A Axenda enerxética de Galicia 2030 é a folla de ruta da Xunta en materia de enerxía para a presente década. Atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro dun 65% en 2030, con respecto a 1990. Prevé unha redución insuficiente do consumo enerxético e un crecemento moderado das enerxías renovábeis.
Talvez porque non se trata dun verdadeiro plan enerxético, a Axenda enerxética de Galicia 2030 presenta importantes lagoas e non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica.
O seu texto completo nin tan sequera foi divulgado publicamente logo da súa aprobación pola Xunta en xuño de 2022. O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) obtívoo só grazas á intervención da Valedora do Pobo. Despois de “ameazar” con publicalo na nosa páxina web a Xunta colgou na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) Axenda enerxética de Galicia 2030 o 3 de febreiro de 2023.
O OGACLI elaborou o documento Axenda enerxética de Galicia 2030: unha folla de ruta incompleta cara a unha Galicia gris, no que se analizan algúns aspectos da Axenda relevantes desde a perspectiva do combate á emerxencia climática.
Insuficiente ambición climática
A Axenda enerxética de Galicia 2030 atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro dun 65% en 2030, con respecto a 1990, polo que non está en liña coa meta máis ambiciosa do Acordo de París, que é evitar un quecemento global superior a 1,5⁰C.
Ademais, a Axenda nin precisa o mix enerxético (máis alá do eléctrico) nin estima as emisións de gases de invernadoiro asociadas a ese mix, nin para 2030, nin para 2050 e, por suposto, tampouco para anos intermedios.
Polo tanto, a Axenda non precisa a súa achega á redución das emisións totais de Galicia, o que alimenta aínda máis a confusión e desinformación existente a respecto do obxectivo da Xunta. O obxectivo da actual Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 para 2030 (-24,5% das emisións totais en relación a 1990) non coincide co apuntado na Axenda enerxética 2030 e en declaracións recentes da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez (-55%).

Descenso suave do consumo de enerxía
A redución do consumo galego de enerxía primaria (non confundir con enerxía final) procurada pola Axenda Enerxética é de só o 19% en 2030, en comparación con 2019. Este recorte equivale á caída forzada en 2020 pola COVID-19.
A xuízo do OGACLI, a diminución do consumo debería aproximarse ao 40%, para o cal sería preciso un salto na electrificación da economía (parella á desfosilización da xeración eléctrica), a aceleración da rehabilitación enerxética de edificios, o decrecemento da mobilidade en coche e camión e melloras notábeis da eficiencia enerxética nos sectores produtivos.
Ademais, para recortarmos as emisións de gases de invernadoiro en Galicia non só é necesario diminuír o consumo galego de enerxía primaria senón tamén o uso de enerxía primaria en territorio galego, que é moi superior. Iso pasa pola redución da actividade, até o seu peche ou transformación, da potente industria enerxética fósil asentada en Galicia, sobre cuxo futuro a Axenda apenas se pronuncia, aínda que é evidente a aposta do Goberno galego por alongar todo o posíbel a súa vida, como xa tentou coas centrais de carbón de Meirama e As Pontes.
Moderado crecemento das enerxías renovábeis
A Axenda confórmase cun crecemento moderado da cota de renovábeis no consumo de enerxía final, que acadaría o 58% en 2030, 19 puntos máis que en 2019.
Canto á participación das enerxías renovábeis no uso de enerxía primaria, que en 2019 foi tan só do 21,5%, a Xunta non fixou ningún obxectivo.
Para lograr un aumento ambicioso da participación das enerxías renovábeis cómpre, por un lado, reducir fortemente a actividade do sector enerxético fósil e o consumo galego de enerxía e, por outro lado, intensificar o crecemento das renovábeis térmicas diferentes da biomasa (solar térmica, aerotermia, xeotermia) e das renovábeis eléctricas diferentes da eólica terrestre, nomeadamente da solar na modalidade de autoconsumo.
A aposta da Xunta pola biomasa, enerxía renovábel pero emisora de dióxido de carbono (CO2), segue a ser excesiva para a xeración de calor.
Canto á eólica terrestre, a duplicación da potencia eólica terrestre instalada, de 3.878 a 7.700 MW, pode considerarse suficiente. Porén, este crecemento será problemático se non se acompaña de cambios na regulación e na planificación eólicas que aminoren os custos socioambientais asociados, o que a Axenda non prevé.
O aumento previsto da potencia hidráulica débese a novas centrais hidráulicas de bombeo necesarias para aumentar o almacenamento, non a novos encoros.
Electrificación versus exportación
A Axenda renuncia a unha produción eléctrica 100% renovábel en 2030, logro que implicaría reducir até cero o factor de emisión de gases de efecto invernadoiro da produción eléctrica galega, que en 2022 situouse nuns 150 gr/kWh.
A desfosilización da xeración eléctrica, unida ao incremento da produción eléctrica renovábel e da electrificación do consumo de enerxía final, estancado nun 25% nos últimos anos, impulsaría a descarbonización de Galicia.
A redución das emisións galegas de gases causantes de cambio climático veríase prexudicada por un escaso avance da electrificación e/ou pola exportación de electricidade renovábel, ben directamente ou ben a través da súa transformación en hidróxeno verde.
É preocupante que a Axenda non estableza ningún obxectivo de electrificación, non informe sobre o saldo previsto de intercambios de electricidade e contemple unha produción máxima de hidróxeno verde en 2030 que acapararía un 30% do aumento da electricidade renovábel (fundamentalmente eólica) previsto entre 2020 e 2030.
Transición xusta
A Axenda Enerxética de Galicia 2030 descoida aspectos fundamentais para unha transición enerxética ecosocial. Por exemplo, non amosa un compromiso forte co autoconsumo e a creación de comunidades enerxéticas e ignora a educación ambiental como ferramenta estratéxica para conseguir o cambio social que require unha transición enerxética sustentábel a longo prazo.
Tampouco contempla a participación de capital público no desenvolvemento renovábel como forma de aceleralo e democratizalo. E non cuestiona a presenza destacada da Xunta no accionariado da gasística Reganosa.