As emisións de GEI non se reducen polo plan climático da Xunta

As emisións brutas galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático baixaron o 10,1% en 2019-2022. Foron chaves para iso o colapso do carbón e a crise da industria metalúrxica. O plan de enerxía e clima 2019-2022 da Xunta pouco contribuíu, como se pode deducir da súa propia avaliación.

O Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023 para o desenvolvemento e implantación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, publicado este ano pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, carece dunha estimación do aforro de emisións conseguido polas medidas de mitigación (redución de emisións) executadas no primeiro PRIEC.

O informe divulgado afirma que se executaron o 81% das medidas incluídas no PRIEC 2019-2023, sen concretar a porcentaxe por áreas (mitigación, adaptación, investigación e dimensión social) nin sinalar todas as medidas executadas ou non.

Só se salientan algunhas das medidas executadas, pola contía dos investimentos realizados. No que atinxe á mitigación, as “medidas resaltables” teñen a ver co fomento do transporte colectivo, como a construción de estacións intermodais, coa mellora da capacidade de absorción de emisións do sector forestal, como as axudas para plantacións forestais e accións de silvicultura e máis coa implantación da “cultura da eficiencia enerxética”, como a rehabilitación enerxética no sector residencial.

O informe feito público si indica que o bloque de mitigación recibiu en total 741.604.154 euros do total de 1.139.148.301 investidos, correspondendo ao 60% do investimento realizado.

O total executado en accións de mitigación coincide practicamente co total orzamentado, en contraste con outros capítulos, nos que o grao de execución foi ben menor.

O informe de execución do PRIEC 2019-2023 fai unha breve análise da evolución das emisións territoriais brutas e netas de gases de invernadoiro en Galicia entre 2019 e 2022, ano máis recente con información dispoñíbel.

Porén, non é posíbel contrastar a evolución real das emisións cos obxectivos do PRIEC 2019-2023, pois este non explicitou ningún obxectivo de redución de emisións.

A EGCCE publicada en 2019 pretendía reducir as emisións brutas nun 24,6% para 2030 e nun 81,3% para 2050, sempre con respecto a 1990. Non formulou un obxectivo de redución intermedio para 2025.

Proba da escasa ambición inicial da estratexia climática galega e do tremendo impacto positivo da caída na produción eléctrica con carbón rexistrada entre 2018 e 2019 é que no mesmo ano de lanzamento da versión inicial da estratexia xa se acadou o seu obxectivo para 2030. Dez anos antes do pretendido!!!.

As emisións brutas de GEI, isto é, as emisións sen descontar as absorcións de CO2 polos bosques e plantacións forestais, baixaron o 10,1% en 2022 en comparación con 2019, inicio do período de aplicación do primeiro PRIEC. En termos absolutos, o descenso atinxiu uns 2,2 millóns de toneladas.

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O desglose por sectores principais desta baixada, que o informe de execución da Xunta indica só para 1990-2022, revela as causas fundamentais do descenso de emisións de gases causantes de cambio climático entre 2019 e 2022 e o escaso impacto do PRIEC 2019-2022 nesa redución. 

O descenso das emisións concentrouse nas industrias do sector enerxético, concretamente nas centrais térmicas de carbón, así como na industria non enerxética, sobre todo no sector metalúrxico (aluminio, ferroaleacións,…), intensivo no consumo de enerxía e tamén con importantes emisións non asociadas ao uso de enerxía.

Esta diminución obsérvase claramente por sectores e instalacións industriais nos datos relativos ao comercio europeo de emisións de CO2.

As políticas autonómicas non explican as baixadas nas emisións industriais, debidas a decisións de ámbito europeo (centrais de carbón) e a circunstancias de mercado.

A Xunta, ao igual que outras institucións do país e co apoio de partidos políticos da oposición, mesmo tentou atrasar o declive e peche das centrais de carbón galegas. Porén, agora gábase de liderar a redución das emisións de GEI entre as comunidades autónomas, xunto con outras nas que a produción eléctrica con carbón tamén dominou as emisións de GEI até o seu ocaso (Castela e León, Asturias, Aragón).

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Nos sectores nos que se aplicaron as medidas de mitigación do PRIEC 2019-2023 salientadas pola Xunta as emisións subiron ou baixaron moito menos que na industria.

