A Xunta enviou o tantas veces prometido e adiado Proxecto de Lei do Clima de Galicia ao Parlamento. Fíxoo o 16 de setembro de 2025, dous anos despois de someter a consulta pública un borrador, ao que o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou diversas suxestións.
Xunto con algunhas organizacións ecoloxistas, o OGACLI cualificou o anteproxecto como “moi decepcionante”, pois “achegaba poucas novidades á acción climática”.
O Proxecto de Lei do Clima presenta diferenzas importantes co anteproxecto, mais segue a ser decepcionante. Apenas reforzaría a hoxe feble política climática autonómica.
Pouca concreción, escasos avances e moitas lagoas
O proxecto de lei presentado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apenas define obxectivos de emisións e enerxéticos e contén moitos artigos baleiros de contido. É o caso dos relativos á integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (enerxética, mobilidade, agraria,…).
Algúns dos instrumentos recollidos na lei xa foron creados, como os minimalistas plans galegos de acción climática. Outros están xa en proceso de creación, como o sistema galego de créditos de carbono. Unha ferramenta de máis que dubidosa eficacia á vista da experiencia internacional neste eido.
A creación da Oficina Galega de Cambio Climático e a regulación da contratación pública verde son os únicos novos instrumentos que merecen destaque positivo.
As carencias en ferramentas chave como a planificación enerxética, a transición xusta, a fiscalidade verde, a participación cidadá ou a educación ambiental son notábeis. Restan credibilidade ás metas e obxectivos da futura lei.
Na seguinte táboa resúmense algúns aspectos destacados do proxecto e o anteproxecto de lei.
| TEMA | ANTEPROXECTO (2023) | PROXECTO DE LEI (2025) | LEI APROBADA |
|---|---|---|---|
| Neutralidade climática (emisións netas cero) | Horizonte do 2050 | Horizonte do 2040 | |
| Obxectivos de emisións | Ningún | -75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990 Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores | |
| Obxectivos enerxéticos | Ningún. Sen horizonte para o abandono da enerxía fósil | Ningún. Sen referencias aos combustíbeis fósiles | |
| Planificación climática | Alén de incluír instrumentos xa operativos (comisión interdepartamental, plans de acción climática,…), crea os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización da Xunta e de Concellos de máis de 20.000 habitantes | Elimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas | |
| Planificación enerxética e outras políticas sectoriais | Algúns criterios para orientar a integración climática | Simple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio Climático | |
| Xustiza climática | Definición incompleta. Non crea a figura da Estratexia de Transición Xusta. Ignora a dimensión climática da acción exterior | Ausente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climática | |
| Instrumentos económicos | Sen referencias á fiscalidade verde | Artigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono. | |
| Participación cidadá | Crea o Consello do Clima | O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática. |
Neutralidade climática en 2040
Unha novidade positiva é o adianto da neutralidade climática desde o horizonte do ano 2050 ao do 2040. Isto está máis acorde coa situación de partida e coas capacidades de Galicia. Mesmo o horizonte do ano 2035 podería considerarse realista.
O abandono progresivo do carbón na produción eléctrica, xunto co crecemento das absorcións de CO2 na superficie arborizada, son as causas do descenso do 61,7% nas emisións netas de gases de invernadoiro entre 1990 e 2023, ano máis recente con datos.
Para acadarmos emisións netas cero en 2040 habería que diminuílas uns 40 puntos máis, en relación a 1990.
O declive final do carbón, combatido pola Xunta, fixo baixar nuns 45 puntos as emisións netas en só seis anos (2018-2023).
Sen horizonte para o abandono da enerxía fósil
A maior carencia do Proxecto de Lei do Clima é a falta de impulso ao abandono dos combustíbeis fósiles. A transición enerxética é a principal acción climática.
A ausencia de obxectivos, prazos e medidas a respecto da substitución da enerxía fósil por renovábel resta credibilidade á meta de atinxir a neutralidade climática en 2040. Ese debería ser tamén o horizonte para o fin do uso da enerxía fósil en Galicia.
