As emisións netas de gases de invernadoiro reducíronse o 9,8% en 2024

Segundo o máis recente inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica, as emisións netas galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 7.015.159 toneladas en 2024, o que supón unha redución do 9,8% con respecto ao ano anterior

Esta baixada foi debida á redución das emisións brutas nun 5,4%, pois as absorcións pola vexetación e os solos diminuíron o 1,9%. 

O fin da produción eléctrica con carbón -despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023-, e un ano moi bo para a produción hidroeléctrica impulsaron a diminución das emisións brutas en 2024.

Contrariamente ao acontecido no sector eléctrico, as emisións medraron na maioría dos demais sectores, nomeadamente no transporte, grande consumidor de produtos petrolíferos. O transporte lidera as emisións ao ser responsábel do 30,3% das emisións brutas totais.

As absorcións de gases de invernadoiro, debidas case exclusivamente aos bosques e ás plantacións forestais, ascenderon a 9,6 millóns de toneladas en 2024, observándose unha tendencia ao seu descenso desde 2018.

Cómpre salientar que a estimación das absorcións é máis incerta que a das emisións brutas, polo que pode variar significativamente de ano a ano. Así, entre a serie 1990-2023 do inventario estatal e a máis recente para 1990-2024 as absorcións calculadas para Galicia medraron un 10-20% segundo os anos.

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións netas diminuíron o 68,5%. As razóns foron a redución nun 42,7% das emisións brutas e o aumento das absorcións nun 48,1%.

O descenso nas emisións brutas foi debido moi principalmente á substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón, favorecida polo desenvolvemento renovábel e o mercado europeo de emisións. O incremento das absorcións concentrouse nas terras arborizadas, cuxa superficie medrou fortemente.  

A diminución das emisións netas foi moi desigual por provincias.

Os maiores recortes tiveron lugar na Coruña (-74%) e en Ourense (-141,6%), que atinxiu de forma estábel a neutralidade climática e entrou en emisións negativas a partir de 2006. As reducións foron inferiores á media galega en Lugo (-51,6%) e, sobre todo, en Pontevedra (-29,8%).

Aumento das absorcións e redución das emisións non son equivalentes, dado o carácter incerto e reversíbel das primeiras fronte ás segundas.

Así, mentres a redución das emisións en Galicia polo peche das centrais de carbón é estrutural e permanente, ademais de ben coñecida, as absorcións por plantacións forestais de piñeiros ou eucaliptos son incertas e facilmente reversíbeis, por exemplo por causa  dos incendios agravados pola crise climática.

As emisións dos incendios en Galicia durante 2025, estimadas por Copernicus, en 9,6 millóns de toneladas equivalen a un ano de absorcións. Estas emisións, como o resto das bioxénicas de CO2, non se contabilizan nos inventarios oficiais.

A pesar do anterior, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a partir da publicación do inventario estatal de emisións de 2022, que incluíu por primeira vez datos sobre as absorcións desagregados por comunidades autónomas, só se refire ás emisións netas e nunca ás brutas.

A pouco definida política climática autonómica deixou de ter un obxectivo específico de redución para as emisións brutas. Tampouco existe unha meta propia para as absorcións.

O obxectivo da Lei do Clima de Galicia de reducir nun 75% as emisións netas de gases de invernadoiro en 2030 con respecto a 1990 semella hoxe en perigo.

O estancamento do crecemento renovábel e da electrificación do consumo enerxético, a falta  acción climática no sector agrario e a tendencia á diminución das absorcións ameazan a redución das emisións netas nos próximos anos.   

As emisións de contaminantes atmosféricos crecen en 2024

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2024)”, que complementa o informe do OGACLI para o mesmo período temporal centrado nas emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Os dous informes baseanse nos datos máis recentes para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

As emisións de gases acidificantes medraron o 1,2%, as de gases precursores do ozono o 6,5% e as de partículas finas (PM2,5) o 19,7%.

A industria, o transporte e a maquinaria móbil e os lumes rurais foron os principais impulsores do aumento das emisións rexistrado entre 2023 e 2024.

Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións contaminantes á atmosfera en Galicia.

Porén, esta redución aínda é insuficiente para acadar unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS), como poñen de manifesto os datos de inmisión de contaminantes obtidos nas estacións de medición da calidade do aire.

As emisións de gases acidificantes diminuíron en 2024 nun 83,4% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 51,9%, sempre en comparación con 1990. As de partículas finas (PM2,5) baixaron o 57,5% en relación a 2000.

Convén suliñar que a redución das emisións de contaminantes atmosféricos prexudiciais para a calidade do aire foi en xeral superior á das emisións brutas de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático, que se reduciron o 42,2% entre 1990 e 2024.

