Os gases precursores do ozono troposférico son os compostos orgánicos voláteis non metánicos (COVNM), os óxidos de nitróxeno (NOx), o metano (CH4) –que é tamén un potente gas de invernadoiro– e o monóxido de carbono (CO).
O ozono troposférico, a diferenza do da estratosfera, é un dos principais contaminantes atmosféricos. Fórmase na atmosfera a partir dos devanditos gases precursores (principalmente COVNM e NOx) mediante unha complexa serie de reaccións fotoquímicas. A radiación solar e a calor favorecen a súa formación, polo que é durante o verán e a primavera cando os seus niveis poden ser prexudiciais para a saúde humana. En Galicia adóitanse superar as concentracións no aire recomendadas pola Organización Mundial da Saúde, como aconteceu en 2022.
As emisións de gases precursores do ozono troposférico diminuíron en 123.301 toneladas (-41,8%) en 2020 con respecto a 1990.
As causas principais deste descenso foron as melloras no control da contaminación atmosférica das centrais térmicas, os vehículos e a aplicación de pinturas, así como o avance da transición enerxética e a tendencia á redución das superficies afectadas por incendios forestais. Non obstante, en anos con vagas incendiarias moi destrutivas, como 2017, as emisións poden experimentar importantes picos.
As maiores fontes de gases precursores do ozono troposférico na actualidade son o transporte e a maquinaria móbil (40,6%) e máis a agricultura e a gandaría (21,6%).
Todas as emisións de gases precursores do ozono troposférico diminuíron de forma importante entre 1990 e 2020, agás as de metano (CH4), que aumentaron o 8,1%. As de compostos orgánicos voláteis non metánicos (COVNM) reducíronse no 34,2%, menos que as de NOx, que diminuíron o 42%. As emisións de monóxido de carbono (CO) baixaron o 58,8%. Con todo, estas últimas poden presentar picos moi pronunciados en anos nos que se dispara a superficie queimada, como aconteceu en 2017.
(Actualización: decembro de 2022).
Unidades
Toneladas de COVNM equivalente. Unidade que permite agregar os gases precursores da formación de ozono troposférico en función da súa achega en relación aos COVNM, utilizándose para iso os factores de cálculo empregados pola Axencia Europea do Ambiente e Eurostat (COVNM: 1; NOx :1,22; CO: 0,11; CH4: 0,014).
Toneladas de COVNM, NOx, CO e CH4.
Fonte
Desagregación territorial para Galicia do Inventario estatal de Contaminantes Atmosféricos (1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.