Nin sequera se mencionan os combustíbeis fósiles ao longo de todo o texto do proxecto, a pesar de seren a causa do 72 % das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático (2023).
Propostas do OGACLI
O OGACLI analisou o Proxecto de Lei do Clima de Galicia, elaborando un documento con comentarios e propostas (ver ao final do artigo). Foi envíado aos Grupos do PPdG, do BNG e do PSdG-PSOE no Parlamento.
Debate de totalidade do Proxecto de Lei do Clima
O debate de totalidade do Proxecto de Lei do Clima celebrouse o 14 de outubro de 2025.
Nos debates de totalidade non se aproban os proxectos de lei, senón que se discute no pleno a súa tramitación ou non polo Parlamento. Posteriormente preséntanse, discútense e vótanse emendas parciais. O texto final sométese de novo a debate e a votación no pleno para a sua aprobación.
A continuación resúmense e coméntanse as intervencións neste debate, dispoñíbeis no Diario de Sesións do Parlamento.
Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
Ánxeles Vázquez defendeu o “rigor” e a “participación” no proceso de elaboración da lei, agradecendo a colaboración da Fundación Universidade da Coruña. Na realidade, a participación do público en xeral limitouse a unha consulta dun anteproxecto en xuño de 2023. Cando menos as suxestións presentadas polo OGACLI non foron respondidas. Ademais, o anteproxecto consultado non foi a base do proxecto envíado ao Parlamento.
Afeou ao BNG que presentase unha emenda á totalidade do proxecto con devolución, a pesar de ter incorporado algunas das súas alegacións ao proxecto, en concreto, a creación da Oficina Galega do Cambio Climático. Unha das suxestións do OGACLI propuxo tamén a súa creación.
A conselleira gabouse da redución das emisións territoriais netas –agora nunca fala das brutas- nun 61,7% entre 1990 e 2023. Omitiu o peso decisivo para iso, alén do crecemento das absorcións de CO2 por bosques e plantacións forestais, do peche das centrais de carbón. Que a Xunta, co apoio dos partidos da actual oposición parlamentaria, combateu.
Salvador Bará (BNG)
Salvador Bará, voceiro do BNG, defendeu unha emenda á totalidade do Proxecto de Lei do Clima con devolución, por incompleto e pouco ambicioso.
Manifestou que as “pelexas” entre a Consellería de Medio Ambiente e a de Economía fixeron que o texto fose recortado e non incida na transición enerxética. Baseou esta afirmación na análise do propio expediente sobre a lei remitido pola Xunta aos Grupos Parlamentarios.
Cualificou o proxecto de lei como raquítico, fronte aos textos ben máis completos doutras comunidades autónomas. Criticou en particular a ausencia de medidas para “o transporte e o uso residencial, cando son os sectores que producen máis cambio climático”. Isto é certo só en parte: os sectores enerxético e industrial emiten máis gases de invernadoiro que o doméstico, e o agrario emite máis que o transporte, se se inclúen as emisións da maquinaria.
Malia as críticas anteriores, o voceiro do BNG non defendeu obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos que os do proxecto. Tampouco propuxo obxectivos en materia de transición enerxética.
Paloma Castro (PSdG-PSOE)
O PSdG-PSOE non presentou emenda á totalidade e abstívose na votación da do BNG, rexeitada cos votos do PP. Non obstante, para a súa voceira Paloma Castro, o proxecto “presenta carencias importantes, ambigüidades e ausencia de compromisos orzamentarios”.
Declarou que os obxectivos da lei son incluso menos ambiciosos que os propostos na Estratexia galega do Cambio Climático e Enerxía 2050. Isto é un erro, tanto se se refire á versión de 2019 como á de 2025 (ver Como é o plan climático da Xunta para esta década?). Con todo, non propuxo ningún obxectivo de redución das emisións máis ambicioso que o da Xunta.
