Transición xusta

Que a transición enerxética sexa socialmente xusta semella un obxectivo amplamente partillado. Porén, tamén nesta cuestión, existen visións diversas sobre o que se entende por xustiza social.

Presentamos catro dos indicadores que consideramos relevantes para facer o seguimento do que, ao noso xuízo, debería ser unha transición xusta: rapidez, autoconsumo, pobreza enerxética e sobreconsumo.

Rapidez

Unha transición enerxética lenta será inxusta co Sur global, coa mocidade e coas xeracións futuras, que pouco ou nada contribuíron á crise climática mais que son e/ou serán as súas vítimas principais. Polo tanto, non hai transición enerxética xusta se non é rápida, pois só así será posíbel reducirmos a tempo as emisións de gases de invernadoiro de forma a evitarmos os peores escenarios da crise climática.

O uso de enerxía primaria polo conxunto da economía determina as emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. As emisións por habitante de Galicia superan a media mundial e española e achéganse á media da UE.

A demanda de enerxía primaria en Galicia atinxiu o pico en 2007. Entre 2018 e 2020 o uso de enerxía primaria fósil caeu polo colapso do carbón na xeración eléctrica e a COVID 19, mais repuntou algo desde entón. Canto ao uso de enerxías renovábeis, está a medrar pouco desde comezos da década de 2010.

Considerando o anterior, así como os obxectivos actuais relativos ao uso de enerxía primaria, desenvolvemento renovábel ou redución de emisións de gases de invernadoiro, a transición enerxética en Galicia non está a ser o rápida que esixe a xustiza climática global e entre xeracións.

Autoconsumo

A transición cara a un modelo 100% renovábel debería favorecer a democratización da produción enerxética, hoxe dominada por un reducido grupo de grandes multinacionais privadas.

No que atinxe á electricidade, a autoprodución para o consumo de fogares e empresas mediante paneis solares fotovoltaicos e a enerxía minieólica, (aeroxeradores de potencia igual ou inferior a 100 kW), é un bo indicador da medida en que a produción eléctrica está a ser apropiada pola cidadanía. Outra modalidade de autoconsumo son  os chamados parques eólicos singulares, pequenos parques de menos de 3 megavatios (MW) en mans de concellos ou empresas.

A produción eléctrica a pequena escala é insuficiente para atender o consumo actual, concentrado nas áreas industriais e urbanas (e do chamado “rural urbanizado”). Máis aínda se se avanzar na electrificación da economía. Non obstante, o potencial da autoprodución eléctrica foi até hoxe pouco aproveitado.

A potencia instalada en minieólica é moi cativa e apenas medra desde 2013. Ascende a tan só 0,8 MW. Unha potencia moi inferior á potencia media dun só dos aeroxeradores instalados en 2019 (3,1 MW) nos grandes parques eólicos.

A potencia dos parques eólicos singulares ficou estancada en 40 MW desde 2013. Unha cifra só algo superior á potencia media dun só dos parques eólicos en funcionamento en marzo de 2024 (24,5 MW).

O autoconsumo solar fotovoltaico está a despegar nos últimos anos, favorecido por novas políticas públicas e por unha baixada dos custos. Desde 2019, a potencia instalada en autoconsumo supera a moi reducida da solar fotovoltaica orientada a verter toda a súa produción á rede eléctrica (21,1 MW en 2024).

En 2024 o autoconsumo fotovoltaico atinxiu os 275 MW, potencia equivalente á de uns dez parques eólicos, sendo menor aínda a equivalencia se temos en conta a produción, pois en Galicia a produción eólica media por MW é ben maior que a solar.

Unha forma de promover o autoconsumo renovábel é a través da figura das comunidades enerxéticas con participación cidadá, de pemes ou de entidades locais.

Pobreza enerxética

A pobreza enerxética defínese como a incapacidade para satisfacer unha cantidade mínima de servizos enerxéticos esenciais para un benestar adecuado. Non inclúe os gastos de transporte senón só os vencellados ao uso das vivendas.

En países desenvolvidos como Galicia a pobreza enerxética non é un problema de acceso á enerxía senón un problema para a pagar. Afecta unha parte minoritaria pero significativa da poboación. Algúns fogares poden encontrarse en situación de pobreza enerxética mesmo sen estaren en pobreza monetaria.

Os indicadores empregados na Estratexia estatal contra a pobreza enerxética 2019-2024 do Ministerio para a Transición Ecolóxica son:

Gasto desproporcionado: porcentaxe de fogares cuxa participación do gasto enerxético nos ingresos é máis do dobre da mediana española. 

Pobreza enerxética agochada: porcentaxe dos fogares cuxo gasto enerxético é inferior á metade  da mediana española. Nalgúns casos pode estar asociado non a limitacións senón a unha maior eficiencia.

Porcentaxe da poboación que  declara a súa imposibilidade de manter unha temperatura adecuada na vivenda en inverno.

Porcentaxe da poboación que declara atrasos no pagamento das facturas da súa vivienda.  

Sobreconsumo enerxético

A desigualdade enerxética maniféstase no seo da nosa sociedade, entre clases sociais e territorios. Tamén hai desigualdade no ámbito estatal e europeo, entre comunidades autónomas e países. Pero a maior desigualdade prodúcese a escala global. Galicia, parte do mundo desenvolvido, consome recursos enerxéticos ben por riba da media mundial.

No contexto actual de dependencia fósil, o noso sobreconsumo acapara combustíbeis fósiles e agranda a débeda de carbono co Sur global, por causa das excesivas emisións de gases causantes de cambio climático. Se o sobreconsumo fose 100% renovábel, acapararía minerais necesarios para o desenvolvemento renovábel e a electrificación, así como biomasa para biocombustíbeis, en moita maior medida do que xa acontece hoxe.

O logro da sustentabilidade ecolóxica global con xustiza social esixe unha forte redución do consumo enerxético de países enriquecidos como Galicia.

O consumo galego de enerxía primaria por habitante atinxiu o pico en 2008. Nos últimos anos tende a estabilizarse arredor das 2,5 toneladas equivalentes de petróleo (tep).

O consumo por habitante a escala mundial tende a medrar, agás en momentos de grandes crises económicas globais, aproximándose ao galego, que mesmo así aínda é un 30% maior (2023).

(Actualización: abril de 2026).

Unidades

Tonelada equivalente de petróleo (tep): enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Potencia eléctrica: MW (1.000 kW).

Porcentaxe da poboación e dos fogares (%).

Notas

Para os indicadores obxectivos de pobreza enerxética (gasto desproporcionado, pobreza enerxética agochada) preséntanse os valores dos indicadores adaptados, medidos respecto á media das medianas dos últimos 5 anos, que presenta un enfoque máis estrutural, eliminando as distorsións asociadas a un ano concreto.

No apartado sobre a rapidez da transición enerxética galega considérase toda a enerxía primaria usada en territorio galego, mentres que no referido ao sobreconsumo tense en conta só o consumo interno de enerxía primaria, descontadas as exportacións. Hai que ter en conta que a contabilización da enerxía como enerxía primaria desvaloriza a achega das enerxías renovábeis e da electrificación en termos de enerxía útil, sobre a que non existen estimacións para Galicia.

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Consumo de enerxía. Potencia e xeración eléctrica. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

Actualización de indicadores de probreza energética 2022-2024. Ministerio para a Transición Ecolóxica.

World Bank Open Data.