Aprobada a Lei do Clima de Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a Lei do Clima de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. No debate final da lei no pleno do Parlamento repetíronse os argumentos expostos no debate inicial de totalidade celebrado en outubro pasado.

BNG e PSdG-PSOE queixáronse da pouca receptividade da Xunta ás súas emendas parciais.

Entre as mudanzas do proxecto de lei incorporadas durante a tramitación parlamentaria só salientan un artigo sobre a introdución da perspectiva de xénero e unha disposición que obriga ao Goberno galego a presentar unha proposta de rede de refuxios climáticos.

O texto final da lei pode consultarse aquí.

Sobre o debate inicial de totalidade, as emendas parciais presentadas polos grupos parlamentarios e as suxestións do OGACLI ao proxecto de lei ofrecimos información na seguinte noticia.

A Lei do Clima de Galicia apenas define obxectivos de emisións e enerxéticos e contén moitos artigos baleiros de contido. É o caso dos relativos á integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (enerxética, mobilidade, agraria,…).

Algúns dos instrumentos recollidos na lei xa foron creados, como os minimalistas plans galegos de acción climática.

A creación da Oficina Galega de Cambio Climático e a regulación da contratación pública verde son os únicos novos instrumentos que merecen destaque positivo.

As carencias en ferramentas chave como a planificación enerxética, a transición xusta, a fiscalidade verde, a participación cidadá ou a educación ambiental son notábeis. Restan credibilidade ás metas e obxectivos da nova lei.

Na seguinte táboa compárase o tratamento dalgúns aspectos destacados entre o anteproxecto de lei sometido a unha consulta pública na que participou o OGACLI, o proxecto de lei que entrou no Parlamento e a lei finalmente aprobada.

TEMAANTEPROXECTO (2023)PROXECTO DE LEI (2025)LEI APROBADA
(2026)
Neutralidade climática (emisións netas cero)Horizonte do 2050Horizonte do 2040Horizonte do 2040
Obxectivos de emisións Ningún-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
Obxectivos enerxéticos Ningún. Sen horizonte para o abandono da enerxía fósilNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósilesNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósiles
Planificación climáticaAlén de incluír instrumentos xa operativos (comisión interdepartamental, plans de acción climática,…), crea os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización da Xunta e de Concellos de máis de 20.000 habitantesElimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas Elimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas
Planificación enerxética e outras políticas sectoriaisAlgúns criterios para orientar a integración climáticaSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio ClimáticoSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio Climático
Xustiza climáticaDefinición incompleta. Non crea a figura da Estratexia de Transición Xusta. Ignora a dimensión climática da acción exteriorAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climáticaAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climática
Instrumentos económicosSen referencias á fiscalidade verdeArtigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono. Artigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono.
Participación cidadáCrea o Consello do Clima O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática. O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática.

Unha novidade relevante é o adianto da neutralidade climática desde o horizonte do ano 2050 ao do 2040. Isto está máis acorde coa situación de partida e coas capacidades e responsabilidades de Galicia. Mesmo o horizonte do ano 2035 podería considerarse realista.

O abandono progresivo do carbón na produción eléctrica, xunto co crecemento das absorcións de CO2 na superficie arborizada, son as causas do descenso do 61,7% nas emisións netas de gases de invernadoiro entre 1990 e 2023, ano máis recente con datos.

Para acadarmos emisións netas cero en 2040 habería que diminuílas uns 40 puntos máis, en relación a 1990.

O declive final do carbón, combatido pola Xunta e a actual oposición parlamentaria, fixo baixar nuns 45 puntos as emisións netas en só seis anos (2018-2023).

A maior eiva do proxecto de lei, a non definición dun horizonte para o fin do emprego dos combustíbeis fósiles, non foi corrixida durante a tramitación parlamentaria. Ningún grupo político presentou emendas nese sentido.

A ausencia de obxectivos, prazos e medidas a respecto da substitución da enerxía fósil por renovábel resta credibilidade á meta de atinxir a neutralidade climática en 2040. Ese debería ser tamén o horizonte para o fin do uso da enerxía fósil en Galicia.

Nin sequera se mencionan os combustíbeis fósiles ao longo de todo o texto da lei, a pesar de seren a causa do 72 % das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático (2023).

As emisións da produción eléctrica subiron en 2025

A xeración eléctrica en Galicia emitiu máis de 1,5 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático durante 2025. Isto representa un aumento dun 10% con respecto ao ano anterior.

Malia o incremento, 2025 foi o segundo ano con menores emisións de GEI do sector eléctrico galego nas últimas cinco décadas.

A pesar do lento crecemento da potencia renovábel, o declive final da queima de carbón provocou unha forte caída das emisións de GEI do sector eléctrico galego nos últimos anos.

O sector eléctrico pasou de achegar un 40% das emisións totais de Galicia en 2018 a un 15% en 2023.

O transporte e a gandaría intensiva son hoxe os sectores que máis contribúen á crise climática desde Galicia.

As centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes son hoxe responsábeis  duns dous terzos das emisións  de GEI do sector eléctrico galego. O aumento da súa produción nun 21% foi a causa da suba das emisións da produción eléctrica galega en 2025.

A maior actividade dos ciclos combinados veuse favorecida polo estancamento da potencia renovábel e polo maior recurso aos ciclos combinados despois do apagamento de abril.

A xeración renovábel (sen incluír a combustión de residuos orgánicos) recuou dous puntos en 2025 até supor o 81,7% da total.

