Emisións de GEI do transporte aéreo e marítimo internacionais

Nos inventarios oficiais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) elaborados no cadro da Convención de Cambio Climático das Nacións Unidas non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais. Esta regra contábel ten sido interpretada como un intento de agochar e eludir a achega á crise climática de dúas actividades chave para a globalización das cadeas produtivas e a internacionalización do turismo.

Malia o anterior, as emisións do tráfico marítimo e aéreo internacionais tamén se calculan, no caso galego e español polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Na información que divulgamos desde o OGACLI sobre as emisións brutas totais, por habitante, por gases ou por sectores, só se inclúen as producidas en Galicia polo tráfico marítimo e aéreo con orixe e destino en portos ou aeroportos españois, pois son as que se teñen en conta actualmente no inventario oficial e no establecemento dos obxectivos autonómicos e estatais de redución de emisións.

As emisións de CO2 do tráfico marítimo internacional en Galicia ascenderon a 1.248.125 toneladas en 2024. Estas emisións son incomparabelmente superiores ás do tráfico marítimo español (16.007 toneladas) e exceden as derivadas do consumo de enerxía fósil en todo o sector primario (1.078.689 toneladas).

As emisións do transporte marítimo internacional atinxiron un teito duns 1,6 millóns de toneladas a mediados da primeira década do presente século, para despois descenderen até 2020, ano moi marcado polos efectos da COVID-19. Desde entón volveron medrar de forma sostida.

Se se engadisen as emisións do transporte marítimo internacional ás contabilizadas para Galicia no inventario oficial de gases de invernadoiro, a cifra total de emisións medraría o 7,5%.

O tráfico aéreo internacional emitiu 49.928 toneladas de CO2 en 2024. Representaron menos dun terzo das emisións do tráfico aéreo español para o mesmo ano (182.176 toneladas).

As emisións disparáronse desde 1990, crecemento interrompido só drasticamente en 2020 e 2021, debido á pandemia mundial da COVID-19. O pico de emisións atinxiuse, polo de agora, en 2023.

(Actualización: xuño de 2026).

Unidade

CO2. Non se consideran as emisións de CH4 e N2O, que teñen moi pouco peso no conxunto das emisións de gases de invernadoiro do transporte aéreo e marítimo.

Nota

As emisións do tráfico martítimo e aéreo internacionais calculadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica inclúense no inventario de gases acidificadores, precursores de ozono e de efecto invernadoiro elaborado seguindo a nomenclatura SNAP (Selected Nomenclature for sources of Air Pollution). Esta difire da usada para o inventario orientado ao cumprimento das obrigas internacionais  en materia de mitigación do cambio climático, que segue a nomenclatura CRF (Common Reporting Format).

Fonte

Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario de gases acidificadores, precursores de ozono e de efecto invernadoiro (Serie 1990-2024, nomenclatura SNAP). Ministerio para a Transición Ecolóxica.