As partículas en suspensión de diámetro aerodinámico inferior a 2,5 micras (PM2,5) ou finas son un dos contaminantes atmosféricos máis prexudiciais para a saúde humana. Alén de se emitiren directamente, fórmanse na atmosfera a partir de reaccións doutros contaminante desprendidos como gases.
Durante 2021 superouse en toda Galicia o limiar da concentración media anual no aire deste contaminante recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Isto é, os niveis de inmisión son incompatíbeis coa protección adecuada da saúde humana. Iso aconteceu a pesar de as emisións de PM2,5 teren diminuído en 13.013 toneladas (-46,4%) en 2020 en comparación co ano 2000.
As emisións medraron entre 2000 e 2005 para experimentar unha forte caída entre ese ano e 2010, debido principalmente ás reducións nas emisións dos lumes e do sector enerxético.
Desde 2010 a tendencia ao descenso das emisións ten sido máis suave e veuse interrompida en 2017 por un pico moi elevado atribuíbel ao aumento nese ano das emisións dos incendios forestais.
A maior fonte emisora de PM2,5 en 2020 foi a combustión en caldeiras domésticas e non industriais en xeral (42,4%), seguida polos lumes forestais (27,2%).
Aínda que o transporte por estrada reduciu moito as súas emisións, o tráfico urbano explica en grande medida a exposición da poboación urbana a aire contaminado por PM2,5 en maior medida que no medio rural. Nas cidades portuarias tamén semellan ter unha influencia significativa as emisións do tráfico marítimo.
(Actualización: decembro de 2022).
Unidade
Toneladas
Nota
A pesar de a edición máis recente do Inventario español de Contaminantes Atmosféricos abranguer o período 1990-2020, só se dispón de datos para as PM2,5 a partir do ano 2000.
Fonte
Desagregación territorial para Galicia do Inventario estatal de Contaminantes Atmosféricos (1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.