O fortalecemento da acción climática esixiría que antes de 2030 atinxise practicamente o 100%. O obxectivo da estratexia da Xunta é acadar o 85% en 2030 (incluíndo residuos orgánicos).

A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón.

O factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 70 gr de CO2eq/KWh entre 2018 e 2025. Isto significa que para un mesmo nivel de consumo eléctrico as emisións asociadas de GEI foron en 2025 unhas cinco veces menores que en 2018.

A electrificación do consumo enerxético en transporte, industria e fogares é hoxe a vía máis rápida para avanzar en Galicia na urxente descarbonización. 

Segundo Rede eléctrica, a potencia renovábel, incluíndo o autoconsumo solar fotovoltaico, tan só medrou en Galicia o 1,7% (+137 MW) en 2025.

O estancamento da potencia renovábel, xunto coa falta de avances na electrificación do consumo enerxético e a recuperación da actividade de Alcoa San Cibrao comprometen seriamente a redución de emisións de GEI en Galicia.

As emisións galegas brutas de GEI eran en 2023 (ano máis recente con datos) un 38,3% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao abandono do carbón na produción eléctrica. En 2030 deberían ser xa un 65% menores para estarmos en liña co Acordo de París.

[Información corrixida o 2 de febreiro de 2026 por causa da actualización dos datos proporcionados por Rede eléctrica, en especial do relativo á demanda de electricidade en 2025].

O Proxecto de Lei do Clima apenas reforzaría a loita climática

Coincidindo coa semana final da conferencia climática de Belém do Pará (COP 30), Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) reclaman unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa.

O proxecto de lei actualmente a debate no Parlamento de Galicia carece dos obxectivos e medidas necesarias para acelerar a redución das emisións galegas de gases de invernadoiro. As emisións brutas de Galicia seguen a ser superiores á media española en termos per cápita.

A maior eiva do Proxecto de Lei do Clima de Galicia presentado pola Xunta é a ausencia de metas e instrumentos para promover un rápido abandono do uso de combustíbeis fósiles, orixe do 72% das emisións brutas do noso país (2023) .

A desvinculación entre a política climática e a enerxética conságrase co cambio de nome do actual Plan Rexional de Enerxía e Clima, que pasará a chamarse de Acción Climática.

Resulta sorprendente e por suposto censurábel que o texto de Lei do Clima non mencione nin unha soa vez os combustíbeis fósiles e non aborde a transición enerxética. A Xunta debería saber mellor que ninguén que a dependencia de Galicia da importación de combustíbeis fósiles é moi significativa e que non se pode avanzar nunha transición real sen abrir un debate social sobre a planificación do abandono da enerxía fósil en todos os sectores”, afirman as organizacións.

Segundo Greenpeace e o OGACLI a principal acción climática a impulsar, que non a única, é unha transición enerxética rápida e xusta para acadar un sistema enerxético galego 100% renovábel antes de 2040.

Para iso, é fundamental planificar o fin do sector enerxético fósil (refinaría, centrais de gas fósil, regasificadora) e impulsar tanto o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis como unha maior electrificación da economía. O Proxecto de Lei do Clima pasa totalmente de perfil por estas cuestións, a pesar do estancamento actual da transición enerxética en Galicia.

Nos últimos anos o único avance importante foi o peche das centrais de carbón, causa principal da caída do 39% das emisións brutas de gases de invernadoiro entre 2018 e 2023.

As organizacións tamén denuncian que a falta de medidas para desbloquear e impulsar a transición enerxética, xunto coa non definición de obxectivos para a redución das emisións brutas e as absorcións netas de carbono no sector “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura”, restan credibilidade á meta da Xunta de lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040.

Unha meta que si supón un avance con respecto ao anteproxecto de lei sometido a consulta pública en 2023, que atrasaba o obxectivo a 2050, e que as organizacións celebran.

Outras carencias notábeis do proxecto de lei teñen que ver coa falta de determinación  de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a non aplicación de instrumentos de fiscalidade verde, o esquecemento da transición xusta ou a escasa promoción da educación ambiental e da participación cidadá.

Greenpeace e o OGACLI tamén chaman a atención sobre algúns retrocesos do actual texto con respecto ao anteproxecto de lei de 2023. Por exemplo, desapareceu a obriga de establecer orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (transporte, enerxía,…) pasou de ter pouca concreción a non ter ningunha e elimináronse os programas de descarbonización das administracións públicas.

Os únicos avances para a loita climática a destacar son a creación da Oficina Galega de Cambio Climático, que non estaba prevista no anteproxecto de lei, e a regulación da contratación pública verde, derivada da normativa europea.

Non se pode considerar un avance a creación dun mercado voluntario galego de carbono ao servizo do “lavado verde” empresarial e da promoción das plantacións forestais.

O Proxecto de Lei do Clima de Galicia, de non ser obxecto de melloras importantes durante a súa tramitación parlamentaria, será un instrumento moi pouco útil para a redución das emisións de gases de invernadoiro e a adaptación á crise climática en Galicia”, conclúen as organizacións.

Proxecto de Lei do Clima de Galicia: novidades e carencias

A Xunta enviou o tantas veces prometido e adiado Proxecto de Lei do Clima de Galicia ao Parlamento. Fíxoo o 16 de setembro de 2025, dous anos despois de someter a consulta pública un borrador, ao que o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou diversas suxestións.

Xunto con algunhas organizacións ecoloxistas, o OGACLI cualificou o anteproxecto como “moi decepcionante”, pois “achegaba poucas novidades á acción climática”.

