Novo informe de Greenpeace e OGACLI mostra a dependencia galega de enerxía fósil

Coincidindo coa clausura da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático que se celebra en Dubái (COP28), Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) publicaron hoxe o informe ‘Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles’, que analiza o estado da transición enerxética no noso país.

Tres cuartas partes dos recursos enerxéticos transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor proceden de importacións de combustíbeis fósiles de terceiros países, moitos deles do Sur Global. Esta situación afasta ao país do obxectivo de atinxir un sistema 100% renovábel, que podería e debería lograrse para 2040.

“A dependencia dos combustíbeis fósiles é tremendamente elevada en Galicia, polo que está aínda moi lonxe de autoabastecerse con fontes renovábeis. Esta situación débese reducir drasticamente tras as formulacións expostas estes días na COP para eliminar progresivamente os combustíbeis fósiles e alcanzar os obxectivos climáticos”, sinalou Manoel Santos, responsábel de Greenpeace en Galicia.

A análise conclúe que de toda a enerxía utilizada en Galicia como materia prima para ser transformada en enerxía para o consumo, só o 25,8% procede de fontes renovábeis, polo que non existe ningún excedente de renovábeis e si un aumento importante do uso de gas fósil.

Ademais, malia que a enerxía dispoñíbel para o consumo destínase maioritariamente ao consumo interno e unha parte é exportada ao resto de España e de Europa, Galicia exporta enerxía final pero sobre todo de orixe fósil, non só porque parte da electricidade exportada se produza con gas e carbón, senón principalmente pola exportación de produtos petrolíferos e de gas.

O informe sinala que nos últimos anos non se observa unha tendencia clara cara a un descenso importante do consumo de enerxía, como sería desexábel no contexto da emerxencia climática e da crise enerxética.

A isto contribúe que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 carece da ambición climática necesaria. O maior consumo enerxético en Galicia corresponde aos usos directos de combustíbeis fósiles, que supoñen un 60% do consumo de enerxía final, mentres que o consumo de electricidade sobre o consumo total de enerxía final, na que se pon todo o foco mediático, só estivo entre o 24 e o 27% durante os últimos 15 anos.

Para reducir o consumo total de enerxía cómpre aumentar a eficiencia enerxética e evitar usos despilfarradores ou de luxo, pero tamén incrementar a produción e o consumo de electricidade renovábel a través da electrificación.

Mentres a electrificación non progresa, está a desaproveitarse o excedente eléctrico que Galicia ten –e por tanto exporta– nalgúns meses do ano para facer máis eficiente e limpo o consumo enerxético galego.

As mellores novas veñen da man da cota de renovables no consumo enerxético final galego, unha vez transformada a materia prima, que é do 43,5%. Esta cifra duplica aproximadamente a media europea (21,8%) e española (20,7%), cumpre o obxectivo provisional para 2030 acordado recentemente para o conxunto da UE (42,5%) e aproxímase ao proposto para España no borrador da primeira actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 (48%).

Aínda así, a ambición destes obxectivos non está á altura do que a ciencia pide para combater o cambio climático. É un bo punto de partida, pero aínda non supón nin a metade do camiño, pois o sistema enerxético debería ser 100% renovable en 2040.

Ademais, as boas cifras na cota de renovables no consumo eléctrico (102,1%) contrastan coa baixa achega de renovábeis noutros sectores como a calefacción e a refrixeración (30%) e sobre todo o transporte (6,5%), onde queda todo por facer.

Ter unha cota de renovábeis relativamente alta no contexto español e europeo non é en si mesmo un problema senón unha vantaxe. Non se trata de frear o despregamento das renovábeis para equipararnos aos territorios máis atrasados na transición enerxética, senón de avanzar para chegar canto antes a un sistema enerxético 100% renovábel e xusto, tendo en conta as comunidades que acollen os proxectos renovábeis e a protección da biodiversidade”, afirmou Xosé Veiras, do OGACLI.

Ao falar de produción eléctrica, as conclusións apuntan a que Galicia necesita producir e sobre todo usar máis electricidade de orixe renovábel.

Aínda que durante o últimos tres anos a produción eléctrica anual en Galicia igualou aproximadamente á demanda interna, non significa que Galicia poida autoabastecerse con electricidade renovábel durante todos os días e todas as horas do ano. Polo xeral, en todos os meses de maio a outubro a xeración renovábel é inferior á demanda.

A isto hai que engadir que o proceso de descarbonización require un importante descenso na demanda enerxética no seu conxunto, pero tamén un forte aumento da produción eléctrica renovábel destinada a substituír unha gran parte da enerxía fósil consumida, o cal se faría mediante a electrificación directa do consumo sempre que sexa posíbel.

O informe tamén dedica un capítulo ao estado da emisións galegas de gases con efecto invernadoiro, que en 2021 situouse nunha redución do 34% con respecto a 1990.

Unha boa cifra sustentada sobre todo na expansión das enerxías renovábeis e o descenso da produción a partir de carbón, algo que, paradoxalmente, nin a Xunta de Galicia nin ningún partido do arco parlamentario galego desexaba.