Polo tanto, semella claro que o impacto do PRIEC 2019-2023 na diminución das emisións brutas de GEI en Galicia durante os últimos anos foi máis ben pequeno. A pesar diso, o discurso público da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático tenta ligar fortemente ambos os dous feitos, ocultando os factores máis decisivos no recorte das emisións rexistrado nos últimos anos.

As emisións industriais baixaron o 23,7% en 2024

Segundo os datos divulgados pola Comisión Europea, as emisións de gases causantes de cambio climático das industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,7% (-1.087.233 t) en 2024 con respecto ao ano anterior.

As emisións destas industrias ascenderon a 3,5 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005.

As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións territoriais totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético fósil (2), responsábel en conxunto do 55% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante o pasado ano.

Dentro do sector enerxético, 2024 foi o primeiro ano no que o refino de petróleo superou ás centrais térmicas en emisións.

A caída das emisións industriais de gases causantes de cambio climático suxeitas ao RCDE en 2024 foi debida case en exclusiva ás centrais térmicas (-1.325.780 t, -59,6%).

Despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, o ano pasado foi o primeiro completo en Galicia sen produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de CO2. A isto hai que unir a baixada na actividade das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil, favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica.

Polo tanto, as razóns do forte descenso relativo das emisións industriais en 2024, que se suma a outro similar en 2023, débense, por un lado, á mudanza estrutural na produción eléctrica que supuxo o peche definitivo da maior e última central galega de carbón e, por outro lado, a factores conxunturais que posibilitaron unha redución na actividade das centrais eléctricas de gas, a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.

No resto dos sectores industriais as emisións subiron ou baixaron en moita menor medida que nas centrais térmicas.

Salienta o forte ascenso das emisións da produción de aceiro e ferroaleacións (+74,2%), debido sobre todo á maior actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo). Tamén subiron de forma importante as emisións da fabricación de produtos químicos orgánicos (+37,2%) e do refino de petróleo (+9,9%).

A parálise na produción de aluminio, prolongada en 2024, é un dato fundamental para explicar a evolución das emisións industriais galegas nos últimos anos.

A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa San Cibrao (única do sector do aluminio suxeita ao RCDE) pasou de emitir un millón de toneladas de gases de invernadoiro en 2021 a arredor de 400.000 en 2023 e 2024.

Cun nivel de actividade similar ao de 2021, Alcoa San Cibrao tería provocado desde 2022 un incremento das emisións galegas en varios centenares de miles de toneladas anuais, tanto directa como indirectamente, ao requirir polo seu elevado consumo eléctrico un maior funcionamento das centrais térmicas fósiles, aínda por riba no contexto do parón eólico.

Emisións RCDE por sectores (en toneladas de CO2equivalente)

Sectores20232024Variación (t)Variación (%)
Centrais térmicas2.223.999 818.219-1.325.780-59,6%
Combustión-coxeración405.180400.910-4.270-1,1%
Refino de petróleo918.7981.009.60290.8049,9%
Produción de hidróxeno fósil186.228200.756       14.5287,8%
Aceiro e ferroaleacións167.527291.839124.312  74,2%
Aluminio398.036412.49114.4553,6%
Cemento e magnesita128.590112.334-16.256  -12,6%
Pasta de papel77.66365.528-12.135 -15,6%
Produtos químicos orgánicos72.82099.92927.109   37,2%
TOTAL4.578.8413.491.608-1.087.233-23,7%

As cinco maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente de máis do 70% das emisións industriais afectadas polo RCDE.

Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de combustíbeis fósiles. A refinaría de petróleo da Coruña encabeza a lista de grandes emisoras (3).

Cinco maiores industrias emisoras en 2024

IndustriaEmisións (en toneladas de CO2 equivalente)
Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol)1.009.602
Central de gas fósil das Pontes (Endesa)578.671
Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa)399.403
Central de gas fósil de Sabón (Naturgy)319.548
Planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Air liquide)200.756

Por primeira vez nas últimas décadas, Endesa non foi a maior empresa emisora, cedendo esa posición a Repsol.

O 17 de marzo é o Día da Depredación Enerxética

O OGACLI define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente).

A partir do Día da Depredación Enerxética, a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil, procedente maioritariamente do Sur global, os Estados Unidos de América (EUA) e Rusia.

