.000 tep de produtos petrolíferos.

Os biocarburantes consómense mesturados coa gasolina e co gasóleo auto, aos que se incorporan nunha pequena proporción.

Fontes

Balance enerxético de Galicia 2024. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

Consumo enerxético por sectores . Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.