Aínda así, as organizacións apuntan a que o obxectivo de redución do 55% para 2030 debería ser máis ambicioso, ampliándose ao 65% e felicítanse de que o presidente da Xunta afirmase hai uns días que Galicia aspira a acadar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes do marcado na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e no anteproxecto da Lei do Clima de Galicia, como demandaran ambas as organizacións.

O peche do carbón é o maior fito na loita contra a emerxencia climática en Galicia, pero aínda queda moito que percorrer até atinxir a neutralidade climática. Hai que incidir nos maiores focos de emisións na actualidade, o transporte, a industria e as emisións da gandería e a agricultura, ademais de planificar o fin das que aínda son as grandes fábricas de cambio climático do país, desde as centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes e Sabón á refinería de petróleo de Repsol na Coruña”, concluiu Santos.

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

  1. Reducir as emisións brutas nun 65% para 2030 respecto a 1990
  2. Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  3. Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  4. Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  5. Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  6. Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  7. Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  8. Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  9. Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  10. Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040


De igual xeito, a organizacións demandan a elaboración, con ampla participación social, dunha auténtica Estratexia e Plan de Enerxía e Clima de Galicia, que oriente a actuación da Xunta cara á consecución deses obxectivos, mediante unha forte aposta pola redución e electrificación do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel responsábel.

Tamén inclúen numerosas recomendacións tanto para abandonar os combustíbeis fósiles como para reducir o consumo: aforro enerxético, fiscalidade verde, educación ambiental, descarbonización de edificios e industria, mobilidade sostíbel, renuncia tanto á participación pública en Reganosa como á creación dun hub exportador de hidróxeno verde…; e consideracións sobre o desenvolvemento renovábel centradas en: a diversificación do mix enerxético, maior ambición e rapidez no despregamento de renovábeis, participación pública, democratización do sistema enerxético con autoconsumo e comunidades enerxéticas, maior protección da natureza ampliando ao 30% a rede Natura, priorización de zonas degradadas –mesmo eucaliptais– e áreas de baixa sensibilidade ambiental…

A produción eléctrica renovábel  en Galicia baixa nos nove primeiros meses de 2023

Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica  (Redeia), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% nos nove primeiros meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2022, debido á recuperación da produción hidroeléctrica. Sen embargo, diminuíu o 3% en comparación coa produción media durante os nove primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022

A pesar de non ter aumentado en termos absolutos, a porcentaxe de produción eléctrica renovábel sobre a total subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para se situar no 69,7% no que levamos de 2023 (sen incluír a incineración de residuos orgánicos). 

Aínda estamos lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén dos obxectivos para o mesmo ano adoptados pola Xunta (84,8%) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica (81% de media en España).

Fontesxan-set 2022xan-set 2018-2022xan-set 2023
MWh% totalMWh% totalMWh% total
Hidráulica2.237.01515,15.056.66628,14.778.68929,6
Eólica6.312.76742,66.218.84934,56.178.38338,3
Solar fotovoltaica19.2570,117.8470,119.6840,1
Biomasa e biogás382.0862,6291.1791,6265.7001,6
Xeración renovábel8.951.12560,411.584.54164,411.242.45769,7
Turbinación bombeo57.7110,431.7150,2156.3891,0
Ciclos combinados (gas fósil)3.653.61624,62.148.66211,92.977.66018,5
Carbón643.8024,32.347.02613,0616.3343,8
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.289.7808,71.645.6529,1904.1285,6
Residuos232.3821,6243.6351,4232.8501,4
Xeración non renovábel5.877.29039,66.416.69035,64.887.36130,3
Total14.828.41518.001.23116.129.817
Fonte: Rede eléctrica (Red Data e app redOS).

A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica nos nove primeiros meses de 2023 medrou 5,3 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mais non polo aumento da súa produción senón polo descenso da xerada con carbón e nas centrais de coxeración fósil que subministran electricidade e calor a algunhas industrias.

De acordo cos datos divulgados por Rede Eléctrica, a potencia renovábel instalada en Galicia ficou estancada durante os nove primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que seguramente terá achegado unhas decenas de MW máis aos 7.702 MW de potencia renovábel, cun impacto moi limitado na produción.

Potencia eléctrica instalada en Galicia

O 4 de outubro pasado, coa desconexión da central de carbón das Pontes, foi o derradeiro día da xeración eléctrica con carbón en Galicia

Nos nove primeiros meses deste ano o carbón importado achegou o 3,8% da electricidade obtida en territorio galego. Unha cantidade relativamente pequena, mais que abondará para colocar a esta central eléctrica entre as industrias galegas con maiores emisións de gases causantes de cambio climático en 2023.

A baixada da achega do carbón e das centrais de coxeración, alimentadas por gas fósil e produtos petrolíferos, provocou unha redución da produción eléctrica total e un incremento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

A produción conxunta destas centrais medrou o 39% nos primeiros nove meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mentres o total de electricidade producida diminuíu o 10%.