O uso de enerxía fósil é responsábel do 72,7% das emisións territoriais galegas de gases causantes de crise climática (2022).

O informe Día da Depredación Enerxética 2025 calcula que os recursos enerxéticos galegos esgótanse hoxe 17 de marzo. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade). Tómase como ano de referencia o ano máis recente con datos, que é 2022.

Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento adóitanse acabar nalgún día de marzo, cando menos desde 2010. Polo tanto, Galicia depende de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía polo menos durante nove dos doce meses do ano.

Desde 2010 o Día da Depredación Enerxética tendeu a atrasarse, mais de xeito moi suave.

A enerxía galega renovábel só achega pouco máis do 20% de toda a usada en Galicia.

O aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis galegos tendeu ao estancamento durante os últimos anos. En 2022 incluso baixou, pola caída da enerxía procedente da auga debido á seca.

O petróleo é o recurso enerxético máis utilizado no noso país. O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, e o recurso a produtos petrolíferos importados, regresaron a niveis previos á pandemia da COVID-19.

Os Estados Unidos de América (EUA), México e Libia son os países de orixe da maioría do petróleo importado por Galicia.

Desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis empregado.

En 2022 o gas fósil mantívose no seu teito histórico de uso en Galicia, iniciado en 2020. Todo o gas fósil importouse como licuado, transportado en 28 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes de Rusia (15), Estados Unidos (9) e Nixeria (4).

Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación a outros países, a miúdo do Sur global, dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos.

Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas.

As emisións de GEI da produción eléctrica galega caeron a un mínimo histórico en 2024

A partir dos datos de produción eléctrica por fontes divulgados por Rede Eléctrica, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que a xeración eléctrica en Galicia emitiu 1,4 millóns de toneladas de gases causantes de cambio climático durante 2024, o que representa unha redución dun 50% con respecto ao ano anterior.

Son as emisións máis baixas de polo menos as últimas cinco décadas.

O abandono total do carbón e a elevada produción hidroeléctrica son as razóns principais da forte diminución en 2024 das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) da produción eléctrica.

A xeración de electricidade supón un 15-20% das emisións totais brutas de Galicia, lideradas na actualidade polo transporte e o sector agrario.

Pechada a central térmica de carbón das Pontes en outubro de 2023, 2024 foi o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón, con moita diferenza a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal GEI.

Por outro lado, a electricidade obtida a partir da auga aumentou o 20%, superando os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010, compensando  así con folgura a redución da achega das demais renovábeis. 

Ambos os dous feitos foron decisivos para que o peso das renovábeis (sen residuos orgánicos) na produción eléctrica escalase até o 83,2%.

Produción eléctrica en Galicia

 20232024
FontesMWh% totalMWh% total
Hidráulica8.371.8923510.065.72743,4
Eólica9.106.25838,18.854.52638,2
Solar fotovoltaica22.2670,122.0380,1
Biomasa e biogás355.0281,5336.0441,5
Xeración renovábel17.855.44574,719.278.33583,2
Turbinación bombeo199.0550,8203.2120,9
Ciclos combinados (gas fósil)3.759.49315,72.099.0719,1
Carbón629.2092,6-830
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.142.1524,81.256.1855,4
Residuos319.6021,3337.9601,5
Xeración non renovábel6.049.51125,33.896.34516,8
Total23.904.957 23.174.680 

Fontes: Red Data (https://www.ree.es/es) e app redOS de Rede Eléctrica. Nota: Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por Rede Eléctrica.

A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón inducido pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións, e a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.

Así, o factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 60 gr CO2eq/KWh entre 2018 e 2024. Iso significa que na nosa terra, para un mesmo consumo eléctrico efectuado en fogares, industrias ou vehículos, as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018. 

O aumento da electrificación do consumo enerxético para substituír produtos petrolíferos e gas fósil nunca foi tan vantaxosa para o clima en Galicia.

Sen embargo, a electrificación da economía galega non só non medrou nos últimos anos senón que baixou. A electricidade pasou de representar o 26% do consumo enerxético galego en 2018 ao 22,7% en 2022, ano máis recente con datos. Un dato tan preocupante para a acción climática como o escaso crecemento da potencia eléctrica renovábel, que tan só medrou en 578 MW desde 2018 (+8,1%), segundo Rede Eléctrica (non inclúe autoconsumo solar).