As causas principais da diminución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón mentres estiveron en funcionamento.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é a maior fonte no noso país de emisións á atmosfera.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2024 a principal fonte de gases acidificantes (67,1% das emisión totais)

O transporte liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (38,9%) e de gases causantes de cambio climático (30,5%) (no primeiro caso xunto coa maquinaria móbil)

No tocante ás partículas finas (PM2,5), a queima non industrial (principalmente doméstica) de combustíbeis fósiles e biomasa é a maior fonte (34,2%),

Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera.

Resulta fundamental acelerar o desenvolvemento renovábel e a electrificación do consumo enerxético, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar máis o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios rurais.

As emisións de gases de invernadoiro baixaron o 5,4% en 2024

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2024)”, baseado nos datos extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

As emisións brutas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 16.593.043 toneladas en 2024, o que supón unha redución do 5,4% (-948.524 t) con respecto a 2023.

A pesar da diminución das emisións en 2024, Galicia desvíase dunha senda de redución compatíbel co Acordo de París.

O descenso das emisións territoriais galegas de GEI en 2024 é atribuíbel en exclusiva ao sector eléctrico, cuxas emisións reducíronse en máis da metade (-54,5%).

As causas foron o fin da produción eléctrica con carbón -despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023-, e un ano moi bo para a produción hidroeléctrica. Esta superou os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010. 

O declive final da produción eléctrica con carbón, moi intensiva en emisións, ten sido o motor principal da caída do 42,7% das emisións galegas desde 2018.

Nun contexto de estancamento da capacidade de produción renovábel, o peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes foi o único avance importante na transición enerxética durante os últimos anos. Mais os enormes réditos para a loita climática na nosa terra do abandono do carbón esgotáronse en 2024. 

En 2024 medraron as emisións na maioría dos sectores, o que evidencia as insuficiencias das políticas públicas para a mitigación da crise climática.

O incremento máis elevado en termos absolutos tivo lugar no transporte, anulándose a redución rexistrada en 2023. O transporte de persoas e mercadorías lidera as emisións de gases de invernadoiro en Galicia, representando 30,3% das totais.  

Como no caso do transporte, tamén creceron arredor do 3% as emisións da industria e do sector conformado polo uso de combustíbeis fósiles en edificios e sector primario.

O sector enerxético fósil (refinaría, centrais eléctricas de gas fósil) e o uso de produtos petrolíferos e de gas fósil nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…) foron responsábeis en conxunto do 67,6% das emisións galegas de gases de invernadoiro durante 2024.

A transición enerxética, nas súas dimensións de crecemento renovábel, electrificación do consumo e fin da industria enerxética fósil, é a principal acción climática. Neste sentido, 2024 volveu ser un ano pésimo para a transición enerxética en Galicia.

A capacidade de produción eléctrica renovábel só aumentou o 1% e o peso da electricidade no consumo de enerxía final non só non medrou senón que baixou ao 22%, a cifra máis baixa desde 2006.  

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións brutas diminuíron o 42,2%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 12,8 millóns de toneladas (-87,4%). 

Para a caída das emisións do sector enerxético en relación a 1990 foi decisiva  a substitución progresiva da electricidade xerada nas centrais de carbón, impulsada polo desenvolvemento renovábel e o mercado europeo de emisións.

A pesar do anterior, as emisións por habitante de Galicia (6,1 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (5,5 t) aínda que inferiores ás da UE (6,7 t).

Para contribuírmos nunha medida xusta á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións brutas un 65% en 2030 en relación  a 1990.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2025 non se coñecerán até o próximo ano.

Porén, considerando indicadores como o aumento  do 3% das emisións industriais cobertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 20% do total das emisións- ou o crecemento do 1,5% no consumo de produtos petrolíferos, pódese avanzar que as emisións de gases de invernadoiro non baixaron en Galicia durante o ano pasado.

Para lograrmos reducións ambiciosas das emisións no que resta de década é esencial acelerar moito a electrificación do consumo enerxético e o crecemento da potencia renovábel  e planificar o pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son hoxe as principais fábricas galegas de cambio climático, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.

Un proxecto para a planificación municipal da mitigación climática

ARCA (Aproximación de Responsabilidades Climáticas Apropiadas) é un proxecto de investigación das universidades de Vigo e A Coruña que ofrece aos concellos metodoloxías e ferramentas para determinaren de forma transparente a responsabilidade que asumen fronte ao desafío climático. O seu enfoque baseáse en orzamentos de carbono e na xustiza climática global.

A denominada Responsabilidade Climática Apropiada (RCA) calcúlase tendo en conta que límite de quecemento global se quere contribuír a non superar (+1,5ºC, +1,7ºC, +2ºC) e o ano base desde o que se comezan a contabilizar as emisións diferenciadas por países (1850, 1990, 2000, 2015, 2025).