O lento avance da transición eléctrica en Galicia arrastrado desde comezos da década de 2010 está a fortalecer o papel das centrais de ciclo combinado a gas fósil inauguradas en 2007, especialmente en anos secos como o pasado e durante o verán.

Nos meses de xuño e xullo deste ano os ciclos combinados lideraron a produción eléctrica no noso país, atinxindo un 35% da total. Tamén cómpre destacar que a suma de todas as fontes non renovábeis representou o 44-50% da electricidade producida entre xuño e setembro.

A tendencia á estabilización da produción eléctrica renovábel nos últimos anos, unida á falta de progresos na electrificación do consumo de enerxía, está a lastrar a loita contra a crise climática desde Galicia.

A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.

A central de carbón das Pontes apagouse

O 4 de outubro apagouse de vez a central de carbón das Pontes. Foi un dos maiores focos emisores de dióxido de carbono (CO2) de Europa até o seu declive definitivo, a partir de 2019. E mesmo durante os seus últimos anos de vida seguiu a ser unha das maiores fábricas de cambio climático de Galicia. O seu peche é un fito na loita contra a crise climática.

Segundo esta noticia, a central térmica de carbón das Pontes, a máis potente do Estado español, produciu ao longo da súa vida un total de 350.000 GWh, isto é, 350 millóns de MWh.

Cantas emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro, causou a produción eléctrica da térmica de carbón das Pontes? O factor de emisión de CO2 por MWh xerado nesta central ten variado ao longo do tempo e non dispomos de datos ao respecto. Mais, para facermos un cálculo bastante aproximado, podemos utilizar o factor de emisión de CO2 promedio para as centrais de carbón peninsulares usado por Rede Eléctrica de España (REE) na estimación das emisións de gases de invernadoiro asociadas á xeración eléctrica, factor que ascende a 0,95 toneladas/MWh.

Aplicando o devandito factor á produción total da central, 350 millóns de MWh, conclúese que a central de carbón das Pontes emitiu nada menos que uns 332,5 millóns de toneladas de CO2 ao longo da súa vida. Causou 17,4 veces máis impacto climático que toda Galicia en 2021, ano máis recente con datos. Contribuíu tanto á crise climática como Galicia faría en 17 anos coas emisións actuais. Ou, por outras palabras, como 17 Galicias en 2021.

O CO2 emitido pola central de carbón das Pontes ficará na atmosfera durante décadas e mesmo séculos, dado o seu longo tempo de permanencia. Continuando a provocar crise climática.

A continuación salientamos algúns feitos relevantes na historia da central de carbón das Pontes e da do combate polo seu peche.

1976: Entre 1976 e 1979 entran en funcionamento os catro grupos que forman a central. Suman unha potencia de 1.400 MW. É a maior central térmica de carbón española.

O oco deixado pola mina de carbón situada ao pé da central deu lugar a un lago.

1997: A partir deste ano, alén do lignito extraído na mina aberta ao pé da central, a central consome tamén carbón importado (Indonesia, Rusia, Colombia, EEUU,…). Deste xeito, reduce as súas emisións tóxicas de dióxido de xofre (SO2).  Chegou a ser un dos maiores focos emisores de SO2 de toda Europa nos seus primeiros anos de vida.

Carbón usado nas centrais de carbón de Meirama e As Pontes, expresado en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep). Fonte: Balance enerxético de Galicia 2021. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

1998: Remata a privatización de Endesa, a empresa propietaria da central. Paradoxalmente, Endesa está desde 2009 en mans da eléctrica pública italiana Enel.

2002: Greenpeace proxecta un signo negativo na central e coloca unha faixa cun signo positivo no parque eólico das Somozas.

Greenpeace desenvolveu diversas accións denunciando o enorme impacto climático da central de carbón das Pontes.

2004: Sindicalistas e políticos defensores do carbón amósanse moi preocupados polas consecuencias en Galicia do comercio europeo de emisións, que comezou a funcionar no ano seguinte. Finalmente, este instrumento de mercado acabou por ser decisivo na perda de rendibilidade das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, moi intensivas en emisións de CO2, mais habería que agardar por iso até 2019.

Prezo do CO2 no Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). Fonte: Observatorio da Transición Enerxética e a Acción Climática (OTEA).

2006: Unha marcha polas renovábeis organizada por Greenpeace percorre durante dúas semanas as centrais térmicas do norte de España, con parada tamén nas Pontes. Pide menos CO2 e máis renovábeis. A central de carbón das Pontes foi, en moitos anos da súa longa vida, o maior foco emisor de CO2 do Estado español.

Marcha polas renovábeis ao seu paso polas Pontes. O desenvolvemento eólico iniciado a finais da década de 1990 contribuíu a tornar innecesario o carbón.

2008: A central comeza a usar só carbón de importación, logo dunha nova adaptación para reducir máis as súas emisións tóxicas (SO2, NOX, partículas). Greenpeace proxecta na central imaxes da crise climática en España.

