Emisións de GEI por gases

A evolución das emisións dos diferentes Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) ten sido desigual ao longo do período 1990-2024.

As emisións de dióxido de carbono (CO2), ligadas case en exclusiva ao uso de enerxía fósil (o inventario oficial non inclúe as orixinadas pola queima de biomasa), diminuíron en 11.960.429 toneladas desde 1990 (-50,9%).

A substitución da electricidade procedente do carbón por electricidade renovábel é a causa principal desta baixada.

Alén das de CO2, só se rebaixaron significativamente as emisións dos perfluorocarbonos (PFCs), reducidas practicamente nun 100% (-864.493 toneladas de CO2 eq con respecto a 1990).

A maior parte da baixada das emisións de PFCs aconteceu entre 1997 e 2001. Debeuse á diminución das emisións na produción de aluminio como resultado de melloras tecnolóxicas. No recorte practicamente total das emisións en 2024 influíu tamén a parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.

Pola contra, as emisións dos hidrofluorocarbonos (HFCs) foron as que máis medraron en termos relativos. Comezaron a usarse en 1995 como substitutos de substancias prexudiciais para a capa de ozono en refrixeración e aire acondicionado.

En 2007-2014, as emisións de HFCs acadaron un teito de 850.000-950.000 de toneladas de CO2 eq. A entrada en vigor en 2015 dun imposto estatal aos gases fluorados (Lei 16/2013, de 29 de outubro), que desincentiva os de maior impacto climático e mellora o mantemento e recuperación dos gases nos equipamentos existentes, induciu unha caída brusca das emisións, que continuaron a diminuír nos anos seguintes. En 2018-2022 emitíronse arredor de 300.000 toneladas anuais. En 2024 lanzáronse á atmosfera 245.102 toneladas.

As emisións de hexafluoruro de xofre (SF6) multiplicáronse por tres desde 1990, mais a súa contía é moi pequena (16.631 toneladas de CO2 eq en 2024).

O SF6 úsase sobre todo como illante en equipamentos eléctricos.

O metano (CH4) é o GEI cuxas emisións creceron máis en termos absolutos con respecto a 1990. Acrecentáronse en 396.732 toneladas de CO2 eq (+12,5%). Foi por causa moi principalmente do incremento das emisións da gandaría (sobre todo da de vacún), pois as asociadas ao tratamento de residuos e augas residuais e ao uso de enerxía fósil baixaron.

O sector agrario tamén é a principal orixe das emisións de óxido nitroso (N2O), que medraron o 4,1% (+49.264 t de CO2 eq) en comparación con 1990.  Porén, o aumento das emisións entre 1990 e 2024 produciuse no tratamento das augas residuais.

A diferente evolución das emisións  fixo que o peso de cada gas de invernadoiro nas emisións totais variase significativamente entre 1990 e 2024. Así, o CO2 pasou de representar o 81,8% das emisións en 1990 ao 69,5% en 2024. Mentres tanto, o peso do CH4 medrou do 11 ao 21,5% e o do N2O do 4,2 ao 7,5%.

(Actualización: xuño de 2026).

Unidades

CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.

Porcentaxe de cada gas de invernadoiro sobre as emisións totais (%).

Notas

Os gases considerados son aqueles incluídos no inventario estatal de gases de efecto invernadoiro, elaborado conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático.

Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non se incluíren no inventario oficial de emisións de GEI. Tampouco as emisións vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura, tratándose polo tanto de datos de emisións brutas.

Fonte

Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2024). Ministerio para a Transición Ecolóxica.