As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) asociadas á transformación e o consumo de enerxía, a actividade con maiores emisións (70,7% das totais en 2020), pódense explicar descompoñéndoas en diversos factores:
-A escala da economía e da poboación: Produto Interior Bruto (PIB) por habitante e poboación. O crecemento da poboación e/ou da produción e o consumo inducen un aumento das emisións.
-A intensidade enerxética: Enerxía primaria/PIB. A mellora da eficiencia, tanto na transformación de enerxía primaria en enerxía final como no uso de enerxía final, reducen o uso de enerxía primaria por unidade de riqueza monetaria xerada. Neste factor tamén inflúe a estrutura produtiva, pois hai sectores máis ou menos intensivos no uso de enerxía final.
-A intensidade de carbono: Emisións GEI/Enerxía primaria. A desfosilización da enerxía primaria diminúe a intensidade de carbono, isto é, as emisións de GEI por unidade de enerxía usada.
Observando a seguinte gráfica podemos comparar a evolución das emisións de GEI derivadas do uso de enerxía primaria coa evolución de cada un dos anteriores factores explicativos no período 2010-2020.
Considerando 2010 como ano base, un ano con elevada xeración eléctrica renovábel no medio dunha crise económica, as emisións de GEI asociadas ao uso de enerxía primaria no noso territorio diminuíron en 34 puntos.
Todos os factores explicativos mencionados contribuíron a esa baixada, agás o PIB por habitante que, malia a queda causada pola COVID-19, situouse en 101,2 % (Base 2010) en 2020. Xa que logo, se só o PIB por habitante tivese mudado, as emisións en 2020 terían aumentado con respecto a 2010. A descida do PIB por habitante si contribuíu de forma notábel á baixada das emisións entre 2019 e 2020.
En 2010-2020, o decrecemento continuado da poboación contribuíu ao descenso das emisións ou, cando a menos, a limitar o seu ascenso.
Porén, os factores explicativos con maior peso na baixada das emisións en 2020 con respecto a 2010 foron a diminución da intensidade enerxética (enerxía primaria/PIB) e da intensidade de carbono (emisións de GEI/enerxía primaria).
A intensidade enerxética e a intensidade de carbono caeron abruptamente entre 2018 e 2020. A causa é a mesma: a queda do carbón na xeración eléctrica, máis intensa entre 2018 e 2019.
O carbón é o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de dióxido de carbono (CO2), principal gas causante de cambio climático. Por outro lado, a transformación da enerxía primaria do carbón en electricidade é pouco eficiente. As centrais térmicas de carbón son menos eficientes que as centrais de ciclo combinado ou as de coxeración.
Así, o forte descenso na produción eléctrica con carbón rexistrado a partir de 2019 reduciu ao tempo a intensidade de carbono e a intensidade enerxética, neste caso por mellorar a eficiencia da transformación de enerxía primaria en enerxía final.
(Actualización: xuño de 2022).
Notas
As emisións de GEI consideradas inclúen todas as englobadas na categoría Procesado de enerxía (categoría 1, nomenclatura CRF) do Inventario español de GEI. Inclúense polo tanto as do sector enerxético fósil (refinaría, centrais térmicas,…), as derivadas da queima de combustíbeis fósiles no resto de sectores (transporte, industria, fogares, comercios, agricultura,…) e as denominadas “emisións fuxitivas” do petróleo e o gas fósil. Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin tampouco as emisións de CO2 causadas pola queima de biomasa para obter calor ou electricidade, pois exclúense do inventario oficial.
Os datos de enerxía primaria refírense a toda a enerxía primaria usada en territorio galego para a súa transformación en enerxía final destinada, ou ben ao consumo interno, ou ben á exportación.
Os datos do PIB considerados están expresados en euros constantes de 2015.
A poboación considerada corresponde ao reconto oficial de xaneiro de cada ano.
Fontes
-Emisións de GEI: Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.
-Enerxía primaria e PIB prezos constantes 2015: Balance enerxético de Galicia 2020. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.
-Poboación: Páxina web do Instituto Galego de Estatística (IGE).