Aumentan as emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica galega

A xeración eléctrica renovábel baixou o 19% en 2022 con respecto ao ano anterior, mentres a fósil medrou o 26%. Como consecuencia, medraron notabelmente as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas á produción de electricidade en Galicia, atinxindo uns 3,5 millóns de toneladas.

Seca e estancamento das renovábeis

A seca e o estancamento da potencia eléctrica renovábel instalada explican o importante descenso da xeración renovábel en 2022.

A produción renovábel só representou o 64% da total, afastándose do obxectivo do 100% que cumpriría acadar en 2030 para lograrmos reducións ambiciosas das emisións de gases de invernadoiro durante esta década.

Táboa. Produción eléctrica galega

20212022
FontesMWh% totalMWh% total
Hidráulica7.691.73031,84.136.90018,5
Eólica9.560.09139,59.719.90043,4
Solar fotovoltaica22.3290,122.1000,1
Biomasa e biogás539.6572,2482.3002,2
Xeración renovábel17.813.80773,614.361.20064,1
Turbinación bombeo29.6330,1117.1000,5
Ciclos combinados (gas fósil)3.694.92915,35.062.10022,6
Carbón458.9391,9859.3003,8
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.883.2617,81.689.1007,5
Residuos331.7111,4326.8001,5
Xeración non renovábel6.398.47226,48.054.40035,9
Total24.212.27910022.415.600100

Fontes: Red Data e app redOS de Rede Eléctrica de España (REE). Notas: Os datos para 2022 son  provisionais. Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por REE.

A diminución na xeración renovábel debeuse moi principalmente á baixada do 46% na contribución dos encoros. A produción mensual hidráulica foi moi inferior á media dos cinco anos anteriores, agás en novembro e decembro, en que foi similar.

Ademais hai que ter en conta que a potencia renovábel tan só creceu o 0,8%, cando menos até setembro.

Como acontece nos anos secos, os parques eólicos evitaron unha caída moi drástica da produción renovábel. A xeración eólica non só se mantivo senón que creceu, máis só un 2%, en liña co cativo aumento da potencia instalada.

A biomasa, unha renovábel contaminante e con pouco peso, baixou a súa produción un 11%. Canto á solar, a súa achega á rede eléctrica segue a ser moi residual, supondo tan só o 0,1% do total.

Dispárase a queima de carbón e gas fósil

O descenso das renovábeis foi compensado parcialmente polo carbón e, sobre todo, polo gas fósil.

A suma da produción das centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes e Sabón igualou o seu máximo histórico (2008), converténdose na segunda fonte en 2022, ficando só atrás da eólica.

A central de carbón das Pontes, cuxa autorización de peche diferiu parcialmente o Ministerio de Transición Ecolóxica, case duplicou a súa produción en relación a 2021, aínda que só representou un 4% da total.   

Forte aumento das emisións de gases causantes de cambio climático

A forte repunta na queima de enerxía fósil provocou un incremento considerábel das emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica, interrompendo a traxectoria de descenso iniciada en 2018.

Segundo unha primeira estimación do OGACLI aproximaríanse ás 3,5 millóns de toneladas, o que suporía un aumento de arredor do 30% con respecto a 2021

Trátase dun importante paso atrás na descarbonización da xeración de electricidade  que, malia ter diminuído moito as súas emisións no que levamos de século por causa do desenvolvemento renovábel e da caída no uso do carbón, segue a ser unha das maiores fontes de gases causantes de cambio climático no noso país.

A desfosilización total da xeración eléctrica é estratéxica para a descarbonización do conxunto da economía, mediante o aumento da súa electrificación.

Descenso da demanda e das exportacións

As emisións de gases causantes de cambio climático da nosa produción eléctrica terían aumentado ben máis en 2022 de non ser polo forte descenso tanto da demanda interna galega como das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica.

Cos datos dispoñíbeis polo de agora, que abranguen os nove primeiros meses do ano, constátase unha diminución da demanda do 20% con respecto ao mesmo período de 2021. Semella causada sobre todo pola diminución do consumo industrial e, particularmente, pola paralización até 2024 da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.

No que atinxe ao saldo exportador de electricidade, baixou un 18%, considerando tamén os nove primeiros meses.

A diminución de demanda e exportacións contribuíu a que no conxunto do ano se reducise a produción eléctrica nun 7% en relación a 2021.

A produción renovábel só superou a demanda interna, e escasamente, nos meses de xaneiro e marzo  e, previsibelmente, tamén nos últimos tres meses do ano, neste caso con folgura. De non ser pola produción de electricidade fósil, Galicia tería sido deficitaria en enerxía eléctrica durante a maioría dos meses do pasado ano.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: