As emisións territoriais brutas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático ascenden en Galicia a 17.775.135 toneladas (2023) . Isto supón unha redución do 38,3% en relación a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas, e do 50% en comparación con 2005.
A pretensión da Xunta é lograr unha diminución de aproximadamente o 50% en 2030 con respecto a 1990 (-75% en termos de emisións netas), meta plasmada na Lei do Clima de Galicia e no Plan Integrado de Enerxía e Clima 2030. Un obxectivo máis compatíbel co Acordo de París sería unha redución do 65% nas emisións brutas.
As emisións totais de GEI en Galicia atinxiron un teito en 2001-2007. A crise económica e un ano excelente para a xeración renovábel (2010) levaron a unha queda das emisións en 2008-2010. Despois houbo unha repunta, para se manteren en niveis similares aos de 1990 en 2011-2018. O colapso na xeración eléctrica con carbón e a COVID-19 fixeron caer abruptamente as emisións en 2019-2020. Despois de dous anos de crecemento volveron baixar en 2023.
A evolución das emisións de GEI por sectores ten sido desigual. Mentres aumentaron notabelmente as asociadas ao consumo de enerxía fósil no transporte e noutros sectores (primario, fogares, servizos, administracións), así como as da produción agrogandeira non asociadas ao uso de enerxía fósil, diminuíron as industriais e do tratamento de residuos e, nomeadamente, as do sector enerxético (centrais térmicas, refinaría,…), responsábel do groso da baixada das emisións totais entre 1990 e 2023.
O uso de enerxía primaria, o seu volume total e o reparto por fontes, é determinante na evolución das emisións de GEI. Neste sentido, cómpre suliñar que o 72% das emisións territoriais galegas proceden da transformación e o consumo de enerxía fósil (2023).
A elevación da ambición climática en Galicia require de obxectivos maiores en materia de recorte da demanda enerxética e de desenvolvemento das renovábeis eléctricas e térmicas. Tamén cómpre planificar o peche da aínda potente industria enerxética fósil.
O petróleo é o recurso enerxético máis usado en Galicia, o que se debe tanto á actividade da refinaría de Repsol na Coruña, orientada en boa medida á exportación, como ao noso elevado consumo interno de produtos petrolíferos. A refinaría é a maior industria do sector enerxético fósil e, por extensión, de todo o sector enerxético galego.
O carbón, que até 2018 foi a segunda fonte de enerxía máis usada, desapareceu do mix enerxético do noso país en outubro de 2023, ao pechar a central térmica de carbón das Pontes.
En 2019, o gas fósil pasou a ser a segunda fonte de enerxía (se consideramos as enerxías renovábeis por separado), substituíndo parcialmente o carbón na xeración eléctrica.
Unhas tres cuartas partes da enerxía primaria usada pola economía galega adoita ser de orixe fósil. Dado que todos os recursos enerxético fósiles proceden do estranxeiro, iso implica unha forte dependencia enerxética externa.
A enerxía primaria é transformada polo sector enerxético galego en enerxía dispoñíbel para o consumo final (combustíbeis, electricidade, calor). Unha parte consómese en Galicia e outra é exportada.
O consumo galego de enerxía final atinxiu o pico a finais da primeira década do presente século. E en 2013-2019 estabilizouse nuns 6 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep). Nos últimos anos estabilizouse arredor dos cinco millóns de tep.
O consumo galego de enerxía final, acaparado nunhas tres cuartas partes polo transporte e os sectores produtivos, é atendido sobre todo por combustíbeis fósiles.
Desde a década pasada obsérvase unha tendencia xeral a un descenso suave do emprego directo de combustíbeis fósiles, tanto en usos térmicos como en “outros usos” (transporte, sector primario, minas, construción). A que o descenso estea a ser lento e con altos e baixos contribúen o insuficiente crecemento das renovábeis térmicas e a falta de avances na electrificación da economía.
Ademais de considerarmos os usos directos, cómpre non esquecermos que, de combustíbeis fósiles (produtos petrolíferos e gas fósil), provén a calor recuperada nas centrais de coxeración de diversas industrias, cuxa achega ao consumo de enerxía final ficou bastante estábel en 2005-2019, baixando nos últimos anos.
As centrais de coxeración, alén de calor, tamén subministran unha parte da electricidade consumida no noso país. Desde 2019 o consumo eléctrico caeu por debaixo dos 1,5 millóns de tep, atinxindo un mínimo en 2023. Un dato moi preocupante, xa que para a descarbonización é fundamental que aumente o consumo de electricidade en detrimento do de combustíbeis fósiles
Para avaliaren en que medida as enerxías renovábeis poderían cubrir o consumo de enerxía final dun territorio, as institucións utilizan unha metodoloxía establecida na lexislación europea, que define o cálculo dunha cota de renovábeis.
A cota de renovábeis no consumo de enerxía final é actualmente do 48%. O obxectivo da Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta é o 58%. En Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, Greenpeace e o OGACLI defenden que se aproxime ao 70%, unha meta máis acorde co Acordo de París e coas capacidades de Galicia.
A electricidade só representa menos da cuarta parte da enerxía final, tanto da producida como da consumida na nosa terra. Porén, adoita monopolizar o debate sobre a cuestión enerxética.
Malia a desaceleración na expansión das renovábeis eléctricas , a porcentaxe da produción eléctrica de orixe renovábel (sen incluír os residuos) saltou dun 40% en 2017 (ano marcado pola seca) a un 82% en 2025, principalmente polo declive e fin da produción eléctrica con carbón.
Semella factíbel atinxirmos unha produción eléctrica galega 100% renovábel en 2030, mais o obxectivo da Xunta non vai alén do 84,8% (incluíndo residuos) e non planificou o peche das centrais fósiles (ciclos combinados, centrais de coxeración). O 18% da capacidade de produción eléctrica instalada en Galicia non é renovábel.
Na presente década a xeración renovábel superou a demanda eléctrica galega no cómputo anual, por causa da caída na demanda. Isto non significa que Galicia fose autosuficiente con renovábeis durante todas as horas, días e meses dos últimos anos. Para iso, tería sido necesaria unha capacidade de almacenamento (baterías, centrais hidroeléctricas de bombeo,…) maior.
Galicia importa e exporta electricidade, aínda que o saldo anual de intercambios é claramente exportador cara ao resto da Península Ibérica (non só co resto do Estado español senón tamén con Portugal).
Mais Galicia non só exporta electricidade senón tamén, e en moita maior medida, combustíbeis fósiles (produtos petrolíferos e gas fósil).
(Actualización: abril de 2026)