2009: Activistas de Verdegaia concéntranse diante das centrais de carbón e de gas fósil das Pontes para construíren o lema “Aquí comeza a mudanza climática”. A central de ciclo combinado a gas fósil, veciña da de carbón e tamén propiedade de ENDESA, iniciou a súa produción en 2007. Ten 870 MW de potencia. A día de hoxe, non está planificado o seu peche, como tampouco o estivo nunca o da central de carbón.

Protesto de Verdegaia diante da central de carbón das Pontes.

2010. Os principais partidos (PP, PSOE, BNG) e sindicatos (CIG, CCOO, UGT) galegos defenderon constantemente e até o fin a actividade das centrais de carbón das Pontes e Meirama. Este ano mobilízanse en resposta a un decreto estatal que as prexudica por favorecer o uso de carbón español, mais que acabaría por ter un efecto limitado. Como reacción, organizacións ecoloxistas lanzan o manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón.

Manifestación en Ferrol polo “dereito” a producir electricidade con carbón importado.

2018. Perante a obriga europea de as empresas propietarias acometeren novas reformas das centrais de carbón para continuaren a reducir as emisións tóxicas, as institucións galegas presionan a favor da continuidade das centrais das Pontes e Meirama até mediados de século. A finais de ano créase a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” co propósito de acabar coa produción eléctrica a partir de carbón antes de 2025.

2019. A suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións provoca unha queda da produción da central por falta de rendibilidade económica. Endesa interrompe a reforma en marcha da central e solicita o 27 de decembro a autorización de peche ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

2021. Finalmente desbótase a “solución de futuro” defendida por institucións, partidos e sindicatos para alongar a vida da central de carbón, consistente na co-combustión de carbón e residuos. Endesa insiste na súa vontade de pechar a central, mais o Ministerio para a Transición Ecolóxica segue a atrasar a autorización do peche.

2022. En setembro o Ministerio para a Transición Ecolóxica autoriza o peche de dous dos catro grupos da central e difire o dos outros dous. Coa excusa dos efectos da invasión rusa de Ucraína a central gaña un derradeiro alento.

2023. En agosto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica dá o seu visto e prace a Endesa para pechar os dous grupos da central aínda operativos. O 4 de outubro a central apágase definitivamente despois de 47 anos de vida.

O afundimento do carbón reduciu o consumo de combustibles fósiles o 31,2% desde 2016

Segundo os datos máis recentes divulgados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, o consumo galego de combustibles fósiles baixou o 31,2% entre 2016 e 2021. A razón principal foi a caída abrupta do uso do carbón na xeración eléctrica por causa da suba do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións.

O carbón acabará por desaparecer da produción eléctrica galega este mesmo ano, en canto pechar a central de carbón das Pontes (Endesa).

Como se reclama na acción para acabar cos combustibles fósiles convocada entre hoxe e o próximo domingo en todo mundo, cómpre unha descarbonización rápida, xusta e definitiva para enfrontarmos a emerxencia climática.

Para contribuírmos ao cumprimento do Acordo de París, o uso de enerxía fósil en Galicia e no resto da UE debería decrecer de forma continuada até finalizar en 2040.

O afundimento do uso de carbón (-93,6%) foi o único avance importante rexistrado nos últimos anos na redución do noso consumo de combustibles fósiles, a principal causa das emisións galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático.

O consumo de produtos petrolíferos tamén diminuíu entre 2016 e 2021, mais fíxoo tan só no 14,4%, a pesar de que 2021 tamén estivo marcado en parte polas restricións de mobilidade derivadas da COVID-19. O maior descenso relativo rexistrouse na produción de electricidade (-35,3%) e o menor na xeración de calor (-3%) .

De se manter o lento ritmo actual de descenso chegaríamos a 2040 cun consumo galego de produtos petrolíferos tan só inferior nun 45% ao presente.

Moito máis preocupante aínda é o incremento de 47,4% no uso enerxético de gas fósil. O maior aumento tivo lugar na produción eléctrica (84,8%), na que o gas fósil, tamén chamado gas natural, substituíu parcialmente o carbón. O gas é o combustíbel fósil máis empregado hoxe en Galicia tanto na xeración eléctrica como na de calor.

O noso consumo de combustibles fósiles baixou en todos os usos entre 2016 e 2021 agás na obtención de calor, onde aumentou o 14,1%. 

A baixada concentrouse na xeración eléctrica (-58,6%), por mor sobre todo do colapso do carbón, que foi de lonxe a principal causa da redución do 31,6% nas emisións totais galegas de gases de invernadoiro en 2021 con respecto a 2016.

O transporte substituíu a produción eléctrica como o maior consumidor de combustibles fósiles en Galicia, acaparando o 34,3% en 2021. A xeración de electricidade baixou a súa participación no consumo desde o 50% en 2016 ao 30,1% en 2021, superando só un pouco a demanda fósil para xeración de calor, hoxe no 28,2%. O sector primario require actualmente o 7,4% restante do consumo galego de combustibles fósiles.

