Uso de enerxía primaria

Na análise do consumo de enerxía cómpre diferenciar entre enerxía primaria e enerxía final. A enerxía primaria son os recursos ou materias primas enerxéticas extraídos ou captados da natureza que son transformados para poderen ser consumidos nos diversos sectores de actividade (industria, transporte, fogares,…) como enerxía final (electricidade, calor, combustíbeis).

O uso enerxía primaria pola economía galega atinxiu o seu pico histórico en 2007, ano en que rozou os 14 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep). En 2010-2019 observouse unha tendencia á estabilización, situándose a media anual en 12,4 millóns de tep durante este período. En 2020 rexistrouse un descenso extraordinario do 13,4% atribuíbel á queda da actividade económica provocada pola COVID-19.

2020

10,23 millóns tep


2030 (PNIEC)

10,08 millóns tep

O petróleo é o recurso enerxético máis usado, a pesar de que en 2020 a demanda caeu abruptamente polas restricións asociadas á COVID-19. Pola contra, a caída no uso do carbón a partir de 2019 ten carácter estrutural, pois débese á falta de competitividade das centrais eléctricas de carbón de Meirama e As Pontes, a primeira das cales deixou de producir en 2020. En 2019, o gas fósil pasou a ser a segunda fonte de enerxía, substituíndo parcialmente o carbón na xeración eléctrica. Case as tres cuartas partes da enerxía primaria usada pola nosa economía é de orixe fósil.

A achega conxunta das enerxías renovábeis, dominada pola auga, o vento e a biomasa, non deixou de medrar desde o comezo do século. Porén, o crecemento medio anual das renovábeis pasou do 7,4% en 2001-2010 a só o 2,4% en 2011-2020. Porén, a forte baixada na demanda de petróleo fixo que en 2020 a súa participación no uso de enerxía primaria superase por primeira vez o  25%.

(Actualización: xuño de 2022).

Unidade

Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Nota

A Xunta non formulou polo de agora un obxectivo para o uso de enerxía primaria. O obxectivo representado é o resultado de aplicar ao consumo galego o obxectivo estatal dun descenso do 1,9% anual desde 2017.

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.

Uso e consumo de recursos enerxético en Galiza no século XX,  Xoán R. Doldán García. En “O Antropoceno e a “Grande Aceleración”. Unha ollada desde Galicia, Francisco Díaz-Fierros Viqueira (coordenador). Consello da Cultura Galega, 2019.