A proposta da Estratexia Galega de Mobilidade (EGM) da Xunta pretende reducir tan só nun 10% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do transporte nunha década crucial para evitarmos un quecemento global superior a 1,5 ⁰C. O OGACLI presentou alegacións á EGM durante o período de consulta pública.
Para cumprirmos o Acordo de París, a EGM debería aspirar a lograr emisións cero en 2040, en lugar de en 2050, o que implicaría un recorte moito maior das emisións de gases de invernadoiro nesta década. A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), as emisións en 2030 xa deberían ser un 50% inferiores ás de 2019.
O transporte é chave no combate ás crises climática e enerxética
Segundo os datos oficiais máis recentes divulgados, o transporte de persoas e mercadorías é a maior fonte de gases causantes de cambio climático en Galicia, representando o 22,5% das emisións totais (2020). O transporte é o sector no que máis creceron as emisións desde 1990, ano de inicio da serie oficial de datos.
O transporte depende nun 94% de produtos petrolíferos e acapara un terzo da enerxía consumida en Galicia (2020). Demanda máis enerxía que a suma de fogares e servizos.
Débil aposta da EGM pola sustentabilidade ecolóxica
A descarbonización do transporte é o desafío climático máis complicado e require dun forte compromiso de todos os poderes públicos e da cidadanía.
Coa versión actual da EGM, a Xunta renuncia a facer a súa parte ao apostar por un modelo de mobilidade que non procura nin unha redución forte da necesidade de desprazamentos e das súas distancias, nin un cambio modal masivo cara aos modos de transporte sustentábeis, nin unha electrificación acelerada baseada en enerxías renovábeis.
Segundo a EGM, en 2040 estabilizaríase o volume total anual de desprazamentos por estrada e o acceso de vehículos ás sete principais cidades diminuiría un 10%, sempre con respecto a 1990. Para 2030 non se explicitan obxectivos.
En relación á electrificación do parque de vehículos non se formula ningunha meta.
Alegacións
O OGACLI presentou diversas alegacións á proposta de EGM sometida a consulta pública que incrementarían a súa cativa ambición climática. Entre elas salientamos as seguintes:
- A garantía dunha auténtica planificación coordenada do transporte nas áreas metropolitanas integrada coa territorial e restritiva co uso do coche.
- A consideración da fiscalidade verde e da educación ambiental como ferramentas fundamentais para o logro dunha mobilidade sustentábel.
- A non ampliación da rede autonómica de estradas de altas prestacións.
- O mantemento dos descontos no transporte en autobús.
- A implicación da Xunta, a través de empresas públicas, na promoción do transporte ferroviario e de ría e da mobilidade compartida (carsharing,…)
- Unha aposta decidida por unha rápida electrificación do transporte.