Alcoa, a central de gas das Pontes e a refinaría foron os maiores emisores en 2021

A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa na Mariña luguesa, a central de ciclo combinado a gas fósil de Endesa nas Pontes (veciña da de carbón) e a refinaría de Repsol na Coruña encabezan a listaxe dos maiores emisores de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en territorio galego durante 2021.

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” fixo públicos os datos das maiores industrias emisoras do país, procedentes do balanzo anual do comercio de emisións divulgado pola Comisión Europea.

Desde a década de 1980 e até 2018, a central de carbón das Pontes (Endesa) e a de Meirama (Naturgy), por esta orde, foron, ano após ano, as industrias con maiores emisións de GEI causantes de cambio climático.

A central de Meirama pechou en 2020 e a das Pontes, da que só funciona un dos seus catro grupos, baixou en 2021 á quinta posición no “ranking” galego das “fábricas de crise climática”.

Como salienta “Galiza, un futuro sen carbón”, o descenso abrupto da xeración eléctrica con carbón desde 2019 e a súa substitución parcial por gas fósil (tamén chamado gas natural), explica que as centrais de gas das Pontes e Sabón están, por primeiro ano, entre as cinco industrias galegas máis prexudiciais para o clima.

As cinco grandes industrias emisoras, todas do sector enerxético agás Alcoa, suman case 3.800.000 toneladas de GEI, equivalentes a un 20% das emisións totais de Galicia en 2020, ano con datos máis recentes.

Transición do carbón ao gas

O baixo ritmo na instalación de nova potencia eléctrica renovábel contribuíu a que o gas ocupe boa parte do oco deixado polo carbón na xeración eléctrica entre 2018 e 2021.

A queima de gas fósil en 2021 tería sido ben maior se tivese sido un ano seco e/ou se o consumo galego e as exportacións de electricidade fosen as propias do último ano anterior á COVID-19. Unha revisión do OGACLI dos datos de Rede Eléctrica de España (REE) posibilita unha aproximación a ese escenario hipotético.

Se a produción hidroeléctrica fose a do último ano seco (2017), no que a capacidade de produción hidroeléctrica era practicamente igual á de 2021, a xeración renovábel tería sido inferior en 4.426 GWh (-24,9%). En ausencia doutros cambios, cubrir o oco na produción renovábel producido por unha seca como a de 2017, obrigaría a máis que duplicar a produción das centrais de ciclo combinado. Aumentaría desde 3.695 a 8.121 GWh.

Por outro lado, se a demanda eléctrica galega en 2021 fose a de 2019, último ano pre-COVID 19, a produción dos ciclos combinados aumentaría en 1.028 GWh (+6%). E se o mesmo acontecese coas exportacións, a produción tería baixado 333 GWh (-1,4%). Xa que logo, e sen alterar outros factores, a produción das centrais de gas medraría 695 GWh, até 4.390 (+19%).

Se 2021 fose seco como 2017 e cuns niveis de consumo e exportacións como os de 2019, a xeración dos ciclos combinados subiría até 8.816 GWh. Esta produción aproximaríase á máxima posíbel en circunstancias habituais de dispoñibilidade e utilización destas centrais sucias.

Por unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someteu en marzo de 2022 a unha consulta pública previa a Lei do Clima de Galicia.

O Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) presentou achegas para que a futura lei sexa realmente ambiciosa, propoñendo que incorpore os seguintes obxectivos e medidas:

-O obxectivo a longo prazo será o de contribuír a conter o crecemento da temperatura media global por debaixo de 1,5oC. Este obxectivo é claramente preferíbel ao limiar dos 2oC e aínda resulta factíbel, mais cómpre acelerar a acción climática.

-En aplicación do principio de responsabilidade común pero diferenciada, Galicia, como parte do mundo desenvolvido, atinxirá a neutralidade climática en 2040, a máis tardar,  procurando unha redución das emisións brutas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) superior ao 90%, con respecto a 1990.

O obxectivo mínimo de redución das emisións brutas de GEI para 2030 superará o do 55% de emisións netas para o conxunto da UE, chegando ao 65%, o que parece viábel considerando o actual grao de avance da transición enerxética en Galicia.

Neste sentido, a lei asumirá o obxectivo de acadar unha produción de electricidade 100% renovábel antes de 2030, concretando un plan de ruta para o cesamento da actividade das centrais  de gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

Acción de Greenpeace na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos (ría de Ferrol). A través dela abastécense as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes

-A lei incluirá cotas quinquenais de redución de emisións territoriais de GEI por sectores, na procura dos obxectivos suxeridos máis arriba. Terán carácter vinculante para as emisións difusas.

A pegada de carbono será considerada como un indicador relevante a ter en conta nas medidas de mitigación do cambio climático.

Coa finalidade de solventar a carencia de datos sobre as emisións galegas asociadas ao consumo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoverá os estudos necesarios para determinar a súa contía e evolución no tempo.

– Considerando que o 73% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro proceden da transformación e do consumo final de enerxía fósil (2019),  a lei concretará obxectivos de política enerxética relativos á redución en termos absolutos do consumo de enerxía (primaria e final) e á penetración das enerxías renovábeis, obxectivos que deberán ser coherentes coa traxectoria de descenso das emisións de GEI apuntada máis arriba. Priorizarase o decrecemento do consumo de enerxía sobre o despregamento das enerxías renovábeis.

-Incluirase como finalidade da lei o fomento da democratización da produción de enerxía para favorecer o acceso da cidadanía á enerxía renovábel non só como consumidora senón tamén como produtora. Asemade, procurará un maior protagonismo do sector público na transformación e comercialización de enerxía renovábel.

Entre as medidas a incluír para o cumprimento desta finalidade figurará a elaboración dun plan para maximizar o aproveitamento  do potencial de autoconsumo, con obxectivos por comarcas, e máis a obriga de oferta de participación local nos proxectos de parques eólicos por parte dos promotores nunha porcentaxe mínima.

-A conflitividade social xerada nos últimos tempos pola promoción de novos parques eólicos está a pór de manifesto graves eivas na planificación eólica galega e española, que cómpre afrontar canto antes para minimizar os potenciais prexuízos sociais e ambientais do despregamento da nova potencia eólica requirida para a mitigación da emerxencia climática.

Un insuficiente apoio social ao despregamento da enerxía eólica, estratéxica en Galicia para atinxir un sistema enerxético 100% renovábel, pode chegar a  comprometer o logro de obxectivos ambiciosos de redución de emisións de GEI. A nova lei do clima incluirá a creación dunha Mesa  de Diálogo Social das Enerxías Renovábeis e unha disposición adicional instando á aprobación dun novo Plan Sectorial Eólico.

-Establecerase unha Asemblea Cidadá do Cambio Climático a nivel galego como un dos mecanismos de participación pública. Existe xa unha ferramenta deste tipo a escala estatal.

– Unha das finalidades da lei será a compensación da débeda de carbono contraída pola sociedade galega coas sociedades do Sur global. Neste sentido, a política autonómica en materia de cooperación deberá incluír entre as súas prioridades o  acceso á enerxía renovábel, a adaptación á crise climática e a compensación por perdas e danos.

– Crearase un Comité de Persoas Expertas de Cambio Climático para asesorar á Xunta en materia de mitigación e adaptación á crise climática. Entre as súas funcións figurará a de elaborar informes anuais sobre o desenvolvemento da aplicación da propia lei do clima, a cuxo contido íntegro terá acceso a cidadanía a través da web da Xunta.