Suxestións ao Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia

A presentación a consulta pública do Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia é unha boa noticia, pois trátase dun paso máis no camiño de dotar por fin ao noso país dunha lei climática propia que contribúa a  reforzar a loita contra a crise climática, para a cal é crucial o que se faga (e deixe de facer) no que resta da presente década.

Lamentabelmente, a proposta de Lei do Clima publicada pola Xunta para a presentación de suxestións ten un contido escaso e falto de concreción, no que se renuncia a formular obxectivos cuantificados. É significativo que o 40% do texto presentado se dedique a unha prolixa exposición de motivos, reservando o 60% restante a desenvolver un articulado con notábeis lagoas.

Na súa versión actual a Lei do Clima apenas reforzaría a hoxe feble política climática autonómica, para o que sería necesario unha lei moito máis completa e ambiciosa. 

O único obxectivo climático definido non é outro que atrasar a neutralidade climática ao horizonte 2050, cando parece factíbel lograla en 2040 ou incluso antes. Este obxectivo a longo prazo é o único recollido no anteproxecto, que non se compromete con obxectivos de redución sectoriais e a máis curto prazo.

Poucas novidades, moitas carencias

Son certamente poucas as novidades de certo relevo que achegaría a proposta de Lei do Clima de Galicia: o establecemento dos orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a introdución da perspectiva climática na elaboración dos orzamentos e plans públicos, a creación dun Consello Galego do Clima como órgano de carácter consultivo ou un certo impulso á contratación pública verde e á descarbonización do sector público.

Pola contra, son moitas e importantes as carencias en relación a cuestións como a definición de obxectivos enerxéticos e de redución de emisións, a determinación de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a fiscalidade verde, a transición xusta, a educación ambiental, a participación cidadá ou o fortalecemento da capacidade de xestión da Xunta en materia climática. Tamén é destacábel que se desaproveite a Lei do Clima para acelerar e democratizar a transición enerxética.

Durante o proceso de consulta pública previa da Lei do Clima, en marzo de 2022,  o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou diversas suxestións, das cales só a proposta de estabelecer orzamentos de carbono foi incorporada no Anteproxecto de Lei. Na consulta pública deste reiteramos as suxestións que non foron admitidas e presentamos outras novas, que se poden consultar no seguinte documento:

Deixar un comentario