O afundimento do carbón reduciu o consumo de combustibles fósiles o 31,2% desde 2016

Segundo os datos máis recentes divulgados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, o consumo galego de combustibles fósiles baixou o 31,2% entre 2016 e 2021. A razón principal foi a caída abrupta do uso do carbón na xeración eléctrica por causa da suba do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións.

O carbón acabará por desaparecer da produción eléctrica galega este mesmo ano, en canto pechar a central de carbón das Pontes (Endesa).

Como se reclama na acción para acabar cos combustibles fósiles convocada entre hoxe e o próximo domingo en todo mundo, cómpre unha descarbonización rápida, xusta e definitiva para enfrontarmos a emerxencia climática.

Para contribuírmos ao cumprimento do Acordo de París, o uso de enerxía fósil en Galicia e no resto da UE debería decrecer de forma continuada até finalizar en 2040.

O afundimento do uso de carbón (-93,6%) foi o único avance importante rexistrado nos últimos anos na redución do noso consumo de combustibles fósiles, a principal causa das emisións galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático.

O consumo de produtos petrolíferos tamén diminuíu entre 2016 e 2021, mais fíxoo tan só no 14,4%, a pesar de que 2021 tamén estivo marcado en parte polas restricións de mobilidade derivadas da COVID-19. O maior descenso relativo rexistrouse na produción de electricidade (-35,3%) e o menor na xeración de calor (-3%) .

De se manter o lento ritmo actual de descenso chegaríamos a 2040 cun consumo galego de produtos petrolíferos tan só inferior nun 45% ao presente.

Moito máis preocupante aínda é o incremento de 47,4% no uso enerxético de gas fósil. O maior aumento tivo lugar na produción eléctrica (84,8%), na que o gas fósil, tamén chamado gas natural, substituíu parcialmente o carbón. O gas é o combustíbel fósil máis empregado hoxe en Galicia tanto na xeración eléctrica como na de calor.

O noso consumo de combustibles fósiles baixou en todos os usos entre 2016 e 2021 agás na obtención de calor, onde aumentou o 14,1%. 

A baixada concentrouse na xeración eléctrica (-58,6%), por mor sobre todo do colapso do carbón, que foi de lonxe a principal causa da redución do 31,6% nas emisións totais galegas de gases de invernadoiro en 2021 con respecto a 2016.

O transporte substituíu a produción eléctrica como o maior consumidor de combustibles fósiles en Galicia, acaparando o 34,3% en 2021. A xeración de electricidade baixou a súa participación no consumo desde o 50% en 2016 ao 30,1% en 2021, superando só un pouco a demanda fósil para xeración de calor, hoxe no 28,2%. O sector primario require actualmente o 7,4% restante do consumo galego de combustibles fósiles.

A xuízo do Observatorio Galego para a Acción Climática (OGACLI), para  diminuír rapidamente o consumo de produtos petrolíferos e de gas fósil en Galicia son chaves dúas accións a desenvolver simultaneamente: 1) a redución do consumo enerxético e 2) un sistema eléctrico 100% renovábel antes de 2030 e un aumento da electrificación do consumo de enerxía.

Deixar un comentario