A electrificación da economía mídese pola porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo total de enerxía final.
Un 70% das emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro procede da transformación e do consumo de enerxía. Polo tanto, a redución da demanda de combustíbeis fósiles é chave na mitigación da crise climática desde o noso país.
Existe un acordo xeral verbo da necesidade de acompañar o crecemento da xeración eléctrica renovábel cunha maior electrificación da economía, nomeadamente da demanda de calor e do transporte. Deste xeito favorecerase a desfosilización do sistema enerxético e a diminución das emisións de gases de invernadoiro.
Mesmo nun contexto no que se reducir o consumo total de enerxía, requírese un aumento da produción e do consumo de electricidade renovábel para avanzarmos na descarbonización.
A electrificación da economía galega baixou nos últimos tres anos sitúandose hoxe no 22%, a cifra máis baixa desde polo menos 2006. Nesta caída foron decisivas a redución do consumo na industria (en boa medida pola paralización parcial de Alcoa San Cibrao) e a lenta progresión da electrificación, particularmente no transporte.
A Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta non formula ningún obxectivo de electrificación da economía, mentres que o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2023-2030) propón un 35% para o conxunto do Estado español. No informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, o OGACLI e Greenpeace avogan por un 50% para 2030, unha cifra xa moi dificilmente alcanzábel.
O alcance é a evolución da electrificación é moi desigual por sectores. Só nos servizos e nos fogares supera ou achégase ao 50%. Na industria caeu de forma acentuada nos últimos anos, pola crise da industria electrointensiva e a falta de avances en electrificación. No transporte tende a subir, mais a un ritmo moi lento.
(Actualización: abril de 2026).
Unidade
Porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo de enerxía final (%).
Fontes
Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.
Obxectivo Electrificación da economía española. Base de datos do Observatorio da Transición Enerxética e a Acción Climática (OTEA).
Consumo de enerxía final por sectores (actualización 2026 e anteriores). Web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.