O bo dato sobre as emisións do sector eléctrico en 2024 non pode ocultar o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovábel. 

As emisións totais brutas de gases de invernadoiro en Galicia son hoxe (2022) un 33% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao declive do carbón, mais en 2030 deberían ser xa un 65% menores, para estarmos en liña co Acordo de París. Para iso, é fundamental descarbonizar totalmente a produción eléctrica e duplicar a electrificación da economía antes de 2030.

A desfosilización da produción eléctrica galega estáncase (2023)

Aumentan as emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica galega (2022)

As emisións de contaminantes atmosféricos crecen

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2022)”, baseado nos datos máis recentes para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A repunta no consumo de combustíbeis fósiles no sector enerxético e no transporte, xunto co incremento das emisións debidas aos incendios forestais, foron as principais causas do aumento das emisións á atmosfera en Galicia durante 2022, último ano para o que se dispón de datos oficiais.

As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) subiron o 2,5%. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono troposférico (+3,9%) e de partículas respirábeis PM2,5 (+29,7%). Tan só non creceron as emisións de gases acidificantes, que se mantiveron estábeis (-0,2%).

Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións á atmosfera en Galicia, aínda que insuficiente para contribuírmos con xustiza á mitigación da crise climática global e para lograrmos unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS).

As emisións de contaminantes atmosféricos reducíronse nas últimas décadas en maior medida que as de gases de invernadoiro causantes de cambio climático.

As emisións de gases acidificantes diminuíron en 2022 nun 82,4% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 50,2%, sempre en comparación con 1990. As de partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) baixaron o 52,1% en relación a 2000 (non hai datos oficiais para 1990-2000).

Sen embargo, as emisións brutas de GEI só minguaron o 33% con respecto a 1990. Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo do 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París.

As causas principais da diminución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas tres décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón mentres estiveron en funcionamento.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é a maior fonte no noso país de contaminantes atmosféricos e de GEI.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2022 a principal fonte de gases acidificantes (65,4% das emisión totais), mentres que o transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (27,2%) e de gases precursores do ozono malo (42,9%) (no caso destes gases inclúese tamén a maquinaria móbil).

No tocante ás partículas PM2,5, a combustión non industrial (principalmente doméstica) resultou ser a maior fonte (40,4%) en 2022, a pesar do aumento das emisións dos lumes rurais con respecto a 2021.

Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar o desenvolvemento renovábel e a electrificación do consumo enerxético, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar máis o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais.

Evolución dos principais indicadores

Na páxina web do Observatorio destácanse tres indicadores principais do estado da transición cara a un sistema enerxético desfosilizado: as emisións de gases de invernadoiro, o consumo de enerxía final e a cota de renovábeis. Xunto cos datos máis actualizados dispoñíbeis, apúntanse os obxectivos oficiais para cada un deles no horizonte 2030.

Indicadores destacados na páxina web a novembro de 2024.

Neste artigo exponse a evolución nos últimos anos dos devanditos indicadores e máis doutro tamén moi relevante: a electrificación da economía. Mais os obxectivos de referencia para 2030 non son os oficiais senón os propostos no informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, de Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI).

As emisións brutas de GEI creceron o 2,5% en 2022, debido principalmente a un maior uso de combustíbeis fósiles no sector enerxético e no transporte. Deste xeito, desviáronse dunha traxectoria de descenso do -65% en 2030 con respecto a 1990. De se acadar este obxectivo, Galicia podería atinxir a neutralidade climática ben antes de 2040.

Os datos oficiais sobre as emisións en 2023 non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións territoriais galegas- ou a baixada  do 8,4% no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións diminuíron en 2023.

O consumo de enerxía final (combustíbeis, calor, electricidade) baixou un 4,5% en 2022, por causa sobre todo duns elevados prezos da enerxía e do inicio da parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.

Desde 2020 o consumo de enerxía final mantense por debaixo dunha senda obxectivo de diminución de -50% en 2040 en comparación con 2019.

A cota de enerxías renovábeis no consumo de enerxía final apenas aumentou en 2022, un crecemento insuficiente para avanzarmos cara ao desexábel 70% en 2030.

O escaso avance en 2022 na penetración das enerxías renovábeis reflite o lento crecemento da potencia renovábel, sobre todo da eléctrica mais tamén da térmica.

