Electrificación da economía

A electrificación da economía mídese pola porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo total de enerxía final.

Un 68% das emisións territoriais brutas galegas de gases de invernadoiro procede da transformación e do consumo de enerxía. Polo tanto, a redución da demanda de combustíbeis fósiles é chave na mitigación da crise climática desde o noso país.

Existe un acordo xeral verbo da necesidade de acompañar o crecemento da xeración eléctrica renovábel cunha maior electrificación da economía, nomeadamente da demanda de calor e do transporte. Deste xeito favorecerase a desfosilización do sistema enerxético e a diminución das emisións de gases de invernadoiro

Mesmo nun contexto no que se reducir o consumo total de enerxía, requírese un aumento da produción e do consumo de electricidade renovábel para avanzarmos na descarbonización.

A electrificación da economía galega non está a avanzar. En 2024 atinxiu un 24%, unha das cifras máis baixas desde 2006.

A Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta non formula ningún obxectivo de electrificación da economía, mentres que o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2023-2030) propón un 35% para o conxunto do Estado español. No informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, o OGACLI e Greenpeace avogan por un 50% para 2030, unha cifra xa moi ambiciosa e xa dificilmente alcanzábel. 

O alcance é a evolución da electrificación é moi desigual por sectores. Só nos servizos e nos fogares supera ou achégase ao 50%. Na industria caeu de forma acentuada nos últimos anos, pola crise da industria electrointensiva e a falta de avances en electrificación. No transporte tende a subir, mais a un ritmo moi lento.

(Actualización: xullo de 2026).

Unidade

Porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo de enerxía final (%).

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.

Obxectivo Electrificación da economía española. Base de datos do Observatorio da Transición Enerxética e a Acción Climática (OTEA).

Consumo de enerxía final por sectores. Web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.