Emisións de GEI en 2020 (Diagrama Sankey)

A gráfica que presentamos aquí permite visualizar como se distribúen as emisións dos diferentes gases de efecto invernadoiro (GEI) por grandes tipos e sectores de actividade.

Na primeira columna á esquerda represéntanse os GEI. As emisións dos hidrofluorocarbonos (HFC), dos perfluorocarbonos (PFC) e do hexafluoruro de xofre (SF6) agrúpanse nunha única categoría: gases fluorados.

Na columna central aparecen grandes tipos de actividades, de acordo coa clasificación CRF (siglas en inglés de “formato común para informes”) empregada nos inventarios oficiais de emisións de GEI.

Finalmente, na columna de dereita distribúense as emisións por grandes sectores de actividade. Neste caso, séguese tamén a devandita clasificación, mais con algunhas modificacións, indicadas ao final desta entrada no apartado Notas.

O dióxido de carbono (CO2) é o gas de invernadoiro que máis contribúe á crise climática global desde Galicia. Supuxo o 74,3% das emisións en 2020, fronte ao 16,9% do metano (CH4) e o 7,1% do óxido nitroso (N2O). Os gases fluorados representaron menos do 2% das emisións totais de GEI.

A transformación e o consumo final de enerxía fósil (procesado de enerxía na nomenclatura CRF) é, de lonxe, a maior fonte de CO2 e de GEI en xeral. É a orixe do 70,7% das emisións territoriais do país,  o que dá conta da relevancia da transición enerxética no combate á emerxencia climática.

Despois do uso de enerxía fósil, a actividade máis emisora é a dixestión do gado vacún (fermentación entérica). En 2020 supuxo o 10,8% de todas as emisións.

Tamén é destacábel a achega dos procesos industriais (á marxe do consumo de enerxía fósil na industria) e do uso de certos produtos, que chegou a representar o 7%. Neste eido, as emisións aparecen dominadas pola industria metalúrxica e máis polo uso de HFCs en aparellos de refrixeración e aire acondicionado.

Se se inclúe o uso de enerxía fósil, a agricultura e a gandaría foi o sector con maiores emisións en 2020. Emitiu 4.921.501 toneladas de CO2 eq, o que supón o 26,5% das emisións totais.

Na realidade, moito máis a gandaría que a agricultura, especialmente se consideramos só a destinada á alimentación humana directa. Obviamente, todas as emisións da dixestión do gado e da xestión dos residuos gandeiros nas explotacións son atribuíbeis á gandaría, mais tamén boa parte das debidas ao uso de fertilizantes, pois aquí inclúense tamén a fertilización por pastoreo e por aplicación no solo de residuos gandeiros, alén do uso de fertilizantes sintéticos nitroxenados e outros. 

O gado vacún é a principal fonte das emisións asociadas á gandaría. Alén de ser a causa da práctica totalidade das atribuíbeis á dixestión do gado, a maior parte das asociadas á xestión dos residuos gandeiros teñen a súa orixe nas vacas, así como unha parte significativa das vinculadas ao uso de fertilizantes.

O transporte foi o segundo sector con maiores emisións en 2020, un ano marcado polas restricións da mobilidade derivadas da COVID-19. As 4.186.529 toneladas emitidas polo transporte representaron o 22,5% das emisións totais do país. É o maior sector emisor se se exclúe a maquinaria agrícola do sector agrario, como acontece no inventario oficial.

Case todas as emisións do sector do transporte son debidas ao transporte por estrada, procedendo dos turismos dúas terceiras partes delas.  Hai que ter en conta que na gráfica, así como nos inventarios oficiais elaborados no marco da Convención sobre Cambio Climático, non se inclúen as importantes emisións do transporte marítimo e aéreo internacionais.

O contributo á crise climática do sector enerxético e da industria non enerxética (e uso de produtos) foi semellante en 2020, situándose en ambos os dous casos perto do 20% das emisións totais. 

(Actualización: xullo de 2022).

Unidade

A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.

Notas

As chamadas emisións fuxitivas, asociadas ao proceso do refino de petróleo e ao transporte e distribución do gas fósil, inclúense no sector enerxético.

As emisións de “outros”, englobadas no procesado de enerxía fósil (categoría 1A5), e  que ascenderon a 15.050 t de CO2 eq en 2020, non se representan debido á súa escasa contía.

Ás emisións do sector da agricultura e a gandaría non derivadas da combustión súmanselle as derivadas do consumo de enerxía fósil neste sector e na silvicultura, debidas moi principalmente á maquinaria agrícola, que emitiu 1.047.402 t de CO2eq. No reparto de emisións feito pola clasificación CRF usada no inventario oficial, estas emisións vencelladas ao uso de enerxía fósil agrúpanse en “outros sectores” (1A4), xunto coas de fogares, comercios, edificios públicos e pesca.  Por outro lado, dentro do sector agrario, non se representan no diagrama as emisións de CO2 derivadas da fertilización con urea e da aplicación de fertilizante con carbono, nin tampouco as de CH4 e N2O (as de CO2 non se contabilizan) provocadas polas queimas agrarias,  pois a súa contía é pequena (21.486 t e 248 t de CO2 eq, respectivamente).

As emisións da incineración de residuos para a produción de electricidade e, en xeral, dos aproveitamentos enerxéticos dos residuos, inclúense nas do sector enerxético, e non en xestión de residuos, ao igual que no inventario oficial.

Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non se incluíren no inventario oficial de emisións. Tampouco as emisións vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura, por non figuraren nos datos para Galicia facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Fonte

Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.