O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o Día da Depredación Enerxética, un concepto que pretende visualizar a enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil, importada sobre todo do Sur global, e cuxo uso é a principal fonte de gases causantes de crise climática.
O OGACLI define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente). A partir dese día, a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil (petróleo, carbón e gas), procedente maioritariamente do Sur global.
O informe “Día da Depredación Enerxética (2010-2020)” calcula en que día aconteceu para cada ano do período 2010-2020. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade) (2).
Máis de nove meses do ano dependendo de enerxía fósil importada
Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento acabáronse nalgún día de marzo na maioría dos anos comprendidos entre 2010 e 2020 e en dous deles xa a finais de febreiro. Nos máis de nove meses que aínda faltaban para completar o ano o funcionamento da sociedade galega dependeu totalmente de enerxía fósil importada.
Dado que 2019 é o ano máis recente con datos, excluído o anómalo 2020 marcado pola COVID-19, podemos supor que en 2023 o Día da Depredación Enerxética acontece o 14 de marzo ou algún día próximo.
Ano | Día da Depredación Enerxética |
2010 | 17 de marzo |
2011 | 9 de marzo |
2012 | 28 de febreiro |
2013 | 21 de marzo |
2014 | 24 de marzo |
2015 | 6 de marzo |
2016 | 11 de marzo |
2017 | 23 de febreiro |
2018 | 9 de marzo |
2019 | 14 de marzo |
2020 | 31 de marzo |
Non se observou unha tendencia ao atraso do Día da Depredación Enerxética durante a década pasada (2010-2019). Iso é reflexo, por un lado, da estabilización no uso total de enerxía e, polo outro, do estancamento no aproveitamento de recursos enerxéticos renovábeis propios.
A enerxía galega renovábel só representou o 19% da usada en Galicia na década de 2010
A enerxía galega renovábel só achegou un 19% de toda a usada en Galicia entre 2010 e 2019. Este é un indicador moito máis relevante sobre a transición enerxética e a acción climática que a porcentaxe de orixe renovábel da produción eléctrica, referido a un aspecto parcial da realidade enerxética.
Galicia importou 114 millóns de toneladas de combustíbeis fósiles no período 2010-2020, maioritariamente extraídos no Sur global á custa de elevados danos socioambientais.
Indonesia subministrou un 85% do carbón importado para as centrais de Meirama e As Pontes. México, Libia e Alxeria forneceron un 60% do petróleo e os seus derivados. Nixeria, Trindade e Tobago e Perú achegaron conxuntamente un 70% de todo o gas fósil.
Combustíbel | Toneladas | Principais estados de orixe |
Petróleo e derivados | 64.084.279 | México (32,2%), Libia (16,3%), Alxeria (8,6%), Rusia (7,4%), Estados Unidos (5,4%), Reino Unido (5%). |
Carbón | 41.777.787 | Indonesia (84,6%), Rusia (7,6%), Colombia (2,6%). |
Gas fósil | 8.396.790 | Nixeria (39,3%), Trindade e Tobago (20,1%), Perú (12,3%), Rusia (8,5%), Qatar (7,7%), Alxeria (4,8%). |
Cómpre salientar tamén o papel de Rusia como fornecedor de enerxía fósil a Galicia. Entre 2010 e 2020 Rusia foi o cuarto subministrador de petróleo e derivados, o segundo de carbón e o terceiro de gas fósil.
Urxe atrasarmos o Día da Depredación Enerxética
Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación ao Sur global dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos.
Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis eléctricas e térmicas a todas as escalas.
Informe “Día da Depredación Enerxética 2010-2020”