Por enerxía final enténdese a electricidade, calor e combustíbeis consumidos nos diferentes sectores de actividade. Obtense como resultado da transformación da enerxía primaria en diversos procesos.
O consumo galego de enerxía final chegou a niveis máximos a finais da primeira década deste século, situándose o pico histórico de consumo arredor das 6,75 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep) (anos 2008 e 2010). Na década 2001-2010 o consumo medrou unha media do 2% anual.
Desde 2013 o consumo anual estabilizouse nuns 6 millóns de tep. O decrecemento económico inducido pola COVID-19 fixo caer a demanda un 10,9%, até os 5,3 millóns en 2020, volvendo así a niveis de hai dúas décadas.
O consumo actual (2020) de enerxía final sitúase só un pouco por riba do obxectivo de redución do consumo incluído no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, se se aplicar a Galicia o mesmo obxectivo formulado a escala estatal. Mesmo considerando o consumo de 2019, trátase dun obxectivo claramente insuficiente.
2020 5,3 millóns tep
2030 (PNIEC) 5,2 millóns tep
Os descensos no consumo de enerxía final rexistrados nos últimos anos relaciónanse con quedas do Produto Interior Bruto (PIB). Mais en 2013-2019, nun contexto de crecemento do PIB, o consumo non medrou senón que se mantivo estábel.
Por tipos de enerxía, o maior consumo corresponde aos combustíbeis fósiles, que supoñen o 58% do consumo galego de enerxía final (2020). Se nos usos térmicos a demanda mantívose estábel entre 2007 e 2020, noutros usos (transporte, sector primario, minas, construción) observouse unha tendencia ao descenso. Se excluírmos o ano 2020, moi marcado polos efectos socioeconómicos da COVID-19, o consumo diminuíu o 21%.
No tocante á electricidade, rexistrouse unha estabilización da demanda na década de 2010 até a caída en 2019 e 2020, provocada pola crise da industria electrointensiva e a COVID-19.
A calor recuperada nas centrais de coxeración (alimentadas sobre todo con gasóleo e gas fósil) mantívose bastante estábel en 2007-2019, caendo en 2020.
As renovábeis de uso térmico (moi principalmente biomasa sólida) medraron de forma sostida na década de 2010 aínda que a un ritmo moi baixo.
Por sectores de actividade, os sectores produtivos (moi principalmente a industria) e o transporte demandan conxuntamente unhas tres cuartas partes de toda a enerxía final consumida na nosa terra.
Agás o dos fogares, o consumo de todos os sectores descendeu con respecto a 2010, sobre todo nos sectores produtivos e no transporte, mesmo se excluírmos 2020, marcado pola pandemia da COVID-19.
(Actualización: xuño de 2022).
Unidade
Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.
Notas
As cifras do consumo de enerxía final teñen en conta o consumo final de electricidade e non a demanda de electricidade en “barras de central” (bc), isto é, a demanda logo de deducir o consumo nas propias centrais eléctricas mais sen descontar as perdas no transporte e a distribución.
Nos combustíbeis fóseis de uso térmico inclúense as enerxías residuais e os residuos non renovábeis, mentres nos outros usos dos combustíbeis fóseis inclúense os biocarburantes incorporados no gasóleo e gasolina auto.
Fontes
Balances Enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.
Consumo de enerxía final por sectores. Páxina web do INEGA, Xunta de Galicia.
Uso e consumo de recursos enerxético en Galiza no século XX, Xoán R. Doldán García. En “O Antropoceno e a “Grande Aceleración”. Unha ollada desde Galicia”, Francisco Díaz-Fierros Viqueira (coordenador). Consello da Cultura Galega, 2019.