A desfosilización da produción eléctrica galega estáncase

A transición eléctrica non avanzou en Galicia durante 2023. Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica, a recuperación da produción hidroeléctrica en 2023 posibilitou un aumento da xeración renovábel do 24,3% con respecto a 2022, ano marcado pola seca. A pesar diso, a achega das fontes renovábeis non rompeu o teito do 75% da electricidade producida en Galicia.

A participación das renovábeis na xeración eléctrica galega non mellora desde 2020, téndose estabilizado arredor do 75%, coa excepción de 2022 (64,1%). Entre 2018 e 2020 saltou do 54,9 ao 74,9%, debido sobre todo á caída no uso do carbón.

A ausencia de avances na penetración das renovábeis relaciónase coa conxelación da capacidade de produción renovábel durante os últimos anos.

De acordo con Rede Eléctrica, a potencia instalada en Galicia tan só creceu en 39 MW (+0,5%) entre 2020 e 2023, de 7.665 a 7.703 MW. En 2023 practicamente non aumentou (+2 MW).

Fonte: Rede eléctrica.

A duplicación da produción hidroeléctrica con respecto a 2022 foi a causa do aumento da xeración renovábel en 2023. A achega da eólica baixou o 6,5% pero mesmo así superou a da hidroeléctrica e liderou a produción eléctrica ao representar o 38% da total.

Moito máis acusado foi o descenso da electricidade obtida a partir da biomasa (-26,4%), dato que non se pode considerar totalmente negativo, por se tratar dunha fonte contaminante e pouco eficiente.

En cambio, si é moi lamentábel a contribución tan residual da solar fotovoltaica, que un ano máis supuxo só o 0,1% de toda a electricidade producida (sen considerar o autoconsumo).

Produción eléctrica en Galicia


2022
2023
FontesMWh% totalMWh% total
Hidráulica4.134.07518,48.390.89635,1
Eólica9.720.11043,49.086.25638,0
Solar fotovoltaica22.2390,122.5970,1
Biomasa e biogás482.2922,2354.7771,5
Xeración renovábel14.358.71564,117.854.52774,7
Turbinación bombeo117.1470,5198.3700,8
Ciclos combinados (gas fósil)5.062.05222,63.759.56515,7
Carbón859.2643,8629.3482,6
Coxeración (gas fósil, gasoleo, fuel)1.689.2557,51.138.0574,8
Residuos326.8801,5319.5681,3
Xeneración non renovábel8.054.59735,96.044.90725,3
Total22.413.312
23.899.434
Fontes: Red Data (https://www.ree.es/es) e app redOS de Rede Eléctrica. Nota: Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por Rede Eléctrica.

A electricidade proporcionada por combustíbeis fósiles e residuos diminuíu o 24,9% con respecto a 2022, debido principalmente á menor actividade das centrais de ciclo combinado (gas fósil) (-25,7%) e das centrais de coxeración que subministran electricidade e calor a algunhas industrias (-32,6%).

A pesar do descenso rexistrado, a xeración fósil non baixou dos 6.000 GWh, manténdose nun nivel similar aos de 2020 e 2021, outro dato indicador do estancamento na transición eléctrica.

2023 foi o ano do fin da produción eléctrica con carbón en Galicia, ao se apagar a central das Pontes a comezos de outubro.

Malia achegar só o 2,6% de toda a electricidade producida, será suficiente para que a central de carbón das Pontes volva figurar entre as industrias galegas con maior impacto climático en 2023, se ben cun volume de emisións moi inferior aos que presentaba até 2018.

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas á produción de electricidade en Galicia ascenderon a uns 2,6 millóns de toneladas durante 2023. Suporía un descenso dun 25% en relación a 2022 pero unha estabilización en comparación con 2021.

A produción eléctrica debería estar libre de emisións de CO2 de orixe fósil antes de 2030, para contribuír a unha redución total das emisións galegas en liña co Acordo de París.

A caída abrupta da produción eléctrica con carbón a partir de 2019, motivada pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións, fixo que as emisións anuais de gases de invernadoiro asociadas á electricidade xerada na nosa terra baixasen desde 11,1 a 2,6 millóns de toneladas entre 2018 e 2023.

Con todo, o sector eléctrico segue a estar entre os principais emisores, sendo responsábel do 14,2% das emisións totais (en 2021, último ano con datos oficiais para as emisións totais).

O parón na transición eléctrica en Galicia é un atranco para a rápida descarbonización da nosa economía. As emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro son hoxe (2021) un 34% inferiores ás de 1990, mais en 2030 deberían selo xa un 65%.

É fundamental desfosilizar a produción eléctrica e duplicar a electrificación antes de 2030, coa finalidade de substituír produtos petrolíferos e gas fósil en usos enerxéticos finais por electricidade 100% renovábel, nomeadamente na industria e no transporte.

Deixar un comentario