O Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), coñecido tamén polas súas siglas en inglés (ETS, European Emissions Trading) é un instrumento de mercado creado no ámbito da UE no que están obrigados a participar empresas dos sectores da aviación e do transporte marítimo e de diversos sectores industriais intensivos en emisións de gases de invernadoiro. Funciona desde 2005.
-65,8% (2005-2020)
Baixo o RCDE outórganse dereitos de emisión ás instalacións industriais participantes. As instalacións que exceden a cantidade de dereitos outorgados deben comprar no mercado as toneladas emitidas de máis. Nese mercado as empresas que non usaron todos os seus dereitos poden vender as toneladas non consumidas. O volume total de dereitos de emisión que se poñen en circulación conforma un teito de emisións que vai diminuíndo de acordo cos obxectivos climáticos.
As emisións anuais de gases causantes de cambio climático das instalación afectadas polo RCDE no noso país ascenden a 3.595.761 toneladas (2025). Actualmente representan o 25,8% das emisións totais (2023), despois de suporen arredor do 50% durante a maior parte do período 2005-2020.
Obsérvase unha tendencia clara ao descenso das emisións das instalacións sometidas ao RCDE, moi acentuada a partir de 2018. En 2020, as emisións baixaron un 65,8 % fronte ás de 2005.
A afirmación anterior debe matizarse considerando que o ámbito de aplicación do RCDE foi mudando, diferenciándose catro fases diferentes de implementación. Os sectores e instalacións afectadas non coinciden totalmente para cada fase, polo que o máis axeitado sería compararmos os datos das emisións RCDE por fases.
Cambios nas emisións durante a fase 3 (2013-2020)
As emisións dos sectores industriais afectados polo RCDE baixaron o 57,3% en 2020 con respecto a 2013.
Sen desprezar a influencia da crise económica desencadeada pola COVID-19 en 2020, a maior parte desta redución foi debida á caída das emisións da xeración de electricidade con carbón.
Cambios nas emisións durante a fase 4 (2021-2025)
O RCDE afectou nesta fase un total de 41 instalacións industriais galegas (ver listaxe na sección documentos) de diversos sectores: xeración eléctrica en centrais térmicas (3), instalacións de combustión de sectores non contemplados especificamente (23), refino de petróleo (1), produción de hidróxeno fósil (1), aceiro e ferroaleacións (5), aluminio (3), cemento (1), magnesita (1), pasta de papel (1) e fabricación de produtos químicos orgánicos (2).
Durante a fase 4 as emisións de gases de efecto invernadoiro abranguidas polo RCDE no noso país diminuíron o 36,9%, pasando de 5.694.953 toneladas en 2021 a 3.595.761 en 2025.
A redución das emisións entre 2021 e 2025 concentrouse nas centrais térmicas e na siderurxia e a metalurxia. En 2023 pechou definitivamente a central de carbón das Pontes.
(Actualización: abril de 2026).
Unidades
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Porcentaxe das emisións RCDE sobre as emisións totais (%).
Notas
A partir de 2013, ademais do dióxido de carbono (CO2), aplícase o RCDE a outros GEI: os perfluorocarbonos (PFCs) na produción de aluminio, e o óxido nitroso (N2O) na fabricación dalgúns produtos na industria química.
Unha das tres industrias do sector do aluminio, Alu Ibérica (antes Alcoa A Coruña), xa foi pechada e só rexistrou emisións en 2021.
Os sectores abranguidos polo RCDE non sempre inclúen todas as industrias emisoras, o que acontece especialmente no sector combustión-coxeración.
Fontes
Informes de emisión de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Páxina web sobre cambio climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Informes de aplicación do RCDE en España. Páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Union Registry. Páxina web da Comisión Europea sobre o RCDE.