A xuízo do Observatorio Galego para a Acción Climática (OGACLI), para  diminuír rapidamente o consumo de produtos petrolíferos e de gas fósil en Galicia son chaves dúas accións a desenvolver simultaneamente: 1) a redución do consumo enerxético e 2) un sistema eléctrico 100% renovábel antes de 2030 e un aumento da electrificación do consumo de enerxía.

As emisións de gases de invernadoiro aumentaron o 3,3% en 2021

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2021)”, baseado nos datos para Galicia extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.  Os datos oficiais indican que as emisións  volveron aumentar en 2021, despois de tres anos consecutivos de descenso.

As emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 19.096.905 toneladas en 2021, o que supón un crecemento do 3,3% con respecto a 2020.

O maior incremento, do 19,9 %, rexistrouse no transporte, cuxas emisións regresaron a niveis prepandémicos despois da caída en 2020 inducida pola COVID-19. O transporte de persoas e mercadorías foi responsábel do 26,2% das emisións totais de Galicia. Desde 2019 é o sector que máis contribúe á crise climática global desde a nosa terra.

Tamén aumentaron de xeito importante en 2021 as emisións da industria (7,3%) e as conxuntas de fogares, comercios, institucións e sector primario asociadas ao uso de enerxía fósil (5,6%).

O dato máis positivo foi o descenso (-16%), por cuarto ano consecutivo, das emisións do sector enerxético. A pesar diso, este sector segue a ser chave na nosa descarbonización, pois aínda supón o 14,6% das emisións totais.

Os catro maiores emisores industriais en 2022 pertencen ao sector enerxético, coa central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) á cabeza.

Os datos sobre as emisións en 2021 revelan o grande atraso na desfosilización do transporte, da industria non enerxética e do resto de sectores. Un reto que pasa principalmente polo decrecemento do consumo e polo aumento da electrificación dos usos enerxéticos finais. Cómpre unha maior electrificación baseada en electricidade 100% renovable, obxectivo que se debería atinxir antes de 2030.

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións de Galicia diminuíron o 34%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 12,1 millóns de toneladas (-81,3%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019.

Para contribuír á meta dos 1,5 graos, Galicia debería diminuír as súas emisións un 65% en 2030 en comparación con 1990.

A Xunta elevou o seu obxectivo ao 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, mediante a revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050, adoptada en 2019, que só prevé un recorte do 24,6% para 2030.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas do ano pasado non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, baseándose no aumento do 5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións galegas- ou na estabilización do consumo de produtos petrolíferos e da cabana de gado bovino, pódese avanzar que en 2022 as emisións galegas aumentaron ou reducíronse pouco

A aceleración da transición enerxética, a través tanto da diminución da demanda como dun crecemento socioambientalmente adecuado das enerxías renovables, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático. Proba diso é que o 71,1% das emisións están ligadas á transformación e o consumo de enerxía fósil.

Demandan unha Lei do Clima completa e ambiciosa

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática consideran moi decepcionante o Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia que vén de se someter a consulta pública. Non está á altura das responsabilidades e capacidades de Galicia na loita contra a emerxencia climática global.

O Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia non inclúe obxectivos vinculantes e ambiciosos para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Tampouco incorpora obxectivos en materia de enerxía, a pesar de que a súa transformación e consumo é responsábel do 71% das emisións territoriais de Galicia. Ademais, atrasa o horizonte para lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) a 2050, cando sería factible atinxila en 2040 ou incluso antes, o que estaría máis en liña co Acordo de París.

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática denuncian que, na súa versión actual, a Lei do Clima apenas define medidas de recorte das emisións e de adaptación á crise climática por sectores. E que, asemade, ignora ou aborda deficientemente aspectos fundamentais para a transición ecolóxica como a educación ambiental, a fiscalidade verde, a transición xusta ou a participación cidadá.

Na realidade achega poucas novidades á acción climática, entre as que cabería salientar a creación dos orzamentos de carbono e a introducción da perspectiva climática nas políticas públicas.

Aínda estamos a tempo de evitar un quecemento global superior a 1,5 graos pero para iso cómpre unha redución rápida e drástica das emisións de gases de invernadoiro. Esta década é crucial e Galicia debería diminuír un 65% as súas emisións para 2030 con respecto a 1990.

“É chave aproveitar a Lei do Clima para outorgar un maior peso a fomentar a creación de comunidades enerxéticas a nivel local  e acometer reformas de normativas que quedaron obsoletas en materia climática para garantir uns procedementos e un marco normativo favorable ao autoconsumo que permita cumprir coa ambición climática galega”, sinalou Raquel Fernández, voceira de Amigas da Terra.

“Xa estamos sufrindo moitos dos efectos do cambio climático, é tempo de ser valente e lexislar para acadar un futuro o mellor posible. Precisamos dun compromiso real dos nosos políticos e de medidas concretas, non só papel mollado”, declarou Ana Freiría, voceira de Ecoloxistas en Acción.