Citando o OGACLI, a representante do PSdG-PSOE fixo referencia ao descenso das emisións territoriais brutas en Galicia nun 38,3% en 1990-2023. Salientou a achega do peche das térmicas de carbón, “unha decisión de impronta socialista”. Atendendo aos feitos, a impronta do PSOE é máis que cuestionábel (ver, por exemplo, as noticias de 2018-2023 da web da plataforma Galiza sen gas, antes Galiza sen carbón).
Paloma Castro foi a única que fixo referencia no debate aos combustíbeis fósiles e á necesidade dunha transición enerxética “cen por cento renovable”. Reclamou unha “planificación enerxética realista, democrática e participativa”, en particular no referido á enerxía eólica.
Gonzalo Trenor (PP)
O voceiro do PP recibiu con agrado o que interpretou como “felicitación” de Paloma Castro polo recorte das emisións brutas en case un 40% desde 1990. Mais non se referiu ao peche das centrais de carbón, que o PP segue a lamentar e a atribuír falsamente a Teresa Ribera, ex-ministra para a Transición Ecolóxica. O que fixo foi destacar o papel das políticas da Xunta, que realmente ben pouco tiveron que ver na diminución das emisións (ver As emisións de GEI non se reducen polo plan climático da Xunta).
Fronte ás críticas do voceiro do BNG ao infeliz lema da Xunta “Galicia, refuxio climático”, o PP reafirmouse na súa defensa. Mais non pola suposta benignidade do clima do noso país no contexto de crise climática.
Somos “refuxio climático” porque “lideramos as reducións de emisións e porque somos os que facemos un 20 por cento, unha quinta parte, das capturas de CO2 de todo o Estado”. O primeiro é polo fin do carbón na xeración eléctrica (Galicia lidera con outras comunidades autónomas nas que había centrais de carbón). O segundo, en grande medida, é polas plantacións forestais, nomeadamente polos eucaliptais.
O voceiro do PP acusou o BNG de ser “o responsábel da paralización do sector das enerxías renovables en Galicia”, referíndose neste sentido a unha noticia do dixital El Debate, medio sostido pola Asociación Católica de Propagandistas: Ecologistas gallegos vinculados al BNG fueron promotores de los eólicos contra los que ahora luchan. Na súa contrarréplica o representante do BNG non respondeu a esta acusación.
O único deputado de Democracia Ourensana declinou participar no debate.
Emendas parciais ao Proxecto de Lei do Clima
O BNG presentou 56 emendas parciais ao articulado do proxecto de lei, o PSdG-PSOE 62 e o PP 5. Democracia Ourensana non presentou ningunha. En xeral, as emendas presentadas contribuirían a mellorar o texto da Lei do Clima, aínda que de xeito insuficiente.
A principal eiva do proxecto de lei, a non definición dun horizonte temporal para deixar atrás de vez os combustíbeis fósiles, non é abordada por ningún grupo parlamentario. E só o PsdG-PSOE pretende introducir de forma clara a cuestión fundamental da transición enerxética no articulado da lei.
Non se propoñen obxectivos de redución de emisións nin enerxéticos
Tamén hai coincidencia entre os grupos parlamentarios para que o articulado da Lei do Clima non recolla obxectivos cuantificados en materia de redución de emisións e de transición enerxética, co propósito de enviar sinais inequívocos para a descarbonización.
O BNG mesmo propón eliminar o obxectivo de diminución de emisións netas para 2030, o único recollido no proxecto de lei. Dado que non cuestiona a meta da neutralidade climática en 2040, isto pode interpretarse como falta de interese por reducir máis as emisións no que resta de década.
Apoio á neutralidade climática en 2040
Un aspecto moi positivo é o apoio dos grupos da oposición ao logro da neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040. Máis ben entendida como meta final, pois nin a Xunta nin ningún grupo se refire á necesidade de acadar emisións netas negativas e non só cero.