O Proxecto de Lei do Clima presenta diferenzas importantes co anteproxecto, mais segue a ser decepcionante. Apenas reforzaría a hoxe feble política climática autonómica.

O proxecto de lei presentado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apenas define obxectivos de emisións e enerxéticos e contén moitos artigos baleiros de contido. É o caso dos relativos á integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (enerxética, mobilidade, agraria,…).

Algúns dos instrumentos recollidos na lei xa foron creados, como os minimalistas plans galegos de acción climática. Outros están xa en proceso de creación, como o sistema galego de créditos de carbono. Unha ferramenta de máis que dubidosa eficacia á vista da experiencia internacional neste eido.

A creación da Oficina Galega de Cambio Climático e a regulación da contratación pública verde son os únicos novos instrumentos que merecen destaque positivo.

As carencias en ferramentas chave como a planificación enerxética, a transición xusta, a fiscalidade verde, a participación cidadá ou a educación ambiental son notábeis. Restan credibilidade ás metas e obxectivos da futura lei.

Na seguinte táboa resúmense algúns aspectos destacados do proxecto e o anteproxecto de lei.

TEMAANTEPROXECTO (2023)PROXECTO DE LEI (2025)LEI APROBADA
Neutralidade climática (emisións netas cero)Horizonte do 2050Horizonte do 2040
Obxectivos de emisións Ningún-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
Obxectivos enerxéticos Ningún. Sen horizonte para o abandono da enerxía fósilNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósiles
Planificación climáticaAlén de incluír instrumentos xa operativos (comisión interdepartamental, plans de acción climática,…), crea os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización da Xunta e de Concellos de máis de 20.000 habitantesElimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas
Planificación enerxética e outras políticas sectoriaisAlgúns criterios para orientar a integración climáticaSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio Climático
Xustiza climáticaDefinición incompleta. Non crea a figura da Estratexia de Transición Xusta. Ignora a dimensión climática da acción exteriorAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climática
Instrumentos económicosSen referencias á fiscalidade verdeArtigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono.
Participación cidadáCrea o Consello do Clima O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática.

Unha novidade positiva é o adianto da neutralidade climática desde o horizonte do ano 2050 ao do 2040. Isto está máis acorde coa situación de partida e coas capacidades de Galicia. Mesmo o horizonte do ano 2035 podería considerarse realista.

O abandono progresivo do carbón na produción eléctrica, xunto co crecemento das absorcións de CO2 na superficie arborizada, son as causas do descenso do 61,7% nas emisións netas de gases de invernadoiro entre 1990 e 2023, ano máis recente con datos.

Para acadarmos emisións netas cero en 2040 habería que diminuílas uns 40 puntos máis, en relación a 1990.

O declive final do carbón, combatido pola Xunta, fixo baixar nuns 45 puntos as emisións netas en só seis anos (2018-2023).

A maior carencia do Proxecto de Lei do Clima é a falta de impulso ao abandono dos combustíbeis fósiles. A transición enerxética é a principal acción climática.

A ausencia de obxectivos, prazos e medidas a respecto da substitución da enerxía fósil por renovábel resta credibilidade á meta de atinxir a neutralidade climática en 2040. Ese debería ser tamén o horizonte para o fin do uso da enerxía fósil en Galicia.

Nin sequera se mencionan os combustíbeis fósiles ao longo de todo o texto do proxecto, a pesar de seren a causa do 72 % das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático (2023).

O OGACLI analisou o Proxecto de Lei do Clima de Galicia, elaborando un documento con comentarios e propostas (ver ao final do artigo). Foi envíado aos Grupos do PPdG, do BNG e do PSdG-PSOE no Parlamento.

O debate de totalidade do Proxecto de Lei do Clima celebrouse o 14 de outubro de 2025.

Nos debates de totalidade non se aproban os proxectos de lei, senón que se discute no pleno a súa tramitación ou non polo Parlamento. Posteriormente preséntanse, discútense e vótanse emendas parciais. O texto final sométese de novo a debate e a votación no pleno para a sua aprobación.

A continuación resúmense e coméntanse as intervencións neste debate, dispoñíbeis no Diario de Sesións do Parlamento.

Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

Ánxeles Vázquez defendeu o “rigor” e a “participación” no proceso de elaboración da lei, agradecendo a colaboración da Fundación Universidade da Coruña. Na realidade, a participación do público en xeral limitouse a unha consulta dun anteproxecto en xuño de 2023. Cando menos as suxestións presentadas polo OGACLI non foron respondidas. Ademais, o anteproxecto consultado non foi a base do proxecto envíado ao Parlamento.

Afeou ao BNG que presentase unha emenda á totalidade do proxecto con devolución, a pesar de ter incorporado algunas das súas alegacións ao proxecto, en concreto, a creación da Oficina Galega do Cambio Climático. Unha das suxestións do OGACLI propuxo tamén a súa creación.

A conselleira gabouse da redución das emisións territoriais netas  –agora nunca fala das brutas- nun 61,7% entre 1990 e 2023. Omitiu o peso decisivo para iso, alén do crecemento das absorcións de CO2 por bosques e plantacións forestais, do peche das centrais de carbón. Que a Xunta, co apoio dos partidos da actual oposición parlamentaria, combateu.

Salvador Bará (BNG)

Salvador Bará, voceiro do BNG, defendeu unha emenda á totalidade do Proxecto de Lei do Clima con devolución, por incompleto e pouco ambicioso.