En 2022 mantívose a tendencia á baixa na electrificación (peso da electricidade no consumo de enerxía final). A electrificación é chave para mellorarmos a eficiencia enerxética e descarbonizarmos a economía, polo que urxe unha mudanza de rumbo.

Evolución dos principais indicadores enerxéticos e de emisións de GEI

Os desequilibrios entre produción e consumo enerxético en Galicia

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “A diversa realidade enerxética de Galicia”, baseado nos datos oficiais dispoñíbeis máis recentes sobre o consumo de enerxía final (polo tanto non só de electricidade) e de produción eléctrica por provincias.

O informe analiza a situación  en cada unha das provincias, constatando a existencia de importantes desequilibrios entre produción e consumo no interior de Galicia a escala provincial.

Uns dous terzos do consumo de enerxía  en Galicia concéntrase nas provincias da Coruña e Pontevedra, a pesar de ocuparen pouco máis do 40% do noso territorio. Con todo, o seu consumo enerxético é algo inferior ao seu peso na poboación e no PIB. Isto é así porque o consumo enerxético en Lugo é ben superior ao que cabería agardar por poboación e PIB, xa que está moi condicionado pola enorme demanda de gas fósil e de electricidade da fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa na Mariña luguesa.

Semella claro que o consumo enerxético na nosa terra está hoxe moi concentrado na franxa costeira, aínda que non se coñecen publicamente datos de consumo por municipios e comarcas, o que ofrecería unha imaxe máis precisa das disparidades territoriais no consumo.

Aínda que se adoita pór o foco na electricidade, son os combustíbeis fósiles os que dominan amplamente o consumo enerxético en todas as provincias. Por termo medio, en 2016-2021, os combustíbeis fósiles representaron entre o 56% do consumo total na Coruña e o 65% en Ourense, unha participación nos usos enerxéticos finais moi superior á da electricidade, que varía entre o 21% de Pontevedra e o 32% de Lugo.

O resto da enerxía empregada é achegada pola biomasa e outras renovábeis non eléctricas e máis polos residuos.

A substitución de combustíbeis fósiles por electricidade renovábel limpa (eólica, hidráulica, solar), mediante unha maior electrificación dos usos enerxéticos finais, é a principal vía para reducirmos drasticamente as emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático no que resta de década, crucial para evitar que o quecemento global non supere os 1,5⁰ C.

Hoxe a produción eléctrica limpa é claramente insuficiente, en maior ou menor medida, para remudar os produtos petrolíferos e o gas fósil (tamén chamado gas natural) en todas as provincias galegas.

A única excepción é Ourense que, en anos sen seca, coa xeración eléctrica obtida no seu territorio, maioritariamente de orixe hidráulica, podería desfosilizar o consumo  enerxético propio aumentando a electrificación da economía.

Paradoxalmente, Ourense é a provincia galega co consumo enerxético menos electrificado (xunto con Pontevedra) e máis dependente de combustíbeis fósiles, o que constitúe un excelente exemplo de que a electricidade limpa producida nun determinado territorio non contribúe á propia descarbonización se é exportada masivamente.

Uns dous terzos da potencia renovábel eléctrica limpa instalada en Galicia concéntrase en Ourense e en Lugo. Nas provincias interiores a produción eléctrica é xa practicamente 100% renovábel e supera o consumo eléctrico propio. En cambio, a electricidade  limpa xerada na Coruña e Pontevedra está lonxe de cubrir o seu consumo eléctrico actual.

O déficit renovábel das provincias costeiras multiplícase se se compara a produción eléctrica limpa non só co consumo eléctrico senón coa suma deste e do de combustíbeis fósiles a substituír, pois só equivale a un 20% na Coruña e a un 10% en Pontevedra, porcentaxe que en Lugo sobe até case o 50% e en Ourense atinxe o 90% (2021) (1).

O consumo de enerxía fósil, ben no sector enerxético ou ben en usos finais, é a principal fonte de emisións de gases de invernadoiro en todas as provincias, sobre todo na Coruña e en Pontevedra, onde supón perto do 80% das emisións totais.

As principais accións a favor do clima en Galicia son a planificación do fin do sector enerxético fósil –moi concentrado na Coruña- e a substitución dos combustíbeis fósiles por electricidade limpa, o que require de aumentos simultáneos da produción eléctrica limpa e da electrificación, nomeadamente en Coruña e Pontevedra.

