A gráfica que presentamos aquí permite visualizarmos como se distribúen as emisións dos diferentes gases de efecto invernadoiro (GEI) por grandes tipos e sectores de actividade.
Na primeira columna á esquerda represéntanse os GEI. As emisións dos hidrofluorocarbonos (HFC), dos perfluorocarbonos (PFC) e do hexafluoruro de xofre (SF6) agrúpanse nunha única categoría: gases fluorados.
Na columna central aparecen grandes tipos de actividades, de acordo coa clasificación CRF (siglas en inglés de “formato común para informes”) empregada nos inventarios oficiais de emisións de GEI.
Finalmente, na columna de dereita distribúense as emisións por grandes sectores de actividade.
O dióxido de carbono (CO2) é o gas de invernadoiro que máis contribúe á crise climática global desde Galicia. Supuxo o 69,4% das emisións en 2024, fronte ao 21,5% do metano (CH4) e o 7,5% do óxido nitroso (N2O). Os gases fluorados representaron o 1,6% das emisións totais de GEI.
A transformación e o consumo final de enerxía fósil (procesado de enerxía na nomenclatura CRF) é, de lonxe, a maior fonte de CO2 e de GEI en xeral. É a orixe do 67,6% das emisións territoriais do país, o que dá conta da relevancia da transición enerxética no combate á emerxencia climática
Despois do uso de enerxía fósil, a actividade máis emisora é a dixestión do gado (fermentación entérica) que supuxo o 13% de todas as emisións, seguida pola xestión dos residuos gandeiros, que achegou o 6,4%. Datos que poñen de relevo o importante peso do sector agrario nas emisións, mesmo sen ter en conta as asociadas ao uso de maquinaria.
A achega ás emisións totais dos procesos industriais (á marxe do consumo de enerxía fósil na industria) e do uso de certos produtos (sobre todo HFCs en aparellos de refrixeración e aire acondicionado) foi do 5,1% en 2024.
O transporte foi o sector con maiores emisións en 2024. As 5.059.932 toneladas emitidas polo transporte de persoas e mercadorías representaron o 30,5% das emisións territoriais do país. Hai que ter en conta que na gráfica, así como nos inventarios oficiais, elaborados no marco da Convención sobre Cambio Climático, non se inclúen as importantes emisións do transporte marítimo e aéreo internacionais.
Despois do transporte, o sector primario (agricultura, gandaría, pesca) é o que máis contribúe ao cambio climático. As súas emisións durante 2024 ascenderon a 5.028.222 t.
Se se inclúe o uso de enerxía fósil, a agricultura e a gandaría liderou as emisións de GEI no noso país durante 2023. Emitiu 5.147.386 toneladas de CO2 eq, o que supón o 28,9% das emisións totais.
(Actualización: xuño de 2026)
Unidade
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Notas
As chamadas emisións fuxitivas, asociadas ao proceso do refino de petróleo e ao transporte e distribución do gas fósil, inclúense no sector enerxético. As emisións de “outros”, englobadas no procesado de enerxía fósil (categoría 1A5) non se representan debido á súa pequena cantidade.
Ás emisións do sector primario derivadas das emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría súmanselle as derivadas do consumo de enerxía fósil neste sector, debidas á maquinaria e á frota pesqueira. No reparto de emisións feito pola clasificación CRF usada no inventario oficial, as emisións de orixe fósil do sector primario agrúpanse en “outros sectores” (1A4), xunto coas de fogares, comercios, e edificios públicos. Por outro lado, dentro do sector primario, non se representan no diagrama as emisións de CO2 derivadas da fertilización con urea e da aplicación de fertilizante con carbono, pola súa pequena contía.
As emisións da incineración de residuos para a produción de electricidade e, en xeral, dos aproveitamentos enerxéticos dos residuos, inclúense nas do sector enerxético, e non en xestión de residuos, ao igual que no inventario oficial.
Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non se incluíren no inventario oficial de emisións de GEI. Tampouco as emisións vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura.
Fonte
Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de fecto invernadoiro (Serie 1990-2024). Ministerio para a Transición Ecolóxica.