Grandes emisores

Segundo os datos sobre a aplicación do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), as dez industrias con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) lanzaron á atmosfera 3.218.896 toneladas durante 2025. Isto equivale ao 18,1% das emisións totais do país en 2023. Supón o 89,5% das emisións industriais galegas suxeitas ao RCDE.

Tres das cinco industrias galegas máis prexudiciais para o clima pertencen ao sector enerxético fósilA refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) e as centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) e de Sabón (Naturgy) encabezan a listaxe de grandes emisores en 2025.

A planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa) foi a cuarta maior emisora en 2025. Esta industria transforma bauxita importada desde Guinea, abastecendo a planta de aluminio coa que forma un complexo industrial. A planta de aluminio foi a sétima maior industria emisora en 2025, ano en que recuperou parte da súa actividade, despois dun parón.

A fábrica de hidróxeno cinsento de Meicende (Air Liquide), que emprega gas fósil (tamén chamado gas natural) como materia prima, foi a quinta maior industria emisora en 2025.

TOP 10 DE INDUSTRIAS EMISORAS DE GEI EN GALICIA (2025)
PosiciónIndustriaEmpresaSectorEmisións (toneladas)
1Refinaría de petróleo da CoruñaREPSOLEnerxía 1.028.556
2 Central eléctrica de gas fósil das PontesENDESAEnerxía638.450
3Central eléctrica de gas fósil de Sabón (Arteixo)NATURGYEnerxía443.658
4Planta de alúmina de San CibraoALCOAQuímico319.548
5Planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Arteixo)AIR LIQUIDEHidróxeno213.220
6Fábrica de bioetanol de CurtisVERTEXEnerxía142.989
7 Planta de aluminio de San CibraoALCOAMetalurxia103.324
8Magnesitas de RubiánMGRMinaría99.306
9Fábrica de silicio de SabónFERROGLOBEMetalurxia87.860
10Industrias del Tablero (San Sadurniño)INTASAMadeireiro72.440
Fonte: OGACLI a partir da Comisión Europea.

Na gráfica inserida máis abaixo pódese seguir a evolución das dez maiores industrias emisoras en 2025 desde o ano 2016. Salientamos a traxectoria da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña, cuxas emisións anuais superaron ou rozaron sempre o millón de toneladas, agás nos anos 2020 e 2021, moi influídos polos efectos socioeconómicos da Covid-19.

A central de gas fósil (ciclo combinado) das Pontes, o segundo maior foco emisor en 2025, multiplicou por tres as súas emisións desde 2016. As baixas emisións desta central en 2020 débense a que estivo parada durante a maior parte dese ano, por causa de avarías e revisións.

Desde 2024 Repsol é a maior empresa emisora de gases causantes de cambio climático en Galicia.

(Actualización: abril de 2026).

Unidade

CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global dos GEI considerados, en relación ao principal deles, o dióxido de carbono (CO2).

Nota

Os GEI considerados no RCDE, de cuxa verificación de emisións proceden os datos, son o dióxido de carbono (CO2), os perfluorocarbonos (PFCs) na produción de aluminio e o óxido nitroso (N2O) na fabricación dalgúns produtos na industria química.

Fonte

Union Registry. Páxina web da Comisión Europea sobre o RCDE.