Nota

1. A relación entre a produción eléctrica limpa e a suma de consumo eléctrico e de combustíbeis fósiles ofrece unha idea aproximada da dimensión do déficit de electricidade limpa necesaria para a desfosilización do consumo enerxético. En principio, non sería necesario substituír a enerxía fornecida hoxe por combustíbeis fósiles pola mesma cantidade de electricidade, pois a electrificación implica en xeral unha maior eficiencia e unha redución do consumo para un mesmo uso.

Informe A diversa realidade enerxética de Galicia

A Coruña lidera as emisións galegas de gases de invernadoiro

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022)”, baseado no máis recente inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. É a primeira vez que se divulgan en Galicia estes datos a escala provincial.

A provincia da Coruña concentra o 51,7% das emisións brutas de gases causantes de cambio climático en Galicia, o que non só ten que ver co seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén co feito de se situaren no seu territorio as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As  Pontes.

Lugo é a segunda provincia con maiores emisións, co 20,9% das totais, polo que practicamente as tres cuartas partes das emisións territoriais galegas orixínanse no norte do país.

As emisións de gases de invernadoiro de Galicia reducíronse o 33% en 2022 con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada sustentouse na diminución á metade das emisións na provincia da Coruña, debida sobre todo á substitución do carbón na produción eléctrica.

Pola contra, as emisións medraron  de forma importante en Ourense (12,5%) e en Pontevedra (16,5%). En Lugo tamén se recortaron (-10,3%), mais foi pola parada temporal da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.

O transporte é o único sector onde subiron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2022, o que case aconteceu tamén no caso das emisións de orixe non fósil  da agricultura e a gandaría, onde só en Ourense non aumentaron, senón que se estabilizaron.

As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial/institucional, residencial e primario medraron  en todas as provincias, agás en Pontevedra, debido á menor achega do sector primario.  Canto ás emisións industriais e do tratamento de residuos descenderon de forma xeralizada.

En 2022 as emisións de GEI de Galicia aumentaron o 2,5% en relación ao ano anterior. A diferenza do acontecido no período 1990-2022, a provincia da Coruña impulsou este incremento interanual, ao subiren as súas emisións o 12,2%. A causa principal foi a maior actividade tanto da refinaría de petróleo como das centrais eléctricas de gas fósil, nun contexto de estancamento da transición enerxética e de seca.

Existen grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita. As máis elevadas son as de Lugo (12,6 t/hab), moi superiores á media galega (7,2 t/hab), o que se explica polas súas producións gandeira e de alúmina e aluminio. No extremo contrario colócase Pontevedra, con só 4 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.

A descarbonización do transporte, mediante a restricción do uso do vehículo privado, a mellora da oferta do tren e o autobús e a electrificación baseada en electricidade renovábel,  é a acción climática máis prioritaria común ás catro provincias galegas.

Na Coruña salienta tamén a necesidade de acelerar o fin do sector enerxético fósil, mentres que na provincia de Lugo cobra especial relevancia o impulso da transición agroecolóxica.

As emisións de gases de invernadoiro medraron o 2,5% en 2022

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022)”, baseado nos datos oficiais para o noso país extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

As emisións  aumentaron en 2022 por segundo ano consecutivo, desviándose aínda máis dunha traxectoria de descenso compatíbel co Acordo de París.

As emisións brutas de gases de invernadoiro ascenderon a 19.461.143 toneladas en 2022, o que supón un crecemento do 2,5% con respecto a 2021. Desviáronse así aínda máis dunha traxectoria de descenso compatíbel co Acordo de París.

O maior incremento rexistrouse no sector enerxético (+36,9%, +1.026.484 t), debido á caída da produción hidroeléctrica pola seca, ao estancamento da potencia eléctrica renovábel e ao aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, o segundo maior foco emisor en 2022 e o primeiro en 2023.

Tamén medraron de forma importante as emisións do transporte de persoas e mercadorías (+5,6%, +279.294 t), atinxindo o valor máis alto desde 2011, a pesar do forte aumento dos prezos dos combustíbeis de automoción en 2022, compensado por axudas públicas. O transporte é o sector que máis contribúe á crise climática global desde Galicia, representando o 27,2% das emisións totais.

