As emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) por habitante en Galicia ascenden a 6,9 toneladas. En 2020 foron un 35,2 % inferiores ás de 1990, o principal ano de referencia para as políticas climáticas e un 46,9% menores que as de 2005.
Na evolución das emisións de GEI por habitante desde 1990 até hoxe, ao igual que no tocante ás emisións totais, podemos diferenciar tres grandes etapas:
-Unha primeira de ascenso, até chegar a un teito en 2001-2007. O pico atinxiuse en 2002.
-Unha etapa de descenso suave en 2008-2018. Despois dunha caída provocada pola recesión de 2008 e un ano de moi elevada produción renovábel (2010), as emisións recuperáronse para se manter en niveis similares aos de 1990 en 2011-2018.
-Unha queda abrupta en 2019-2020. O colapso do carbón na xeración eléctrica iniciado en 2019 e a crise socioeconómica provocada pola COVID-19 en 2020 son as causas principais. A recuperación do PIB en 2021 apunta a un novo aumento das emisións, á espera de datos oficiais.
Nas últimas tres décadas as emisións territoriais por habitante de Galicia non só foron superiores á media mundial senón tamén, poñendo o foco no espazo ibérico, ás emisións medias de España e Portugal. E mesmo ás da UE-27, agás en 1990, 1991, 2019 e 2020.
A traxectoria seguida polas emisións per cápita en Galicia desde 1990 foi similar á do conxunto da Península Ibérica mais non á da UE-27, que diminuíron de forma bastante sostida. Pola contra, as emisións mundiais por habitante tenderon a medrar.
En 2019-2020 as emisións por habitante de Galicia converxeron claramente coas emisións ibéricas, europeas e mundiais, despois de se manteren claramente por riba durante todo ou case todo o período 1990-2020.
(Actualización: xuño de 2022).
Unidade
CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o dióxido de carbono (CO2).
Notas
Os gases considerados son aqueles incluídos nos inventarios oficiais elaborados conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6). Polo tanto, non se inclúen contaminantes tóxicos como as partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) ou o dióxido de xofre (SO2).
Non se inclúen tampouco as emisións de GEI asociadas ao transporte marítimo e aéreo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa. No caso de Galicia, non se inclúen as vencelladas ao uso do solo e silvicultura, por non estaren dispoñíbeis nos datos para Galicia facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
A poboación galega considerada corresponde ao reconto oficial de xaneiro de cada ano.
Fontes
-Emisións de Galicia: Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español gases de efecto Invernadoiro (Serie 1990-2020). Ministerio para a Transición Ecolóxica.
-Poboación de Galicia: Páxina web do Instituto Galego de Estatística (IGE).
-Emisións por habitante da UE-27, España e Portugal: Visor sobre as emisións de GEI da Axencia Europea do Ambiente.
-Emisións por habitante a escala mundial: “Climate Watch Data” .