Electricidade

A electricidade é unha das formas de enerxía final que pode ser directamente usada polos consumidores, xunto coa calor e os combustíbeis.

Segundo o Balance Enerxético de Galicia, a electricidade supón o 25,5% da enerxía dispoñíbel no noso país para o consumo (2020).

Produción

A produción eléctrica presenta unha certa variabilidade anual, determinada sobre todo polas renovábeis, e dentro destas polos encoros, cuxa produción depende da pluviosidade. Con todo, observouse unha tendencia clara ao descenso da produción na década de 2010 que prosegue no inicio da actual.

Nos últimos catro anos (2019-2022) a xeración eléctrica minguou notabelmente, ficando por debaixo dos 25.000 xigavatios hora (GWh).

A causa principal desta caída foi o colapso do carbón na xeración eléctrica, inducido polo aumento do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. A queda da produción das centrais de carbón rexistrada entre 2018 e 2022 foi compensada parcialmente polas centrais de gas fósil (Sabón e As Pontes).

A diminución da xeración eléctrica non renovábel, e por extensión da total, posibilitou que a porcentaxe da xeración renovábel sobre a total medrase do 55 ao 64% entre 2018 e 2022. En 2022 diminuíu con respecto ao ano anterior por causa da seca e do cativo crecemento da potencia das renovábeis eléctricas.

A desfosilización da xeración eléctrica, xunto co aumento da electrificación da economía, é fundamental para a descarbonización. Un sistema eléctrico galego 100% renovábel parece factíbel en 2030, mais o obxectivo da Xunta non vai alén do 84,8% (incluíndo “residuos renovábeis”).

Capacidade de produción

Entre 2000 e 2009, a potencia eléctrica instalada na nosa terra creceu un 70%, debido ao desenvolvemento eólico e á construción das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes (esta situada a carón da de carbón). Porén, desde 2010 a potencia eléctrica apenas medrou, estancándose nuns 11.000 megavatios (MW).

Na segunda década deste século substituíuse potencia non renovábel por renovábel, mais a un ritmo lento. A renovábel aumentou 1.049 MW, sendo maiormente eólica e hidráulica. A non renovábel baixou 957 MW, principalmente polo peche das centrais de fuel óleo de Sabón (2011) e de carbón de Meirama (2020). A renovábel representa o 70,5% da potencia instalada (2022, até setembro).

Demanda interna e exportación

A demanda galega de electricidade situouse arredor dos 20.000 GWh en 2011-2018 para caer até uns 17.500 en 2020 e 2021, baixo a influencia da COVID-19 e dos elevados prezos da electricidade (segundo semestre de 2021).

A redución da demanda e a ausencia de seca posibilitaron que en 2020 e 2021 a xeración renovábel superase un pouco a demanda eléctrica no balanzo anual, malia o cativo incremento da potencia renovábel. Foi a primeira vez que iso aconteceu desde a década de 1970, en que a produción hidroeléctrica (a única de orixe renovábel daquela) aínda adoitaba superar a demanda interna.

Durante os nove primeiros meses de 2022 a electricidade renovábel producida en Galicia non superou a demanda interna.

Que en 2020 e 2021 a xeración renovábel superase a demanda non significa que Galicia fose autosuficiente con renovábeis todas as horas, días e meses deses anos. Para que iso tivese sido posíbel precisaríase maior capacidade de almacenamento (centrais hidroeléctricas de bombeo, baterías, hidróxeno verde…).

Galicia importa e exporta electricidade, aínda que o saldo anual de intercambios é claramente exportador cara ao resto da Península Ibérica. O saldo exportador tende a diminuír, tanto en termos absolutos como relativos. En 2019-2021 ascendeu a 6.000-7.000 GWh, representando o 24-28% da xeración total.

Consumo final por sectores

A industria é a maior consumidora de electricidade en Galicia, acaparando o 53% do consumo final (2016, último ano con datos accesíbeis publicamente), sobranceando a demanda da siderurxia e fundición e máis da metalurxia non férrea.

A metalurxia non férrea supera por si soa o consumo do sector doméstico, o maior consumidor logo do industrial.  Industria, fogares e servizos (hostalaría, comercio, servizos, administracións) representan conxuntamente o 96% do consumo eléctrico.

O transporte multiplicou por seis o seu consumo entre 2005 e 2016 mais supón tan só o 1,4% do total.

(Actualización: xaneiro de 2023).

Unidades

Porcentaxe da xeración renovábel sobre a xeración total (%).

Potencia: MW (1.000 kW).

Produción: GWh (1.000 MWh, 1.000.000 kWh).

Notas

Nas fontes de xeración renovábel non se inclúen os chamados “residuos renovábeis” (residuos orgánicos), si contabilizados como tal nas estatísticas oficiais. Pola contra, si se inclúe a biomasa, malia ser contaminante e pouco eficiente na xeración de electricidade.

A demanda de electricidade refírese á demanda en “barras de central”, isto é, descontado o consumo nas propias centrais eléctricas e sen descontar as perdas no transporte e a distribución. Non inclúe o consumo en bombeo hidráulico.

Fontes

Red Data e app redOS de Rede Eléctrica de España (REE). 

Evolución da potencia eléctrica e térmica. Consumo de electricidade por sectores. Páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.