En 2022 só se reduciron as emisións na industria non enerxética e nos fogaresUn descenso atribuíbel non tanto a  progresos na descarbonización como á suba dos prezos da enerxía a raíz do comezo da guerra en Ucraína e á crise da industria metalúrxica, nomeadamente á parada temporal da planta de aluminio de San Cibrao (Alcoa).

A baixada interanual das emisións na industria durante 2022 non ten precedentes, nin en termos relativos, nin en termos absolutos (-24,7%, -945.459 t).

O sector enerxético fósil e o uso de produtos petrolíferos e gas natural  nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…)  son  responsábeis en conxunto do 72,7% das emisións galegas de gases de invernadoiro.

Polo tanto, o mal momento da transición enerxética, con cativos avances en aforro, electrificación e  desenvolvemento renovábel, é un enorme lastre para a mitigación do cambio climático en Galicia.  

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións de Galicia diminuíron o 33%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 11,7 millóns de toneladas (-74,4%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e o incremento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrado a partir de 2019.

A pesar da diminución nun terzo das emisións totais en comparación con 1990, as emisións por habitante de Galicia (7,2 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (6,2 t) e só un pouco inferiores ás da UE (7,5 t).

Para contribuír á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións un 65% en 2030 en relación  a 1990.

A Xunta comprometeuse verbalmente cunha redución do 55% para 2030, mais demora en concretar unha folla de ruta para o lograr, o que require a revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050. Adoptada en 2019, esta estratexia  só procura un recorte do 24,6%, obxectivo superado xa no mesmo 2019, grazas ao declive do carbón na xeración eléctrica.

Para lograr reducións ambiciosas das emisións en Galicia no que resta de década é esencial duplicar á vez o grao de electrificación do consumo enerxético e a potencia eléctrica renovábel instalada, así como pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son actualmente as principais fábricas galegas de cambio climático, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2023 non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións galegas- ou a baixada  do 8,4% no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións reducíronse en 2023.

Piden ao novo Goberno galego ambición nas políticas climáticas perante o estancamento da transición enerxética

Con motivo da configuración do novo Goberno na Xunta de Galicia, Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) fan un chamamento ao presidente Alfonso Rueda e o seu novo equipo de Goberno, especialmente á conselleira Ángeles Vázquez, para que incrementen considerabelmente a ambición nas súas políticas climáticas de cara á lexislatura que comeza.

Esta aceleración debe facerse ademais incluíndo medidas para que os seus impactos sexan positivos na sociedade e na biodiversidade.

As organizacións centran especialmente a atención sobre os pobres resultados do último Balance enerxético de Galicia (2022), que vén de facer público o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), pois confirman que a transición enerxética non está a avanzar no país ao ritmo esixido polo combate á emerxencia climática.

Unha realidade constatada no informe Galicia, máis aló dos combustibles fósiles presentado por ambas organizacións en decembro pasado.

A porcentaxe de orixe renovábel dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor caeu do 25 ao 21% entre 2021 e 2022 (1). As causas principais foron o aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, o cativo aumento da potencia renovábel e a seca.

Un ano máis confírmase que en Galicia non existe ningún excedente real de enerxía renovábel e si unha enorme dependencia de enerxía fósil. Practicamente o 80% dos recursos enerxéticos empregados en 2022 foron de orixe fósil e importáronse sobre todo desde o Sur global, Rusia e Estados Unidos.

A importación de cru de petróleo destinado á refinaría de Repsol na Coruña medrou un 20% en 2022, volvendo así a niveis similares aos anos previos á pandemia. A refinaría é a principal industria enerxética do país, xestionando a metade dos recursos enerxéticos usados no noso territorio para producir combustíbeis destinados ao consumo interno e á exportación.

Os produtos petrolíferos lideran tanto o  consumo interno (43% do total) como as exportacións galegas de enerxía dispoñíbel para o consumo (68%) (2).

A importación de gas fósil, tamén chamado gas natural, apenas diminuíu en 2022 con respecto a 2021, en que atinxiu o máximo histórico. Todo o gas fósil importouse en barcos como gas natural licuado (GNL) a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos.

O GNL é máis intensivo en emisións de gases causantes de cambio climático que o de gasoduto, especialmente o extraído mediante fracking, caso da maioría do procedente dos Estados Unidos, segundo país de orixe dos barcos metaneiros descargados na regasificadora galega en 2022, só atrás de Rusia (3).