Moitas suxestións á Lei do Clima de Galicia das devanditas organizacións ecoloxistas insisten na necesidade de democratizar e acelerar a transición enerxética para lograr a tempo e de forma xusta as reducións das emisións necesarias.

Nos últimos 10 anos (2013-2022) a potencia eólica en Galicia só medrou unha media de 86 MW/ano, unha cifra moi inferior á necesaria para reducir rapidamente as emisións de gases de invernadoiro.

A proposta de Lei do Clima renuncia a introducir medidas que corrixan as eivas sociais e ambientais da política eólica, chave para avanzarmos no recorte das emisións. Cómpre un forte crecemento adicional da potencia eólica en Galicia, pero con menor impacto territorial e maiores beneficios sociais que até hoxe”, afirmou Xosé Veiras, impulsor do Observatorio Galego da Acción Climática.

Aínda estamos a tempo de termos unha lei do clima consecuente coa emerxencia climática na que estamos. É unha oportunidade importante para marcar un roteiro de abandono dos combustíbeis fósiles no país, comezando pola fin da xeración eléctrica con gas fósil e o peche definitivo do carbón, e así camiñarmos cara a un sistema enerxético 100% renovábel”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

As emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) baixaron en Galicia nun 34% entre 1990 e 2021, grazas principalmente ao desenvolvemento eólico e á caída da xeración eléctrica con carbón, que debería rematar este mesmo ano. Para atinxir reducións ambiciosas sinalan que é prioritario substituír rapidamente a enerxía fósil  a través do  decrecemento do consumo e dun maior despregue das renovábeis.

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática destacan que é urxente unha mellor planificación territorial da instalación de parques eólicos e fotovoltaicos e unha aposta forte polo autoconsumo e a creación de comunidades enerxéticas.

Suxestións do OGACLI ao Anteproxecto de Lei do Clima

Suxestións ao Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia

A presentación a consulta pública do Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia é unha boa noticia, pois trátase dun paso máis no camiño de dotar por fin ao noso país dunha lei climática propia que contribúa a  reforzar a loita contra a crise climática, para a cal é crucial o que se faga (e deixe de facer) no que resta da presente década.

Lamentabelmente, a proposta de Lei do Clima publicada pola Xunta para a presentación de suxestións ten un contido escaso e falto de concreción, no que se renuncia a formular obxectivos cuantificados. É significativo que o 40% do texto presentado se dedique a unha prolixa exposición de motivos, reservando o 60% restante a desenvolver un articulado con notábeis lagoas.

Na súa versión actual a Lei do Clima apenas reforzaría a hoxe feble política climática autonómica, para o que sería necesario unha lei moito máis completa e ambiciosa. 

O único obxectivo climático definido non é outro que atrasar a neutralidade climática ao horizonte 2050, cando parece factíbel lograla en 2040 ou incluso antes. Este obxectivo a longo prazo é o único recollido no anteproxecto, que non se compromete con obxectivos de redución sectoriais e a máis curto prazo.

Poucas novidades, moitas carencias

Son certamente poucas as novidades de certo relevo que achegaría a proposta de Lei do Clima de Galicia: o establecemento dos orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a introdución da perspectiva climática na elaboración dos orzamentos e plans públicos, a creación dun Consello Galego do Clima como órgano de carácter consultivo ou un certo impulso á contratación pública verde e á descarbonización do sector público.

Pola contra, son moitas e importantes as carencias en relación a cuestións como a definición de obxectivos enerxéticos e de redución de emisións, a determinación de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a fiscalidade verde, a transición xusta, a educación ambiental, a participación cidadá ou o fortalecemento da capacidade de xestión da Xunta en materia climática. Tamén é destacábel que se desaproveite a Lei do Clima para acelerar e democratizar a transición enerxética.

Durante o proceso de consulta pública previa da Lei do Clima, en marzo de 2022,  o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou diversas suxestións, das cales só a proposta de estabelecer orzamentos de carbono foi incorporada no Anteproxecto de Lei. Na consulta pública deste reiteramos as suxestións que non foron admitidas e presentamos outras novas, que se poden consultar no seguinte documento:

A produción das centrais de gas fósil apenas baixou no primeiro semestre de 2023

A produción das centrais de ciclo combinado a gas fósil aumentou o 68% no primeiro semestre de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022 e tan só baixou un 4% en comparación con 2022, a pesar da recuperación da produción hidroeléctrica.

Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica de España (REE) (1), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% no primeiro semestre de 2023 con respecto a 2022, debido sobre todo ao aumento da xeración hidroeléctrica, moi minguada o ano pasado pola seca. Sen embargo, a xeración renovábel tan só creceu o 3% con respecto á produción media durante os seis primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022

Lonxe do 100% renovábel para 2030

Malia o seu cativo aumento, o peso das renovábeis no total da electricidade producida na nosa terra subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para situarse no 75,5% no primeiro semestre de 2023 (2). 