Manifestou que as “pelexas” entre a Consellería de Medio Ambiente e a de Economía fixeron que o texto fose recortado e non incida na transición enerxética. Baseou esta afirmación na análise do propio expediente sobre a lei remitido pola Xunta aos Grupos Parlamentarios.

Cualificou o proxecto de lei como raquítico, fronte aos textos ben máis completos doutras comunidades autónomas. Criticou en particular a ausencia de medidas para “o transporte e o uso residencial, cando son os sectores que producen máis cambio climático”. Isto é certo só en parte: os sectores enerxético e industrial emiten máis gases de invernadoiro que o doméstico, e o agrario emite máis que o transporte, se se inclúen as emisións da maquinaria.

Malia as críticas anteriores, o voceiro do BNG non defendeu obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos que os do proxecto. Tampouco propuxo obxectivos en materia de transición enerxética.

Paloma Castro (PSdG-PSOE)

O PSdG-PSOE non presentou emenda á totalidade e abstívose na votación da do BNG, rexeitada cos votos do PP. Non obstante, para a súa voceira Paloma Castro, o proxecto “presenta carencias importantes, ambigüidades e ausencia de compromisos orzamentarios”.

Declarou que os obxectivos da lei son incluso menos ambiciosos que os propostos na Estratexia galega do Cambio Climático e Enerxía 2050. Isto é un erro, tanto se se refire á versión de 2019 como á de 2025 (ver Como é o plan climático da Xunta para esta década?). Con todo, non propuxo ningún obxectivo de redución das emisións máis ambicioso que o da Xunta.

Citando o OGACLI, a representante do PSdG-PSOE fixo referencia ao descenso das emisións territoriais brutas en Galicia nun 38,3% en 1990-2023. Salientou a achega do peche das térmicas de carbón, “unha decisión de impronta socialista”. Atendendo aos feitos, a impronta do PSOE é máis que cuestionábel (ver, por exemplo, as noticias de 2018-2023 da web da plataforma Galiza sen gas, antes Galiza sen carbón).

Paloma Castro foi a única que fixo referencia no debate aos combustíbeis fósiles e á necesidade dunha transición enerxética “cen por cento renovable”. Reclamou unha “planificación enerxética realista, democrática e participativa”, en particular no referido á enerxía eólica.

Gonzalo Trenor (PP)

O voceiro do PP recibiu con agrado o que interpretou como “felicitación” de Paloma Castro polo recorte das emisións brutas en case un 40% desde 1990. Mais non se referiu ao peche das centrais de carbón, que o PP segue a lamentar e a atribuír falsamente a Teresa Ribera, ex-ministra para a Transición Ecolóxica. O que fixo foi destacar o papel das políticas da Xunta, que realmente ben pouco tiveron que ver na diminución das emisións (ver As emisións de GEI non se reducen polo plan climático da Xunta).

Fronte ás críticas do voceiro do BNG ao infeliz lema da Xunta “Galicia, refuxio climático”, o PP reafirmouse na súa defensa. Mais non pola suposta benignidade do clima do noso país no contexto de crise climática.

Somos “refuxio climático” porque “lideramos as reducións de emisións e porque somos os que facemos un 20 por cento, unha quinta parte, das capturas de CO2 de todo o Estado”. O primeiro é polo fin do carbón na xeración eléctrica (Galicia lidera con outras comunidades autónomas nas que había centrais de carbón). O segundo, en grande medida, é polas plantacións forestais, nomeadamente polos eucaliptais.

O voceiro do PP acusou o BNG de ser “o responsábel da paralización do sector das enerxías renovables en Galicia”, referíndose neste sentido a unha noticia do dixital El Debate, medio sostido pola Asociación Católica de Propagandistas: Ecologistas gallegos vinculados al BNG fueron promotores de los eólicos contra los que ahora luchan. Na súa contrarréplica o representante do BNG non respondeu a esta acusación.

O único deputado de Democracia Ourensana declinou participar no debate.

O BNG presentou 56 emendas parciais ao articulado do proxecto de lei, o PSdG-PSOE 62 e o PP 5. Democracia Ourensana non presentou ningunha. En xeral, as emendas presentadas contribuirían a mellorar o texto da Lei do Clima, aínda que de xeito insuficiente.

A principal eiva do proxecto de lei, a non definición dun horizonte temporal para deixar atrás de vez os combustíbeis fósiles, non é abordada por ningún grupo parlamentario. E só o PsdG-PSOE pretende introducir de forma clara a cuestión fundamental da transición enerxética no articulado da lei.

Non se propoñen obxectivos de redución de emisións nin enerxéticos

Tamén hai coincidencia entre os grupos parlamentarios para que o articulado da Lei do Clima non recolla obxectivos cuantificados en materia de redución de emisións e de transición enerxética, co propósito de enviar sinais inequívocos para a descarbonización.

O BNG mesmo propón eliminar o obxectivo de diminución de emisións netas para 2030, o único recollido no proxecto de lei. Dado que non cuestiona a meta da neutralidade climática en 2040, isto pode interpretarse como falta de interese por reducir máis as emisións no que resta de década.

Apoio á neutralidade climática en 2040

Un aspecto moi positivo é o apoio dos grupos da oposición ao logro da neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040. Máis ben entendida como meta final, pois nin a Xunta nin ningún grupo se refire á necesidade de acadar emisións netas negativas e non só cero.