Iniciar a contabilización en 2025 beneficia a países desenvolvidos como Galicia, pois non se ten en conta a nosa maior contribución histórica á crise climática, que se disparou a partir da década de 1980.

Canto máis baixo o límite de quecemento e máis afastado o ano base, máis reducido sería o orzamento de carbono autoatribuído e máis esixente a senda de redución das emisións de gases de invernadoiro asumida a escala municipal.

Para 10 das 15 combinacións de límite de temperatura e ano base consideradas por ARCA obtense un presuposto negativo de até 22.137 millóns de toneladas de CO2eq. Isto indica a grande dimensión da débeda climática contraída co Sur global nos escenarios máis esixentes de mitigación e xustiza climática.

Por “cuestións operativas”, o proxecto propón unha das combinacións con menor carga de responsabilidade (+1,7ºC, 2025), que outorga a España un orzamento de 1.477 millóns de toneladas de emisións netas. Mesmo así, o ano obxectivo para a neutralidade climática (emisións netas cero) estaría xa próximo e sería ben anterior ás metas oficiais para Galicia (2040) ou España e a UE (2050). Este último, segundo o proxecto ARCA, “non parece estar baseado nun método claro de xustiza ambiental ou polo menos non se revela”.

ARCA permítenos pór en números, desglosados a escala municipal, o enorme desafío que supón a día de hoxe, despois de tanta procrastinación e insolidariedade, contribuírmos a cumprir desde os países enriquecidos as metas do Acordo de París (1,5-2ºC) cun certo sentido, aínda que for limitado, de xustiza climática global.

Sirva de exemplo o que representaría  para  Vigo, o municipio máis poboado do noso país,  asumir a combinación proposta polo proxecto ARCA (+1,7ºC, 2025). Ao ritmo actual, o seu orzamento de carbono daría para pouco máis de tres anos. A senda de redución a que obrigaría sería moi desafiante, mesmo tendo en conta que o orzamento de carbono vén expresado en emisións brutas, polo que non incorpora as absorcións naturais de CO2, incertas e reversíbeis.

Senda de redución das emisións de gases de invernadoiro asociadas ao consumo en Vigo (1,7ºC, 2025).

Como xa se apuntou,  ARCA non considera as emisións territoriais, as liberadas dentro do territorio do municipio, caso das recollidas nos inventarios estatais oficiais de emisións (e que son as divulgadas polo OGACLI).

O que se ten en conta son  as emisións producidas polo consumo dos fogares, de administracións e de Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares (ISFLSF), sen importar onde se liberan. As emisións estímanse polo tanto mediante o enfoque do consumo.

ARCA contabiliza as emisións asociadas ao consumo para cada municipio español. Trátase dun cálculo aproximado que debería ser precisado por estudos máis específicos, pero sérvenos para comparar municipios e facernos una idea orientativa da contía da pegada de carbono.

ARCA estimou tamén a composición da pegada de carbono para cada municipio. Por exemplo, no caso da Coruña, o segundo concello con máis poboación do país, a pegada de carbono dos fogares ascende a 2,15 millóns de toneladas. Como é habitual, a categoría de alimentación é a de maior impacto climático, seguida por vivenda e transporte.

Composición da pegada de carbono no municipio da Coruña (2024) segundo o proxecto ARCA.

A suma da  pegada de carbono de todos os municipios galegos ascendería a uns 28 millóns de toneladas (2024). Trátase dunha cifra orientativa e que non pode ser comparada con datos oficiais. Non hai unha estatística sobre as emisións de gases de invernadoiro asociadas ao consumo en Galicia, nin da Xunta nin do Goberno estatal.

En calquera caso, semella claro que a pegada de carbono de Galicia é ben superior ás emisións territoriais estimadas a partir dos datos desagregados por comunidades autónomas do inventario estatal de emisións, única fonte dispoñíbel.

O Proxecto ARCA orienta os concellos na determinación e consecución das súas metas de neutralidade climática. Esta acádase cando as emisións brutas igualan as absorcións naturais, logrando emisións netas cero. Esta non sería, con todo, a meta final da mitigación climática, pois cómpre tamén atinxir emisións netas negativas.

Na sección da web do proxecto “Qué puede hacer un municipio” reúnense máis de 100 de accións potenciais de mitigación e máis de 100 casos reais que poden inspirar a acción climática local.

Asemade, pódese consultar nun mapa e nunha táboa cantos concellos españois asumiron algún compromiso de neutralidade climática que fixe un ano obxectivo.

Sete municipios galegos pretenden acadar a neutralidade climática en 2032 seguindo a metodoloxía ARCA. Son A Bola, Allariz, Carballo, Neda, Parada de Sil, Vilamaior e Xinzo da Limia. Será interesante comprobar a súa evolución nos próximos anos e se actualizan e precisan o cálculo das súas pegadas de carbono.