Unha cifra  lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén inferior aos obxectivos para o mesmo ano da Xunta (84,8%) e do Goberno estatal (81% de media en España no borrador de actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima).

Fontes1º semestre 20221º semestre 2018-20221º semestre 2023
MWh% totalMWh% totalMWh% total
Hidráulica1.965.44819,14.316.85333,04.367.20135,4
Eólica4.199.26240,84.489.61334,34.773.91038,6
Solar fotovoltaica11.6130,110.6790,111.9680,1
Biomasa e biogás292.1252,8199.6561,5173.6551,4
Xeración renovábel6.468.44762,89.016.80168,99.326.73575,5
Turbinación bombeo34.9530,326.3170,288.1290,7
Ciclos combinados (gas fósil)1.965.84319,11.123.3718,61.891.01415,3
Carbón652.8316,31.619.92812,4281.3942,3
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.004.0519,71.130.7138,6626.8685,1
Residuos175.6391,7164.0051,3139.4951,1
Xeración non renovábel3.833.31737,24.064.33331,13.026.90024,5
Total10.301.76410013.081.13510012.353.635100,0

De acordo cos datos de REE, a potencia renovábel instalada en Galicia medrou tan só 2,4 MW (+0,03%) durante os seis primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que está a experimentar un bum, mais que aínda así só terá achegado unhas decenas de MW máis á capacidade galega de produción eléctrica no que levamos de 2023.  

A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica no primeiro semestre de 2023 aumentou en 6,6 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022 por causa principalmente do descenso da produción das centrais térmicas de carbón de Meirama (pechada en 2020) e As Pontes. Tamén influíu a baixada da achega das centrais de coxeración con gas fósil e produtos petrolíferos, utilizadas por algunhas das maiores industrias galegas para se autoabasteceren de electricidade e calor.

A transición eléctrica avanza moi lentamente

Debido ao lento avance da transición eléctrica que se arrastra desde a década de 2010, as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) están a cubrir grande parte do oco deixado polas centrais de carbón e de coxeración.

A produción das centrais de gas aumentou o 68% no primeiro semestre de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022 e tan só baixou un 4% en comparación con 2022.

As centrais de gas fósil chegaron a ser a principal fonte de electricidade en Galicia durante o mes de xuño, debido a unha acusada baixada da xeración eólica, atinxindo o 35,6 % da produción total. Até o mes pasado só lideraran a produción eléctrica mensual no noso país en xuño e agosto de 2019 (cando menos desde xaneiro de 2013). Estas centrais son abastecidas a través de regasificadora de Reganosa, da que a Xunta é copropietaria.

2023 podería ser o ano do fin da central de carbón das Pontes se se confirmar o seu peche no vindeiro setembro, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica foi atrasando de forma inxustificada desde que Endesa o solicitou xa en decembro de 2019. No primeiro semestre de 2023 esta central só achegou o 2,3% da electricidade xerada en Galicia e a súa produción baixou o 83% con respecto  á media para o mesmo período en 2018-2022. Con todo, será suficiente para colocala entre as maiores industrias emisoras de gases de invernadoiro en Galicia durante 2023.

Duplicar a potencia renovábel e a electrificación até 2030

Os datos sobre a produción eléctrica en Galicia no que levamos de ano confirman a tendencia dos últimos anos a un certo estancamento das renovábeis e a un alarmante protagonismo do gas fósil, o   que unido á falta de avances na electrificación do consumo de enerxía e no almacenamento de electricidade, lastra a loita contra a crise climática global desde Galicia.

A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar como mínimo a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar a central de carbón das Pontes en 2023 e as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.

Notas

1.Datos procedentes de Red Data (https://www.ree.es/es) e da app redOS.

2. Non se inclúe a incineración de residuos orgánicos, considerada oficialmente como fonte de enerxía renovábel.

As emisións industriais galegas de gases de invernadoiro creceron o 5% en 2022

As emisións de gases causantes de cambio climático das 40 instalacións industriais afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron o 5% en 2022 con respecto a 2021.

A causa principal deste preocupante aumento das emisións industriais RCDE foi a maior actividade das centrais térmicas de gas fósil (ciclos combinados) e carbón e máis da refinaría de petróleo, o que pon de manifesto a necesidade de acelerar a transición enerxética.

As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións que son chaves no proceso de descarbonización.

O mercado europeo de emisións ten contribuído a reducir as emisións industriais desde a súa creación en 2005 mais nos últimos tres anos obsérvase unha tendencia á estabilización.

Evolución desigual por sectores industriais

A evolución das emisións por sectores en 2022 foi moi desigual. O da produción eléctrica, integrado polas centrais térmicas de gas fósil e carbón, aumentou as súas emisións en case 900.000 toneladas (+45%), nun ano marcado polo descenso da xeración renovábel por causa da seca e do estancamento na instalación de nova potencia renovábel. Supuxeron case a metade das emisións suxeitas ao RCDE en Galicia.

