Industria enerxética fósil

En Galicia aséntase unha importante industria enerxética fósil que transforma petróleo e gas fósil importados para obter enerxía dispoñíbel para o consumo interno e a exportación. A súa actividade determina en grande medida o balance enerxético e a xeración de contaminación.

O sector enerxético fósil galego acentúa a dependencia enerxética externa e contribúe á deterioración socioambiental dentro e fóra das nosas fronteiras. Ademais é un grande emisor de gases causantes de cambio climático.

A planificación enerxética e climática pública non define datas de peche para ningunha das industrias enerxéticas fósiles en activo.

Até hai pouco o noso sector enerxético fósil incluía dúas centrais térmicas de carbón. Mais a de Meirama (Naturgy) pechou en 2020 e a das Pontes fíxoo en 2023. Ambas as dúas deixaron de ser rendíbeis polo aumento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións.

Endesa declarou que abandonará totalmente o seu negocio de gas fósil no horizonte 2040, o que alongaría en exceso a vida da súa central de ciclo combinado das Pontes.

Refinaría de petróleo

A refinaría, situada entre Arteixo e A Coruña, é propiedade de Repsol. Inaugurada en 1964, é a principal industria enerxética da nosa terra, considerando o elevado volume de enerxía que transforma. Procesa o 55% de toda a enerxía primaria usada en Galicia (2024).

A través do porto da Coruña, importa cru de petróleo e, en moita menor medida, produtos petrolíferos e biocarburantes. Estes últimos son importados e producidos na refinaría para mesturar co gasóleo e gasolina de automoción.

A obtención de produtos petrolíferos na refinaría descendeu entre mediados da década de 2000 e a de 2010, recuperándose desde entón até 2019. En 2020, a COVID-19 fixo caer a enerxía procesada na refinaría, mais en 2022 xa tiña regresado a niveis prepandémicos.

Alén de produtos petrolíferos, no proceso de refino tamén se obteñen as chamadas enerxías residuais, como o gas e fuel de refinaría, que se consomen no propio proceso. Asemade, na transformación do cru de petróleo en produtos petrolíferos de uso enerxético prodúcense perdas de enerxía.

Regasificadora de Mugardos

Propiedade de Reganosa, sitúase en Mugardos, na ría de Ferrol. Procesa o 18% de toda a enerxía primaria usada en Galicia (2024).

Desde a súa entrada en funcionamento (maio de 2007)  até decembro de 2025, 418 metaneiros descargaron gas fósil licuado nesta planta regasificadora. Os barcos procederon dun total de 14 países. Case dous terzos saíron de Nixeria, Rusia ou Trindade e Tobago, por esta orde.

A regasificadora subministra gas a través dun gasoduto ás centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón e á refinaría da Coruña. Alén diso, a planta ofrece un servizo de carga de cisternas para transporte en camión a industrias ou plantas satélite conectadas a redes locais de distribución situadas no noroeste da Península Ibérica.

Aínda que tamén pode chegar por gasoduto, a regasificadora é a principal porta de entrada do gas fósil a Galicia, sendo a vía para o 65-100% das importacións anuais en 2013-2024. A maior parte consómese na nosa terra reexportándose o resto (o 36% en 2024).  

Desde 2018 obsérvase un importante aumento da importación de gas fósil a través da regasificadora de Mugardos, impulsada pola maior utilización das centrais de ciclo combinado, que cubriron parte do oco deixado pola queda da produción eléctrica con carbón.

Centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes

Son as maiores centrais eléctricas non renovábeis. A de Sabón (Arteixo), de 391 megavatios (MW) de potencia, pertence a Naturgy, mentres a de As Pontes, con 856 MW, é propiedade de Endesa. Esta última sitúase a carón da central de carbón pechada en 2023.

Abastécense de gas fósil a través do gasoduto que as conecta coa regasificadora. Transfórmano en electricidade en turbinas de gas e de vapor. Supoñen un 13% da potencia eléctrica instalada en Galicia (maio 2025) e un 28% do consumo galego de gas fósil (2024).

Comezaron a funcionar en probas en 2007. Nos primeiros anos víronse favorecidas fronte ás centrais de carbón por prezos do CO2 relativamente altos, o que non volvería acontecer até 2019. 

Canto menor for o consumo e maior a produción renovábel, menor é a actividade destas centrais.

Centrais de coxeración fósil

As centrais de coxeración xeran simultaneamente electricidade e calor para diversas industrias e, nuns poucos casos, para edificios do sector servizos.

En comparación coas grandes centrais térmicas, son máis eficientes e descentralizan a transformación de enerxía. Porén, tamén son sucias, xa que queiman produtos petrolíferos e gas fósil. A da refinaría aproveita enerxías residuais xeradas no proceso de refino do petróleo. Tamén poden empregar biomasa, mais esas non as incluímos nesta páxina.

A maioría entraron en funcionamento na segunda metade da década de 1990. A última en poñerse en servizo fíxoo en 2012. A potencia total instalada tende a descender nos últimos anos.

A produción das centrais de coxeración destínase ao autoconsumo e, no tocante á electricidade, tamén ao consumo da contorna. A súa achega supón o 4,5% do consumo galego de enerxía final (2024).

Hoxe existen 42 centrais de coxeración operativas alimentadas con enerxía fósil distribuídas por todo o país aínda que situadas maioritariamente na provincia da Coruña. 

13 centrais de coxeración concentran a maior parte de toda a capacidade de produción.

(Actualización: abril 2026).

Unidades

Tonelada equivalente de petróleo (tep): enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Potencia eléctrica: MW (1.000 kW).

Produción eléctrica: GWh (1.000 MWh, 1.000.000 kWh).

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

Informes anuais do sistema gasista español. Enagás

Informes anuais do sistema eléctrico español. Rede eléctrica.

Listaxe de centrais de coxeración. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.