Galicia afianza a súa enorme dependencia do petróleo e o gas fósil

(Nota aclaratoria: A versión inicial desta noticia foi corrixida para adaptala á versión máis recente, de maio de 2026, do balance enerxético de Galicia, que introduciu cambios significativos, no relativo á enerxía final, con respecto á versión de marzo de 2026 na que se baseou a primeira versión desta noticia. Actualización en xullo de 2026).

Greenpeace e mailo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) veñen de facer unha análise do último Balance enerxético de Galicia (2024) dispoñíbel, que fixo público o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

O balance enerxético, a máis completa radiografía anual da produción e consumo de enerxía (non só da electricidade), confirma a mala situación da transición enerxética no noso país.

De non ser polo peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, Galicia apenas tería avanzado na redución do uso de enerxía fósil durante os últimos anos.

O abandono progresivo dos combustíbeis fósiles é un imperativo cada vez máis urxente para mitigar a crise climática, reducir a contaminación tóxica, asegurar a autonomía enerxética e garantir a prosperidade socioeconómica. 

Segundo o INEGA, a porcentaxe de orixe renovábel dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor, con destino ao consumo interno e á exportación, non superou o 25% en 2024.

Un ano máis confírmase que en Galicia non existe ningún excedente de enerxía renovábel, senón unha enorme dependencia do petróleo e gas fósil importados. 

Debido aos escasos avances no aproveitamento dos recursos renovábeis propios (ver renovábeis eléctricas e térmicas) e ao mantemento en niveis altos da actividade da refinaría de petróleo da Coruña e da regasificadora de Mugardos (ver industria enerxética fósil), o peso das renovábeis no uso dos recursos enerxéticos en Galicia non chegaría nin tan sequera ao 25% de non ser polo abandono total do carbón en 2024.

Comparando 2024 con 2018, o ano previo ao comezo do declive do carbón, a achega dos recursos enerxéticos renovábeis apenas variou. A tendencia foi a un aumento no uso do gas fósil e un descenso similar no uso de petróleo.

O abandono do carbón non foi acompañado dunha redución no uso dos demais combustíbeis fósiles.

O consumo directo de produtos petrolíferos e de gas fósil supuxo o 58% do consumo galego de enerxía final en 2024. A electricidade e as renovábeis non eléctricas (biomasa, aerotermia, biocarburantes, etc.) achegaron, respectivamente, o 24% e o 14%.

A industria é hoxe o sector con maior demanda enerxética, acaparando o 40% da total, seguido polo transporte, co 33,3%. Agás no sector servizos, descendeu o consumo en todos os sectores con respecto a 2021, nomeadamente na industria.

Paralelamente as exportacións enerxéticas medraron, pero non están dominadas pola electricidade, senón polos combustíbeis fósiles da refinaría da Coruña e da regasificadora de Mugardos. Produtos petrolíferos e gas fósil representaron en 2024 o 74% da enerxía exportada, fronte ao 20% de electricidade e o 6% de biocarburantes.

Pola refinaría da Coruña pasa máis da metade da enerxía primaria procesada en Galicia. Foto: Xacobe Meléndrez Fassbender.

Na realidade, Galicia exporta a electricidade que non está a usar, perdendo a oportunidade de empregala en desfosilizar o seu consumo enerxético co aumento da electrificación. Aínda así, necesitaría producir moita máis para o abandono do petróleo e do gas fósil. 

O fin da produción eléctrica con carbón posibilitou que a porcentaxe da xeración renovábel sobre a total da electricidade saltase do 56 ao 85% entre 2018 e 2025. Aconteceu a pesares do cativo incremento da potencia renovábel eléctrica, especialmente en 2020-2025, período no que tan só medrou o 7%.

O principal impulso renovábel nos últimos anos, nun contexto de parón eólico, veu do aumento do autoconsumo solar fotovoltaico.

Un dato positivo é o importante incremento na instalación de bombas de calor rexistrado en 2024, ano no que por primeira vez as bombas de calor superaron a biomasa en nova potencia renovábel térmica instalada. Con todo, produtos petrolíferos e gas fósil seguen a ser de lonxe a principal fonte de calor en Galicia.

A cota de renovábeis no consumo enerxético final, un indicador usado na política enerxética europea que ten tamén en conta datos de anos anteriores, acadou o 50,6% en 2024. O obxectivo da Axenda enerxética da Xunta é acadar o 58% para 2030. Unha meta pouco ambiciosa para Greenpeace e  Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), tendo en conta a emerxencia climática e as capacidades de Galicia

Máis preocupante aínda é o panorama no eido da electrificación do consumo enerxético, crucial para avanzarmos na descarbonización.

