Na páxina web do Observatorio destácanse tres indicadores principais do estado da transición cara a un sistema enerxético desfosilizado: as emisións de gases de invernadoiro, o consumo de enerxía final e a cota de renovábeis. Xunto cos datos máis actualizados dispoñíbeis, apúntanse os obxectivos oficiais para cada un deles no horizonte 2030.

Neste artigo exponse a evolución nos últimos anos dos devanditos indicadores e máis doutro tamén moi relevante: a electrificación da economía. Mais os obxectivos de referencia para 2030 non son os oficiais senón os propostos no informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, de Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI).
Emisións brutas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI)
As emisións brutas de GEI creceron o 2,5% en 2022, debido principalmente a un maior uso de combustíbeis fósiles no sector enerxético e no transporte. Deste xeito, desviáronse dunha traxectoria de descenso do -65% en 2030 con respecto a 1990. De se acadar este obxectivo, Galicia podería atinxir a neutralidade climática ben antes de 2040.
Os datos oficiais sobre as emisións en 2023 non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións territoriais galegas- ou a baixada do 8,4% no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións diminuíron en 2023.
Consumo de enerxía final
O consumo de enerxía final (combustíbeis, calor, electricidade) baixou un 4,5% en 2022, por causa sobre todo duns elevados prezos da enerxía e do inicio da parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.
Desde 2020 o consumo de enerxía final mantense por debaixo dunha senda obxectivo de diminución de -50% en 2040 en comparación con 2019.
Cota de renovábeis
A cota de enerxías renovábeis no consumo de enerxía final apenas aumentou en 2022, un crecemento insuficiente para avanzarmos cara ao desexábel 70% en 2030.
O escaso avance en 2022 na penetración das enerxías renovábeis reflite o lento crecemento da potencia renovábel, sobre todo da eléctrica mais tamén da térmica.
Electrificación da economía
En 2022 mantívose a tendencia á baixa na electrificación (peso da electricidade no consumo de enerxía final). A electrificación é chave para mellorarmos a eficiencia enerxética e descarbonizarmos a economía, polo que urxe unha mudanza de rumbo.
Documento
Evolución dos principais indicadores enerxéticos e de emisións de GEI