Nun verán marcado polas consecuencias da crise climática, a petroleira Repsol, unha das súas maiores responsábeis, organizou, por décimo sexto ano, o Premio de Narrativa breve en lingua galega. Presentado en xuño, o fallo do xurado anunciouse para este mes.
A XVI edición deste premio coincide co desenvolvemento dunha campaña a nivel europeo para prohibir a publicidade e os patrocinios de empresas ligadas ao negocio da enerxía fósil.
O Premio de Narrativa Breve Repsol é a iniciativa de patrocinio con máis visibilidade social en Galicia da propietaria da refinaría de petróleo da Coruña, a nosa maior industria enerxética fósil.
No informe “Premio de Narrativa Breve Repsol: un exemplo de greenwashing”, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) lembra que non hai empresa con instalacións produtivas na nosa terra con maior pegada negativa no clima global que Repsol. Figura entre as 90 corporacións que, conxuntamente e debido ás emisións asociadas á obtención e uso dos seus produtos, foron responsábeis de nada menos que o 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono (CO2) e metano (CH4) causadas polo uso de enerxía fósil e cemento acumuladas en 1751-2010.

A refinaría de petróleo da Coruña, creadora do Premio de Narrativa Breve Repsol, foi en 2021 a segunda industria galega con maiores emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Con 760.000 toneladas emitidas, só foi superada pola central de ciclo combinado a gas fósil de Endesa nas Pontes.
Diversas entidades galegas participan na maior operación de lavado verde promovida por Repsol en Galicia. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, dirixida por Román Rodríguez, coorganiza o premio. A Editorial Galaxia publica a novela curta premiada. E a Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega participan no xurado que outorga o premio.