O peso da electricidade no consumo galego de enerxía final baixou desde máis do 26 ao 24% entre 2021 e 2024. Estamos moi lonxe do obxectivo do 35% para 2030 establecido polo Plan estatal de enerxía e clima. A Xunta carece dunha meta propia.

En decembro de 2023 Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles.

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

  1. Reducir as emisións brutas de gases de invernadoiro  desde o -38,3% (2023) ao -65% para 2030 respecto a 1990
  2. Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  3. Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  4. Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  5. Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  6. Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  7. Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  8. Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  9. Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  10. Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040

As emisións industriais de CO2 subiron o 3% en 2025

Segundo vén de difundir a Comisión Europea, as emisións de gases causantes de cambio climático das industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron o 3% en 2025 con respecto ao ano anterior, ascendendo a 3,6 millóns de toneladas.

As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 25% das emisións territoriais totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia.

O sector enerxético fósil (refinaría e centrais eléctricas de gas) foi responsábel en 2025 do 59% das emisións industriais suxeitas no noso país ao comercio de emisións durante o pasado ano.

A produción eléctrica e a de aluminio foron as principais responsábeis do aumento das emisións industriais galegas en 2025.

O estancamento na instalación de nova potencia renovábel e a operación en modo reforzado do sistema eléctrico peninsular despois do apagamento de abril propiciaron un aumento do 20,5% nas emisións das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes.

As emisións da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao multiplicáronse por oito en relación a 2024, ano no que rexistraron un mínimo histórico. Foi a consecuencia da recuperación parcial da súa actividade, despois dun parón.

Aínda que en menor medida, tamén medraron as emisións do refino de petróleo (+1,9%) e da produción de hidróxeno fósil (+6,2%), síntomas da debilidade da transición enerxética.

Nin se observa unha tendencia ao descenso da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, a maior industria enerxética galega, nin existe un horizonte claro para a fabricación de hidróxeno verde a partir de electricidade limpa, capaz de substituír o hidróxeno fósil.

O maior descenso das emisións rexistrouse na fabricación de produtos químicos orgánicos (-85,3%) por causa da caída das emisións de Forestal del Atlántico. Tamén baixaron as emisións no sector da produción de aceiro e ferroaleacións (-24,5%).

SECTOR20242025CAMBIO (t)CAMBIO (%)
Centrais térmicas818.2191.082.108183.88920,5
Combustión-coxeración401.348375.941 -25.407-6,3
Refino de petróleo1.009.6441.028.556  18.9121,9
Produción de hidróxeno fósil200.756213.220   12.4646,2
Aceiro e ferroaleacións291.839220.344  -71.495-24,5
Aluminio412.491492.407  79.91619,4
Cemento e magnesita112.33499.306  -13.028-11,6
Pasta de papel65.52869.150  3.6225,5
Produtos químicos orgánicos99.92914.729  -85.200-85,3
TOTAL3.492.0883.595.761  103.673 3

Despois da caída do 77,5% nas emisións industriais entre 2018 e 2024, debida sobre todo ao declive e fin das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes, 2025 podería ter sido un punto de inflexión.

No caso de se consolidar a recuperación da actividade da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao e de se manter o estancamento da transición enerxética as emisións industriais tenderán a subir nos próximos anos.

As cinco maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente dun 75% das emisións industriais afectadas polo RCDE. Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de enerxía fósil.

A refinaría de petróleo da Coruña encabeza un ano máis a lista de grandes emisoras, convertendo a Repsol na empresa líder en Galicia das emisións causantes de cambio climático.

Un escenario enerxético ecoloxista para Europa

O escenario Paris Agreement Compatible (PAC) propón un camiño científica e tecnicamente fundamentado para transformar o sistema enerxético europeo de forma a descarbonizalo rapidamente. Está aliñado co obxectivo de limitar a 1,5 graos o aumento da temperatura media global.

Representa un salto na formulación de propostas enerxético-climáticas desde a sociedade civil. Do consorcio promotor do PAC fan parte Climate Action Network (CAN) Europe e o European Environmental Bureau (EEB), a federación ecoloxista europea. 

As metas do PAC son máis ambiciosas que as actuais da UE: polo menos -65% de emisións brutas de gases de invernadoiro en 2030 (máis de 10 puntos menos) e emisións netas cero en 2040 (dez anos antes da meta oficial).

A estratexia climática da Xunta procura para Galicia unha redución dun 50% das emisións brutas de gases de efecto invernadoiro en 2030 e a neutralidade climática en 2040.

Metas do escenario PAC

O PAC incorpora o principio da xustiza climática. Por iso é ambicioso, limitando as emisións netas acumuladas en 2020-2050 a 27,5 Gt. Con todo, non sería suficiente, tendo en conta a responsabilidade histórica e as capacidades da UE. Cómpre tamén unha importante axuda para a mitigación e a adaptación climática no Sur global.

