A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someteu en marzo de 2022 a unha consulta pública previa a Lei do Clima de Galicia.
O Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) presentou achegas para que a futura lei sexa realmente ambiciosa, propoñendo que incorpore os seguintes obxectivos e medidas:
-O obxectivo a longo prazo será o de contribuír a conter o crecemento da temperatura media global por debaixo de 1,5oC. Este obxectivo é claramente preferíbel ao limiar dos 2oC e aínda resulta factíbel, mais cómpre acelerar a acción climática.
-En aplicación do principio de responsabilidade común pero diferenciada, Galicia, como parte do mundo desenvolvido, atinxirá a neutralidade climática en 2040, a máis tardar, procurando unha redución das emisións brutas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) superior ao 90%, con respecto a 1990.
–O obxectivo mínimo de redución das emisións brutas de GEI para 2030 superará o do 55% de emisións netas para o conxunto da UE, chegando ao 65%, o que parece viábel considerando o actual grao de avance da transición enerxética en Galicia.
Neste sentido, a lei asumirá o obxectivo de acadar unha produción de electricidade 100% renovábel antes de 2030, concretando un plan de ruta para o cesamento da actividade das centrais de gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

-A lei incluirá cotas quinquenais de redución de emisións territoriais de GEI por sectores, na procura dos obxectivos suxeridos máis arriba. Terán carácter vinculante para as emisións difusas.
– A pegada de carbono será considerada como un indicador relevante a ter en conta nas medidas de mitigación do cambio climático.
Coa finalidade de solventar a carencia de datos sobre as emisións galegas asociadas ao consumo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoverá os estudos necesarios para determinar a súa contía e evolución no tempo.
– Considerando que o 73% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro proceden da transformación e do consumo final de enerxía fósil (2019), a lei concretará obxectivos de política enerxética relativos á redución en termos absolutos do consumo de enerxía (primaria e final) e á penetración das enerxías renovábeis, obxectivos que deberán ser coherentes coa traxectoria de descenso das emisións de GEI apuntada máis arriba. Priorizarase o decrecemento do consumo de enerxía sobre o despregamento das enerxías renovábeis.
-Incluirase como finalidade da lei o fomento da democratización da produción de enerxía para favorecer o acceso da cidadanía á enerxía renovábel non só como consumidora senón tamén como produtora. Asemade, procurará un maior protagonismo do sector público na transformación e comercialización de enerxía renovábel.
Entre as medidas a incluír para o cumprimento desta finalidade figurará a elaboración dun plan para maximizar o aproveitamento do potencial de autoconsumo, con obxectivos por comarcas, e máis a obriga de oferta de participación local nos proxectos de parques eólicos por parte dos promotores nunha porcentaxe mínima.
-A conflitividade social xerada nos últimos tempos pola promoción de novos parques eólicos está a pór de manifesto graves eivas na planificación eólica galega e española, que cómpre afrontar canto antes para minimizar os potenciais prexuízos sociais e ambientais do despregamento da nova potencia eólica requirida para a mitigación da emerxencia climática.
Un insuficiente apoio social ao despregamento da enerxía eólica, estratéxica en Galicia para atinxir un sistema enerxético 100% renovábel, pode chegar a comprometer o logro de obxectivos ambiciosos de redución de emisións de GEI. A nova lei do clima incluirá a creación dunha Mesa de Diálogo Social das Enerxías Renovábeis e unha disposición adicional instando á aprobación dun novo Plan Sectorial Eólico.
-Establecerase unha Asemblea Cidadá do Cambio Climático a nivel galego como un dos mecanismos de participación pública. Existe xa unha ferramenta deste tipo a escala estatal.
– Unha das finalidades da lei será a compensación da débeda de carbono contraída pola sociedade galega coas sociedades do Sur global. Neste sentido, a política autonómica en materia de cooperación deberá incluír entre as súas prioridades o acceso á enerxía renovábel, a adaptación á crise climática e a compensación por perdas e danos.
– Crearase un Comité de Persoas Expertas de Cambio Climático para asesorar á Xunta en materia de mitigación e adaptación á crise climática. Entre as súas funcións figurará a de elaborar informes anuais sobre o desenvolvemento da aplicación da propia lei do clima, a cuxo contido íntegro terá acceso a cidadanía a través da web da Xunta.