Na seguinte táboa sintetízanse as emendas ao Proxecto de Lei do Clima en relación aos aspectos que destacamos. Todas as emendas poden consultarse aquí
| TEMA | PP | BNG | PSdG-PSOE |
|---|---|---|---|
| Neutralidade climática (emisións netas cero) | No artigo que recolle esta meta propón engadir como actuación para conseguila “as medidas de compensación que resulten necesarias”. | Asume esta meta. | Apoia esta meta. Ademais, na exposición de motivos propón que “Galicia debe asumir un papel de liderado climático ambicioso” (…), propoñéndose como horizonte estratéxico o ano 2035, ao igual que países pioneiros como Finlandia”, que pretende acadar a neutralidade climática en 2035. |
| Obxectivos de emisións | Non propón ningún obxectivo e quere eliminar o de reducir as emisións netas un 75% en 2030 con respecto a 1990. | Non propón ningún obxectivo novo no articulado da lei. Mais si na exposición de motivos: “acadar unha redución do 30% nas emisións de gases de efecto invernadoiro” no horizonte de 2030. Obxectivo xa superado. | |
| Obxectivos enerxéticos | Ningunha proposta sobre obxectivos enerxéticos e prazos para logralos. | Renuncia a propor obxectivos cuantificados para incluír no articulado. Propón introducir na exposición de motivos o obxectivo dun 20% de renovábeis na enerxía final en 2030, hai tempo superado. | |
| Planificación climática | Recupera do anteproxecto de lei os orzamentos de carbono, o inventario propio de emisións e os programas de decarbonización das administracións públicas. Propón a creación dun “Observatorio Galego para o Cambio Climático” como “rede especializada” sobre “os cambios no clima e os seus efectos”. Tamén crear unha rede de refuxios climáticos. | Pretende garantir apoio financeiro da Xunta á execución dos Plans de Acción Local polo Clima. Obriga á Xunta a elaborar un “calendario de abandono paulatino” do seu uso de enerxía fósil. | |
| Planificación enerxética e outras políticas sectoriais | Pretende colocar na exposición de motivos “a produción e utilización de gases renovables, coma o hidróxeno, biogás e biometano”, como unha das ferramentas para reducir as emisións de GEI. | Propón novos artigos para impulsar a transición enerxética. Avoga polo establecemento de “directrices xerais da transición enerxética”, mais non por integrar a planificación enerxética coa da mitigación climática, como acontece a nivel estatal. Asemade, propón emendas para incluír na lei criterios xerais a aplicar nas diferentes políticas sectoriais (economía circular, descarbonización da industria, etc). Para o sector servizos contempla a “compensación de emisións”. Introduce na exposición de motivos o papel estratéxico do sector eólico para a descarbonización en Galicia. | |
| Xustiza climática | Na súa dimensión interna, propón recoñecela como un dereito. E na externa incorporala aos plans de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento. | Incorporación como un dos principios da lei. | |
| Instrumentos económicos | Propón obrigar ás administracións a comprar ou arrendar só novos vehículos de “combustíbeis alternativos” aos fósiles, sen priorizar os eléctricos. Promove a produción ecolóxica local nos contratos públicos de servizos de comedor. En materia de fiscalidade verde, propón encargar unha proposta técnica, sen introducir ningún gravame ou incentivo concreto na lei. | Introduce a promoción de “esquemas de pagamento por servizos ecosistémicos”. A emenda sobre fiscalidade verde recóllea como posibilidade, o mesmo que xa fai o proxecto, de forma máis concisa. Non propón introducir na lei ningún gravame ou incentivo concreto. Unha emenda pretende evitar o uso do mercado galego voluntario de carbono para o “branqueo climático”. | |
Participación cidadá | Creación da “Asemblea da Cidadanía Galega pola Acción Climática” e do “Comité Científico en materia de cambio climático”. |