As emisións de gases causantes de cambio climático da maior industria enerxética galega, a refinaría de petróleo de Repsol na Coruña, medraron o 31% con respecto ao ano anterior, rozando o millón de toneladas. O refino de petróleo é o sector abranguido polo RCDE en Galicia con maiores emisións despois da produción eléctrica.

Pola contra, as emisións da industria siderúrxica e metalúrxica descenderon conxuntamente un 30%, para o que resultou decisivo a suba do prezo da enerxía.

A forte diminución das emisións do sector do aluminio  debeuse á parada da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao. Canto ao recorte das emisións na fabricación de aceiro e ferroaleacións, é atribuíbel á baixada da actividade das fábricas de Ferroatlántica en Sabón (parada en 2022 desde xuño) e de Xeal en Dumbría e Cee.

Tamén a alza do prezo da enerxía influíu na redución do 20% das emisións das instalacións de combustión e das centrais de coxeración en sectores industriais non contemplados especificamente no RCDE.

TOP 10 de grandes emisores

Os dez maiores emisores foron responsábeis conxuntamente de máis do 80% das emisións industriais afectadas polo RCDE.

Encabezan a listaxe de grandes emisores catro industrias enerxéticas: a central de ciclo combinado (gas fósil) de Endesa nas Pontes, a refinaría de petróleo de Repsol   na Coruña, a central de carbón de Endesa nas Pontes e a central de ciclo combinado (gas fósil) de Naturgy en Sabón (Arteixo).

TOP 10 GRANDES EMISORES20212022
Central de ciclo combinado (gas fósil) das Pontes802.2101.225.482
Refinaría da Coruña759.603995.764
Central de carbón das Pontes520.748930.291
Central de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón (Arteixo)641.675699.593
Planta de alúmina de San Cibrao (Cervo)646.733566.384
Planta de produción de hidróxeno de Meicende (Arteixo)168.196195.051
Fábrica de bioetanol de Teixeiro (Curtis)143.301127.710
Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) (San Sadurniño)120.271121.808
Forestal del Atlantico (Mugardos)98.583108.051
Fábrica de ferroaleacións de Dumbría153.495102.255

A Estratexia Galega de Mobilidade apenas reduciría as emisións de gases de invernadoiro nesta década

A proposta da Estratexia Galega de Mobilidade (EGM) da Xunta pretende reducir tan só nun 10% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do transporte nunha década crucial para evitarmos un quecemento global superior a 1,5 ⁰C. O OGACLI presentou alegacións á EGM durante o período de consulta pública.

Para cumprirmos o  Acordo de París, a EGM debería aspirar a lograr emisións cero en 2040, en lugar de en 2050, o que implicaría un recorte moito maior das emisións de gases de invernadoiro nesta década. A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), as emisións en 2030 xa deberían ser un 50% inferiores ás de 2019.

O transporte é chave no combate ás crises climática e enerxética

Segundo os datos oficiais máis recentes divulgados, o transporte de persoas e mercadorías  é a maior fonte de gases causantes de cambio climático en Galicia, representando o  22,5% das emisións totais (2020). O transporte é o sector no que máis creceron as emisións desde 1990, ano de inicio da serie oficial de datos.

O transporte depende nun 94% de produtos petrolíferos e acapara un terzo da enerxía consumida en Galicia (2020). Demanda máis enerxía que a suma de fogares e servizos.

Débil aposta da EGM pola sustentabilidade ecolóxica

A descarbonización do transporte é o desafío climático máis complicado e require dun forte compromiso de todos os poderes públicos e da cidadanía.

Coa versión actual da EGM, a Xunta renuncia a facer a súa parte ao apostar por un modelo de mobilidade que non procura nin unha redución forte da necesidade de desprazamentos e das súas distancias, nin un cambio modal masivo cara aos modos de transporte sustentábeis, nin unha electrificación acelerada baseada en enerxías renovábeis.

Segundo a EGM, en 2040 estabilizaríase o volume total anual de desprazamentos por estrada e o acceso de vehículos ás sete principais cidades diminuiría un 10%, sempre con respecto a 1990. Para 2030 non se explicitan obxectivos.

En relación á electrificación do parque de vehículos non se formula ningunha meta.

Alegacións

O OGACLI presentou diversas alegacións á proposta de EGM sometida a consulta pública que incrementarían a súa cativa ambición climática. Entre elas salientamos as seguintes:

  • A garantía dunha auténtica planificación coordenada do transporte nas áreas metropolitanas integrada coa territorial e restritiva co uso do coche.
  • A consideración da fiscalidade verde e da educación ambiental como ferramentas fundamentais para o logro dunha mobilidade sustentábel.
  • A non ampliación da rede autonómica de estradas de altas prestacións.
  • O mantemento dos descontos no transporte en autobús.
  • A implicación da Xunta, a través de empresas públicas, na promoción do transporte ferroviario e de ría e da mobilidade compartida (carsharing,…)
  • Unha aposta decidida por unha rápida electrificación do transporte.