Na seguinte táboa sintetízanse as emendas ao Proxecto de Lei do Clima en relación aos aspectos que destacamos. Todas as emendas poden consultarse aquí

TEMAPPBNGPSdG-PSOE
Neutralidade climática
(emisións netas cero)

No artigo que recolle esta meta propón engadir como actuación para conseguila “as medidas de compensación que resulten necesarias”.
Asume esta meta.Apoia esta meta. Ademais, na exposición de motivos propón que “Galicia debe asumir un papel de liderado climático
ambicioso” (…), propoñéndose como
horizonte estratéxico o ano 2035, ao igual que países pioneiros como Finlandia”, que pretende acadar a neutralidade climática en 2035.
Obxectivos de emisións
Non propón ningún obxectivo e quere eliminar o de reducir as emisións netas un 75% en 2030 con respecto a 1990.

Non propón ningún obxectivo novo no articulado da lei. Mais si na exposición de motivos: “acadar unha redución do 30% nas emisións de gases de
efecto invernadoiro” no horizonte de 2030. Obxectivo xa superado.
Obxectivos
enerxéticos

Ningunha proposta sobre obxectivos enerxéticos e prazos para logralos.

Renuncia a propor obxectivos cuantificados para incluír no articulado. Propón introducir na exposición de motivos o obxectivo dun 20% de renovábeis na enerxía final en 2030, hai tempo superado.
Planificación
climática

Recupera do anteproxecto de lei os orzamentos de carbono, o inventario propio de emisións e os programas de decarbonización das administracións públicas. Propón a creación dun “Observatorio Galego para o Cambio Climático” como “rede especializada” sobre “os cambios no clima e os seus efectos”. Tamén crear unha rede de refuxios climáticos.

Pretende garantir apoio financeiro da Xunta á execución dos Plans de Acción Local polo Clima. Obriga á Xunta a elaborar un “calendario de abandono paulatino” do seu uso de enerxía fósil.
Planificación enerxética e outras políticas sectoriais
Pretende colocar na exposición de motivos “a produción e utilización de gases renovables, coma o hidróxeno, biogás e biometano”, como unha das ferramentas para reducir as emisións de GEI.





Propón novos artigos para impulsar a transición enerxética. Avoga polo establecemento de “directrices xerais da transición enerxética”, mais non por integrar a planificación enerxética coa da mitigación climática, como acontece a nivel estatal.
Asemade, propón emendas para incluír na lei criterios xerais a aplicar nas diferentes políticas sectoriais (economía circular, descarbonización da industria, etc). Para o sector servizos contempla a “compensación de emisións”. Introduce na exposición de motivos o papel estratéxico do sector eólico para a descarbonización en Galicia.
Xustiza
climática

Na súa dimensión interna, propón recoñecela como un dereito. E na externa incorporala aos plans de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento.

Incorporación como un dos principios da lei.
Instrumentos económicosPropón obrigar ás administracións a comprar ou arrendar só novos vehículos de “combustíbeis alternativos” aos fósiles, sen priorizar os eléctricos. Promove a produción ecolóxica local nos contratos públicos de servizos de comedor. En materia de fiscalidade verde, propón encargar unha proposta técnica, sen introducir ningún gravame ou incentivo concreto na lei.Introduce a promoción de “esquemas de pagamento por servizos ecosistémicos”. A emenda sobre fiscalidade verde recóllea como posibilidade, o mesmo que xa fai o proxecto, de forma máis concisa. Non propón introducir na lei ningún gravame ou incentivo concreto.
Unha emenda pretende evitar o uso do mercado galego voluntario de carbono para o “branqueo climático”.

Participación
cidadá

Creación da “Asemblea da Cidadanía Galega pola Acción Climática” e do “Comité Científico en materia de cambio climático”.

As emisións galegas de gases de invernadoiro baixaron o 7,5% en 2023

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2023)”, baseado nos datos extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica (1)

As emisións brutas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 17.775.135 toneladas en 2023, o que supón unha redución do 7,5% (-1.436.415 t) con respecto a 2022.

As causas deste descenso teñen moito máis que ver con  factores conxunturais que con avances na descarbonización.

A pesar da diminución das emisións en 2023, Galicia segue fóra dunha senda de redución das emisións compatíbel co Acordo de París (-65% en 2030 con respecto a 1990).

A metade da diminución das emisións de GEI en 2023 é atribuíbel ao sector enerxético  (-18,4%,-701.510 t), debido á recuperación da produción hidroeléctrica despois dun 2022 seco.

Trátase polo tanto dunha redución  causada polo tempo e non polo avance da transición enerxética.

A outra causa principal da baixada das emisións en 2023 foi a crise da industria metalúrxica (alúmina-aluminio, ferroaleacións), que impulsou un descenso importante das emisións da industria non enerxética (-17,5%, -502.918 t).   

O sector do transporte reduciu as súas emisións o 2,9% (-145.300 t) en 2023, o descenso interanual máis importante rexistrado desde 2013 (excluído 2020, influído pola COVID-19).

As causas principais desta baixada semellan ter sido as medidas para a promoción do transporte en tren e autobús e o fin das bonificacións aos combustíbeis para particulares aplicadas en 2022 a raíz da invasión de Ucraína. O reforzo do transporte público e a aplicación do principio “quen contamina paga” son chaves para poder consolidar e profundizar a redución das emisións neste sector.

Con todo, o transporte de persoas e de mercadorías segue a ser actividade que máis contribúe á crise climática desde Galicia, representando o 27,6% das emisións totais.