O presidente da Xunta comprometeuse en outubro do ano pasado a acadar a neutralidade climática en Galicia en 2040, pero as políticas climáticas non se fan só con declaracións. Nin a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 nin o anteproxecto de Lei do Clima de Galicia están aliñados con ese obxectivo. Non avanzamos en renovábeis, nin en electrificación, nin en eficiencia. O necesario abandono progresivo dos combustíbeis fósiles nin sequera está enriba da mesa. Necesitamos mudanzas reais e mudanzas rápidas se queremos cumprir o acordo de París”, afirmou Manoel Santos, de Greenpeace.

A enerxía producida por fontes renovábeis autóctonas baixou en 2022 debido sobre todo á seca, que diminuíu case á metade á produción hidroeléctrica en relación ao ano anterior.

Mais tamén influíu o escaso incremento da capacidade de produción renovábel, problema que se arrastra nos últimos anos.

A potencia renovábel eléctrica tan só medrou en 226 MW (+3%) desde 2019 até hoxe.

Canto á potencia renovábel térmica sumou 692 MW (+24%), a maioría de biomasa, entre 2018 e 2022, ano máis recente con datos.

Greenpeace e o OGACLI apuntan tamén ao consumo galego de enerxía final (electricidade, combustíbeis, calor), que baixou un 4,5% en 2022, situándose en 5,4 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep).

Un descenso concentrado no sector industrial e moito máis vinculado á suba dos prezos da enerxía e ao inicio da parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao que ás insuficientes políticas de aforro enerxético.

Ademais, a diminución do consumo non foi xeralizada, pois no transporte, baseado aínda case totalmente en enerxía fósil, creceu o 12,5%, volvendo a niveis prepandemia.

2022 non só foi malo para a electricidade renovábel senón tamén para a electrificación, pois o peso da electricidade no consumo enerxético galego non só non subiu senón que mesmo baixou tres puntos, caendo até o 22,7%. En 2030 debería ser xa dun 50%.

O aumento simultáneo da produción de electricidade renovábel e da electrificación, cando substitúe combustíbeis fósiles, non só contribúe á descarbonización senón tamén ao aforro de enerxía. Por iso, é lamentábel que en 2022, mentres apenas medraba a potencia renovábel e a electricidade renovábel producida superaba a nosa demanda eléctrica en cinco dos doce meses do ano, o consumo galego de combustibeis fósiles aumentase un 3%, impulsado sobre todo por un maior uso do gas fósil na xeración eléctrica e de produtos petrolíferos no transporte”, apuntou Xosé Veiras, do OGACLI.

A cota de renovábeis no consumo enerxético final galego, un indicador usado na política enerxética europea que ten tamén en conta datos de anos anteriores, medrou case un punto en 2022, até o 44,7%, lonxe do obxectivo do 58% para 2030 formulado na Axenda enerxética 2030 da Xunta e aínda máis do 70%, obxectivo máis acorde coa ciencia para combater a emerxencia climática.

Ademais, as boas cifras na cota de renovábeis no consumo eléctrico (99,9%) contrastan coa baixa achega de renovábeis na calefacción e a refrixeración (34,3%) e, sobre todo, no transporte (5,9%).

En decembro de 2023, Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, que analiza o estado da transición enerxética no país.

O esaxerado peso dos combustíbeis fósiles importados no sistema enerxético galego afasta ao país do obxectivo de alcanzar un sistema 100% renovábel, que podería e debería lograrse para 2040.

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia.

Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

-Reducir as emisións brutas  nun 65% para 2030 respecto a 1990.

-Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030.

-Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040.

-Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019.

-Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030.

-Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030.

-Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035.

-Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos.

-Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%.

-Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040.

Notas

(1) Sen incluír os chamados residuos renovábeis.

(2) Sen incluír nesta porcentaxe o uso de produtos petrolíferos na produción de electricidade e calor en centrais de coxeración.

(3) Estes datos proceden do informe “El sistema gasista español. Informe 2022” de Enagás, pois os balances enerxéticos do INEGA non indican os países de orixe da enerxía importada. En 2022 descargaron na regasificadora de Mugaros 28 metaneiros, 15 con orixe en Rusia (o GNL ruso non é obxecto de sancións pola invasión de Ucraína), 9 en EEUU e 4 en Nixeria.