O escenario PAC sería moi difícil de materializar pero estaría dentro do posíbel, se o contexto social e político fose favorábel. Posúe unha consistencia e un grao de concreción moi superior ao que é habitual nas propostas alternativas sobre transición enerxética e mitigación climática.

O PAC salienta algunhas accións chave para lograr a neutralidade climática en 2040. Na seguinte táboa recóllense agrupadas por sectores principais.

SECTOR ELÉCTRICOEDIFICIOSINDUSTRIATRANSPORTE
Acelerar a instalación de potencia eólica e solar até 118 GW por ano (en 2024 medrou uns 70 GW).Triplicar o ritmo de rehabilitación enerxética dos edificios, acadando o 3% anual en 2030.Reducir o consumo de materias primas virxes.Investir máis no transporte público e nos modos non motorizados.
Investir nas redes eléctricas, almacenamento e flexibilidade. Acoplar a rehabilitación enerxética coa instalación de bombas de calor.Incrementar, a través do impulso da circularidade, o uso de materias primas secundarias chave, até o 70-80%.Reducir o parque automobilístico e que todos os novos coches sexan eléctricos a partir de 2030.
Descarbonizar o sector eléctrico primeiro.Desenvolver redes de calor (district heating).Electrificar os procesos, reservando o hidróxeno verde para a xeración de calor a moi altas temperaturas.Derivados do hidróxeno para o transporte aéreo e marítimo.

O PAC é un escenario que aposta fortemente polo decrecemento da demanda enerxética e de materiais, a través de mudanzas tecnolóxicas e sociais. O consumo de enerxía final reduciríase un 50% en 2040 con respecto a 2020.

A electrificación é un pilar chave para conseguir rapidamente un sistema enerxético eficiente e descarbonizado.

A electricidade cubriría directamente o 80% do consumo enerxético. Ademais sería necesaria para producir hidróxeno verde e derivados (amoníaco, metanol, electrocombustíbeis) para usos non electrificábeis.

Como ademais habería que desfosilizar o sector eléctrico e o escenario PAC aspira a prescindir da enerxía nuclear e da biomasa, sen aumentar a potencia hidroeléctrica, compriría un intenso e acelerado aumento da produción eléctrica renovábel eólica e solar, tal e como se reflite na seguinte gráfica. O que requiriría dunha rede eléctrica moito maior.

Produción de electricidade no escenario PAC (TWh).

A segunda edición do PAC caracterízase pola súa granularidade, pois proporciona sendas para a transición enerxética para cada un dos 27 Estados membros.

Para España o PAC tamén procura unha redución á metade do consumo de enerxía final en 2020-2040. Un enorme desafío que, por exemplo no caso do transporte, precisaría dun fortísimo impulso do transporte público, do car-sharing e da electrificación. A frota de coches reduciríase de 22,8 (2020) a 6,8 (2040) millóns.

A electrificación e a redución do consumo tornarían posíbel que as renovábeis cubrisen xa o 90% do consumo de enerxía final en 2035. Esta cifra ascendería ao 126,4% en 2040, o que indica a atribución polo escenario PAC a España dun papel exportador de enerxía cara a outros estados europeos.

No escenario PAC a neutralidade climática en España atinxiríase en 2035. En 2040 xa habería uns 50 millóns de toneladas de emisións netas negativas. Para conseguilo sería preciso un drástico recorte do consumo e un desenvolvemento renovábel masivo: a potencia eólica/solar tería que multiplicarse polo menos por oito.

Pero é que ademais dunha transición enerxética rápida sería necesario tamén algo non menos complicado: multiplicar por 2,5 as absorcións netas naturais de dióxido de carbono.

O escenario PAC é un máis dos que se poderían deseñar para unha descarbonización rápida da UE á altura da súa responsabilidade climática. Porén, ilustra ben o desafiante que iso é no mundo real.

Aprobada a Lei do Clima de Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a Lei do Clima de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. No debate final da lei no pleno do Parlamento repetíronse os argumentos expostos no debate inicial de totalidade celebrado en outubro pasado.

BNG e PSdG-PSOE queixáronse da pouca receptividade da Xunta ás súas emendas parciais.

Entre as mudanzas do proxecto de lei incorporadas durante a tramitación parlamentaria só salientan un artigo sobre a introdución da perspectiva de xénero e unha disposición que obriga ao Goberno galego a presentar unha proposta de rede de refuxios climáticos.

O texto final da lei pode consultarse aquí.

Sobre o debate inicial de totalidade, as emendas parciais presentadas polos grupos parlamentarios e as suxestións do OGACLI ao proxecto de lei ofrecimos información na seguinte noticia.

A Lei do Clima de Galicia apenas define obxectivos de emisións e enerxéticos e contén moitos artigos baleiros de contido. É o caso dos relativos á integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (enerxética, mobilidade, agraria,…).