A industria enerxética fósil e o uso de produtos petrolíferos e gas natural nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…)  son  responsábeis en conxunto do 72% das emisións galegas de gases de invernadoiro. Polo tanto, o estancamento da transición enerxética é un pesado lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia

En 2023 a potencia renovábel eléctrica só medrou o 1% (incluíndo o autoconsumo solar) e o peso da electricidade no consumo de enerxía final recuou tres décimas.

1990 é o principal ano de referencia para as políticas climáticas. As emisións brutas de Galicia diminuíron o 38,3% entre 1990 e 2023, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 11,5 millóns de toneladas (-78,8%).

Para iso, foron decisivas a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e o incremento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrado a partir de 2019.

A pesar da redución en máis dun terzo das emisións totais en comparación con 1990, as emisións por habitante de Galicia (6,6 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (5,6 t) e só un pouco inferiores ás da UE (6,9 t).

Para contribuírmos á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións brutas un 65% en 2030 en relación a 1990.

Na recente actualización da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050 (EGCCE2050) a Xunta renunciou a explicitar un obxectivo para a diminución das emisións brutas en 2030.

O obxectivo de redución das emisións para 2030 asumido pola  EGCCE2050 ascende ao 75% e refírese só ás emisións netas (descontadas as absorcións de CO2, non asimilábeis a emisións). Isto implicaría seguramente un recorte das emisións brutas dun 50%.

Para lograrmos reducións ambiciosas das emisións brutas en Galicia no que resta de década é esencial duplicar á vez o grao de electrificación do consumo enerxético e a potencia eléctrica renovábel instalada, como sinalamos o OGACLI e Greenpeace no informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles.

Asemade, cómpre pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son as principais grandes emisoras de gases de invernadoiro no noso país, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2024 non se coñecerán até a primavera do próximo ano.

Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 25% do total das emisións galegas- ou o estancamento no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións reducíronse de novo en 2024, aínda que a un ritmo insuficiente.

Nota

1. Os datos para a serie anual que comeza en 1990 revísanse e actualízanse con cada nova edición do inventario estatal, polo que hai pequenos cambios nos datos previos a 2023 con respecto ás edicións anteriores do inventario.

Como é o plan climático da Xunta para esta década?

O II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Cambio Climático (PRIEC 2030) é o instrumento de aplicación para a presente década da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE2050), adoptada en 2019.

A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta publicou este ano, xunto co PRIEC 2030, un sinxelo documento para a actualización da EGCCE2050 no que eleva a súa moi escasa ambición inicial para a redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), “nun contexto de aumento da urxencia para abordar este desafío global”.

A meta da neutralidade climática (emisións netas de gases de invernadoiro igual a cero) adiántase de (antes de) 2050 a 2040, tal e como se veu defendendo reiteradamente desde o OGACLI ou desde Greenpeace (Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles).

Como sinala a propia Xunta, Galicia está “en disposición de converterse nunha das primeiras rexións climaticamente neutras de Europa”. Algo que podería acontecer xa no inicio da próxima década no caso de se acelerar a redución das emisións brutas (as emisións sen descontar as absorcións naturais de CO2).

A versión inicial da EGCCE2050 tan só pretendía recortar as emisións brutas de GEI nun 24,6% para 2030 con respecto a 1990, obxectivo que se logrou xa no mesmo ano de aprobación da estratexia en 2019, por causa do colapso do carbón na produción eléctrica. Un declive do carbón que a Xunta e outras institucións galegas tentaron atrasar aínda máis.

Despois dun período de confusión sobre un novo obxectivo de reducións das emisións de GEI para 2030, a Xunta optou na actualización da súa estratexia climática por asumir o do -75% de redución das emisións netas, sen especificar ningún obxectivo para as brutas.

En 2023 o Ministerio para a Transición Ecolóxica comezou a ofrecer datos das emisións e absorcións do sector LULUCF (siglas en inglés de “uso da terra, cambio no uso da terra e silvicultura”) desagregados por Comunidades Autónomas. Desde entón a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, que utiliza os datos do Ministerio, prefire referirse só ás emisións netas.

Supoñendo que as absorcións de CO2 se mantivesen nun nivel similar ao dos últimos 20 anos, a redución dun 75% nas emisións netas de GEI para 2030 implicaría unha diminución das emisións brutas dun 50%, sempre en relación a 1990.

Un obxectivo máis acorde cunha achega xusta de Galicia a manter o quecemento global por debaixo dos 1,5°C, meta do Acordo de París, procuraría unha redución do 65%. Que se debería acompañar de financiamento aos países empobrecidos para a mitigación e adaptación á crise climática e a compensación de perdas e danos.

 Actual (2022)EGCCE2050 inicial (2019)EGCCE2050 actualizada (2025)Meta 1,5°C
Emisións brutas-33%-24,6%Sen especificar-65%
Emisións netas-60% Sen especificar-75%-90%
Fonte dos datos sobre a situación actual: Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Que non se formulen obxectivos de redución das emisións brutas de GEI, total e por sectores, como facía a versión inicial da EGCCE2050, evidencia tanto o desinterese por se comprometer con obxectivos concretos de baixada das emisións brutas como o excesivo papel que a Xunta outorga ao sector LULUFC na mitigación climática.

Recortarmos do xeito máis profundo e rápido posíbel as emisións brutas debería ser a prioridade absoluta. A función do sector LULUFC é apenas complementaria. Sen esquecer que, máis alá da neutralidade climática, cómpre lograr canto antes emisións netas negativas.