Algúns dos instrumentos recollidos na lei xa foron creados, como os minimalistas plans galegos de acción climática.

A creación da Oficina Galega de Cambio Climático e a regulación da contratación pública verde son os únicos novos instrumentos que merecen destaque positivo.

As carencias en ferramentas chave como a planificación enerxética, a transición xusta, a fiscalidade verde, a participación cidadá ou a educación ambiental son notábeis. Restan credibilidade ás metas e obxectivos da nova lei.

Na seguinte táboa compárase o tratamento dalgúns aspectos destacados entre o anteproxecto de lei sometido a unha consulta pública na que participou o OGACLI, o proxecto de lei que entrou no Parlamento e a lei finalmente aprobada.

TEMAANTEPROXECTO (2023)PROXECTO DE LEI (2025)LEI APROBADA
(2026)
Neutralidade climática (emisións netas cero)Horizonte do 2050Horizonte do 2040Horizonte do 2040
Obxectivos de emisións Ningún-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
Obxectivos enerxéticos Ningún. Sen horizonte para o abandono da enerxía fósilNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósilesNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósiles
Planificación climáticaAlén de incluír instrumentos xa operativos (comisión interdepartamental, plans de acción climática,…), crea os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización da Xunta e de Concellos de máis de 20.000 habitantesElimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas Elimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas
Planificación enerxética e outras políticas sectoriaisAlgúns criterios para orientar a integración climáticaSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio ClimáticoSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio Climático
Xustiza climáticaDefinición incompleta. Non crea a figura da Estratexia de Transición Xusta. Ignora a dimensión climática da acción exteriorAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climáticaAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climática
Instrumentos económicosSen referencias á fiscalidade verdeArtigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono. Artigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono.
Participación cidadáCrea o Consello do Clima O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática. O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática.

Unha novidade relevante é o adianto da neutralidade climática desde o horizonte do ano 2050 ao do 2040. Isto está máis acorde coa situación de partida e coas capacidades e responsabilidades de Galicia. Mesmo o horizonte do ano 2035 podería considerarse realista.

O abandono progresivo do carbón na produción eléctrica, xunto co crecemento das absorcións de CO2 na superficie arborizada, son as causas do descenso do 61,7% nas emisións netas de gases de invernadoiro entre 1990 e 2023, ano máis recente con datos.

Para acadarmos emisións netas cero en 2040 habería que diminuílas uns 40 puntos máis, en relación a 1990.

O declive final do carbón, combatido pola Xunta e a actual oposición parlamentaria, fixo baixar nuns 45 puntos as emisións netas en só seis anos (2018-2023).

A maior eiva do proxecto de lei, a non definición dun horizonte para o fin do emprego dos combustíbeis fósiles, non foi corrixida durante a tramitación parlamentaria. Ningún grupo político presentou emendas nese sentido.

A ausencia de obxectivos, prazos e medidas a respecto da substitución da enerxía fósil por renovábel resta credibilidade á meta de atinxir a neutralidade climática en 2040. Ese debería ser tamén o horizonte para o fin do uso da enerxía fósil en Galicia.

Nin sequera se mencionan os combustíbeis fósiles ao longo de todo o texto da lei, a pesar de seren a causa do 72 % das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático (2023).

As emisións da produción eléctrica subiron en 2025

A xeración eléctrica en Galicia emitiu máis de 1,5 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático durante 2025. Isto representa un aumento dun 10% con respecto ao ano anterior.

Malia o incremento, 2025 foi o segundo ano con menores emisións de GEI do sector eléctrico galego nas últimas cinco décadas.

A pesar do lento crecemento da potencia renovábel, o declive final da queima de carbón provocou unha forte caída das emisións de GEI do sector eléctrico galego nos últimos anos.

O sector eléctrico pasou de achegar un 40% das emisións totais de Galicia en 2018 a un 15% en 2023.

O transporte e a gandaría intensiva son hoxe os sectores que máis contribúen á crise climática desde Galicia.

As centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes son hoxe responsábeis  duns dous terzos das emisións  de GEI do sector eléctrico galego. O aumento da súa produción nun 21% foi a causa da suba das emisións da produción eléctrica galega en 2025.

A maior actividade dos ciclos combinados veuse favorecida polo estancamento da potencia renovábel e polo maior recurso aos ciclos combinados despois do apagamento de abril.

A xeración renovábel (sen incluír a combustión de residuos orgánicos) recuou dous puntos en 2025 até supor o 81,7% da total.

O fortalecemento da acción climática esixiría que antes de 2030 atinxise practicamente o 100%. O obxectivo da estratexia da Xunta é acadar o 85% en 2030 (incluíndo residuos orgánicos).

A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón.

O factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 70 gr de CO2eq/KWh entre 2018 e 2025. Isto significa que para un mesmo nivel de consumo eléctrico as emisións asociadas de GEI foron en 2025 unhas cinco veces menores que en 2018.

A electrificación do consumo enerxético en transporte, industria e fogares é hoxe a vía máis rápida para avanzar en Galicia na urxente descarbonización. 

Segundo Rede eléctrica, a potencia renovábel, incluíndo o autoconsumo solar fotovoltaico, tan só medrou en Galicia o 1,7% (+137 MW) en 2025.

O estancamento da potencia renovábel, xunto coa falta de avances na electrificación do consumo enerxético e a recuperación da actividade de Alcoa San Cibrao comprometen seriamente a redución de emisións de GEI en Galicia.

As emisións galegas brutas de GEI eran en 2023 (ano máis recente con datos) un 38,3% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao abandono do carbón na produción eléctrica. En 2030 deberían ser xa un 65% menores para estarmos en liña co Acordo de París.

[Información corrixida o 2 de febreiro de 2026 por causa da actualización dos datos proporcionados por Rede eléctrica, en especial do relativo á demanda de electricidade en 2025].

O Proxecto de Lei do Clima apenas reforzaría a loita climática

Coincidindo coa semana final da conferencia climática de Belém do Pará (COP 30), Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) reclaman unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa.

O proxecto de lei actualmente a debate no Parlamento de Galicia carece dos obxectivos e medidas necesarias para acelerar a redución das emisións galegas de gases de invernadoiro. As emisións brutas de Galicia seguen a ser superiores á media española en termos per cápita.

A maior eiva do Proxecto de Lei do Clima de Galicia presentado pola Xunta é a ausencia de metas e instrumentos para promover un rápido abandono do uso de combustíbeis fósiles, orixe do 72% das emisións brutas do noso país (2023) .

A desvinculación entre a política climática e a enerxética conságrase co cambio de nome do actual Plan Rexional de Enerxía e Clima, que pasará a chamarse de Acción Climática.

Resulta sorprendente e por suposto censurábel que o texto de Lei do Clima non mencione nin unha soa vez os combustíbeis fósiles e non aborde a transición enerxética. A Xunta debería saber mellor que ninguén que a dependencia de Galicia da importación de combustíbeis fósiles é moi significativa e que non se pode avanzar nunha transición real sen abrir un debate social sobre a planificación do abandono da enerxía fósil en todos os sectores”, afirman as organizacións.

Segundo Greenpeace e o OGACLI a principal acción climática a impulsar, que non a única, é unha transición enerxética rápida e xusta para acadar un sistema enerxético galego 100% renovábel antes de 2040.

Para iso, é fundamental planificar o fin do sector enerxético fósil (refinaría, centrais de gas fósil, regasificadora) e impulsar tanto o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis como unha maior electrificación da economía. O Proxecto de Lei do Clima pasa totalmente de perfil por estas cuestións, a pesar do estancamento actual da transición enerxética en Galicia.

Nos últimos anos o único avance importante foi o peche das centrais de carbón, causa principal da caída do 39% das emisións brutas de gases de invernadoiro entre 2018 e 2023.

As organizacións tamén denuncian que a falta de medidas para desbloquear e impulsar a transición enerxética, xunto coa non definición de obxectivos para a redución das emisións brutas e as absorcións netas de carbono no sector “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura”, restan credibilidade á meta da Xunta de lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040.

Unha meta que si supón un avance con respecto ao anteproxecto de lei sometido a consulta pública en 2023, que atrasaba o obxectivo a 2050, e que as organizacións celebran.

Outras carencias notábeis do proxecto de lei teñen que ver coa falta de determinación  de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a non aplicación de instrumentos de fiscalidade verde, o esquecemento da transición xusta ou a escasa promoción da educación ambiental e da participación cidadá.

Greenpeace e o OGACLI tamén chaman a atención sobre algúns retrocesos do actual texto con respecto ao anteproxecto de lei de 2023. Por exemplo, desapareceu a obriga de establecer orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (transporte, enerxía,…) pasou de ter pouca concreción a non ter ningunha e elimináronse os programas de descarbonización das administracións públicas.

Os únicos avances para a loita climática a destacar son a creación da Oficina Galega de Cambio Climático, que non estaba prevista no anteproxecto de lei, e a regulación da contratación pública verde, derivada da normativa europea.

Non se pode considerar un avance a creación dun mercado voluntario galego de carbono ao servizo do “lavado verde” empresarial e da promoción das plantacións forestais.

O Proxecto de Lei do Clima de Galicia, de non ser obxecto de melloras importantes durante a súa tramitación parlamentaria, será un instrumento moi pouco útil para a redución das emisións de gases de invernadoiro e a adaptación á crise climática en Galicia”, conclúen as organizacións.