Aínda que  o nome do PRIEC 2030, que dá continuidade ao PRIEC 2019-2022, se inspira no do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o seu contido é moito máis pobre.

O mesmo que a Axenda Enerxética de Galicia 2030, cuxos insuficientes obxectivos asume o PRIEC 2030, este carece dunha formulación de base técnica e analítica e non se basea nun exercicio de modelización e proxección enerxética e de emisións de GEI.

A Xunta nin sequera puxo ao día na breve actualización da EGCCE2050 as diagnoses en materia de emisións de GEI ou de adaptación.

Sorprendentemente afírmase que o PRIEC 2030  “destaca polo seu enfoque participativo”, a pesar de que a súa elaboración nin sequera foi obxecto de consulta pública. Tampouco o foi a actualización da EGCCE2050.

O PRIEC 2030 incorpora a reordenación e nova formulación das liñas de actuación en mitigación, adaptación, investigación e dimensión social recollidas na actualización da EGCCE2050. Porén, a falta de definición das medidas de cada liña de actuación é a mesma que a do anterior PRIEC.

As medidas descríbense moi brevemente, sen concretar os mecanismos de actuación para facelas realidade.

No que atinxe en particular ás medidas de mitigación (redución de emisións), non se definen obxectivos cuantificados e/ou estimacións de emisións evitadas ou aforros de enerxía conseguidos. Ademais, o período de execución de moitas delas non abrangue todo o período 2024-2030 senón outros inferiores.

O PRIEC 2030 semella que foi elaborado con escasa coordenación e impulso por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se limitaría a compilar e a organizar medidas preexistentes dela propia e doutras consellarías.

A transformación e uso de enerxía fósil é a causa do 73% das emisións brutas de GEI en Galicia (2022).

Aínda que a EGCCE2050 propón acertadamente “intensificar o despregue das enerxías renovables e a eliminación progresiva dos combustibles fósiles” non hai máis obxectivos asumidos que os formulados xa na Axenda Enerxética 2030 (AE2030) da Consellaría de Economía e Industria.

Non se procura para 2030 unha xeración eléctrica 100% renovábel nin se define un obxectivo para a electrificación da economía, proceso chave para a descarbonización nesta década.

Tampouco se establecen obxectivos para a redución do consumo de petróleo e de gas fósil, na procura do seu abandono antes de 2040.

 Actual (2023)PRIEC 2030/AE2030Meta 1,5°C
Renovábeis no consumo de enerxía final47,4%58%70%
Electricidade no consumo de enerxía final22,4%Sen especificar40-50%
Renovábeis na xeración eléctrica75,2%84,8%100%
Fonte dos datos para a situación actual: Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Se atendemos aos orzamentos totais asignados, as medidas máis relevantes do PRIEC 2030 no eido enerxético serían a rehabilitación enerxética e a integración de renovábeis no sector residencial, o fomento do cambio modal e da mobilidade urbana sostíbel e a promoción da eficiencia enerxética na industria.

O sector do transporte é, xunto co agrario e gandeiro, o que máis contribúe á crise climática global desde Galicia, dependendo case totalmente da enerxía fósil.

A Xunta aprobou unha Estratexia Galega de Mobilidade (EGM) mais curiosamente non se fai ningunha referencia a ela no PRIEC 2030.

O EGM tan só reduciría as emisións do sector transporte un 10% en 2030 en comparación con 2019. O PRIEC 2030 non se compromete con ningún obxectivo.

Como apuntou o OGACLI nas súas alegacións, a EGM non procura nin unha redución forte da necesidade de desprazamentos e das súas distancias, nin un cambio modal masivo cara aos modos de transporte sustentábeis, nin unha electrificación acelerada baseada en enerxías limpas. O mesmo acontece co PRIEC 2030.

A gandaría intensiva (sobre todo a de vacún)  fai que o sector agrario galego sexa un grande emisor de GEI, feito habitualmente ignorado. A redución da cabana gandeira é unha acción climática tan ineludíbel como difícil que o PRIEC 2030 non quere nin mencionar.

As medidas apuntadas para “o desenvolvemento baixo en carbono do sector gandeiro” (optimización da alimentación animal, mellor xestión do esterco,…) teñen un potencial moi limitado e alén diso só parece garantida a súa aplicación en 2024-2025.

Como acontece co transporte e co resto dos sectores, o PRIEC 2030 tampouco se compromete con ningún obxectivo de redución para o sector agrario. Trátase do sector no que medraron máis as emisións desde 1990, despois do transporte (mesmo sen incluír as emisións da maquinaria agrícola).

Os sectores agrario e pesqueiro tamén son importantes consumidores de enerxía fósil en Galicia pero nada se di no PRIEC 2030 a respecto desfosilización da maquinaría agrícola e da frota pesqueira, que compriría ir encamiñando xa nesta década.

Entre as novidades positivas do PRIEC salientamos “a creación da Oficina Galega de Cambio Climático  “como punto de referencia para a planificación, implementación e seguimento de políticas climáticas”.

Asemade, contémplase o establecemento dun Foro de Acción Climática como órgano consultivo de carácter participativo.

Por outra banda, consolídase a Rede Local polo Clima para apoiar o desenvolvemento de plans locais de acción climática.

Desde que a Consellaría de Medio Ambiente asumiu o papel de coordenadora no noso país da iniciativa europea do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía disparouse o número de concellos galegos dotados cun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES). Porén, están pendentes de avaliar aínda os seus resultados concretos, algo que non se prevé facer no PRIEC 2030.

O PRIEC 2030 céntrase nas emisións territoriais do país, obviando completamente as emisións asociadas ao consumo. Estas obtéñense sumando ás territoriais as ligadas ás importacións e descontando as vencelladas ás exportacións. A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático debería garantir a estimación e divulgación anual das emisións galegas asociadas ao consumo.

O desinterese polo cálculo da pegada de carbono é coherente coa falta de medidas en relación coa alimentación. Esta é hoxe, xunto co transporte e a vivenda, a principal causa da pegada privada de carbono.

A falta de vontade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por se dotar dunha planificación climática completa, cando menos na mesma medida en que ocorre a nivel estatal, fixo que incluíse as medidas de adaptación no PRIEC 2030. Porén, este debería centrarse na planificación enerxética e na mitigación do cambio climático.

A relevancia da adaptación fronte ás consecuencias inevitábeis da crise climática, por exemplo fronte a ameaza de vagas de lumes rurais crecentemente destrutivas, merecería un plan propio de adaptación, elaborado con participación social.

Talvez consciente desta carencia, a Xunta tenta defenderse sinalando que no PRIEC 2030 se incorporan “axustes significativos” con respecto ao PRIEC 2019-2022, que priorizan a mitigación e adaptación “na meirande parte, destacando principalmente a adaptación”.

28 das 93 medidas do PRIEC 2030 son consideradas como de adaptación aos impactos da emerxencia climática. O seu orzamento suma 207,5 millóns de euros, o 11,7% do total do PRIEC 2030.

Obxectivos PRIEC 2030-EGCCE (2025)
Liñas de actuación PRIEC 2030-EGCCE (2025)Liñas de actuación EGCCE (2019)Obxectivos EGCCE (2019)
01. ENERXÍA01. LA1 Reforzo do modelo enerxético baixo en emisións, impulsando as enerxías renovablesLA1. Implantar a cultura da eficiencia enerxética na sociedade01. REDUCIR DRASTICAMENTE AS EMISIÓNS DE GEI
01.LA2 Modernización das redes enerxéticas para o desenvolvemento da electrificación e a integración das enerxías renovablesLA2. Camiñar cara a un modelo enerxético baixo en emisións
01.LA3 Ámbito residencial eficiente enerxetciamente cun parque inmobiliario de cero emisiónsLA3. Incrementar a competitividade da industria diminuíndo a súa pegada de carbono
02. MOBILIDADE E TRANSPORTE02.LA1 Aumento das alternativas dispoñíbeis a favor dunha mobilidade sostíbelLA4 Aumentar as alternativas dispoñíbeis a favor dunha mobilidade sostíbel
02.LA2  Impulso da descarbonización do sector do transporte e loxísticaLA5 Converter o sector primario en hipocarbónico
03. INDUSTRIA, SERVIZOS E ECONOMÍA CIRCULAR03.LA1 Incremento da competitividade da industria aumentando a súa eficiencia enerxética e diminuíndo a súa pegada de carbonoLA6 Menos residuos, menos emisións
03.LA2 Impulso da economía circular: menos residuos, menos emisiónsLA7 Cuantificar as emisións/absorcións asociadas aos usos do solo02. AUMENTAR A ABSORCIÓN DE CO2 MEDIANTE UNHA XESTIÓN SOSTÍBEL DO TERRITORIO
03.LA3  Mitigación e adaptación ao cambio climático do sector servizosLA8 Mellorar a capacidade de absorción do sector forestal e fomentar os produtos madeireiros como depósitos de carbono
04. TERRITORIO04.LA1 Impulso dun modelo urbano resiliente aos efectos do cambio climáticoLA9. Infraestruturas verdes como provedoras de servizos ambientais e a protección da biodiversidade
04.LA2 Redución da vulnerabilidade do territorio e a poboación ante os riscos xerados polo cambio climático.LA10. Posta en valor doutras reservas de carbono
04.LA3 Xestión eficiente da auga e aseguramento do abastecemento a longo prazo.LA11. Consolidar unha estrutura de redes de observación como instrumento de mellora da adaptación03. DESENVOLVER E MANTER REDES DE OBSERVACIÓN E MODELOS CLIMÁTICOS ADAPTADOS A GALICIA
05. SECTOR PRIMARIO05.LA1 Conversión do sector agrario e pesqueiro en hipocarbónicoLA12. Dispoñer de modelos climáticos como ferramenta de apoio á planificación
05.LA2. Impulso do mercado galego de créditos de carbonoLA13 Fomentar unha estrutura territorial resiliente e con capacidade de adaptación ao cambio climático04. AUMENTAR A RESILIENCIA AO CAMBIO CLIMÁTICO
05.LA3 Fomento da produción integrada e ecolóxicaLA14 Promover a  conservación e o uso eficiente dos recursos naturais
O5.LA4 Consecución dun sector agrario adaptado
ao cambio climático
LA15 Reducir a vulnerabilidade do territorio ante os riscos xerados polo cambio de clima
O5.LA5 Consolidación da xestión sostible da pesca,
marisqueo e acuicultura que minimice os impactos
do cambio climático
LA16 Reducir a vulnerabilidade da poboación ante os riscos xerados polo cambio de clima
05.LA6 Mellora da capacidade de absorción do sector forestal revalorizando o seu papel como sumidoiro de carbonoLA17 Promover a  conservación e o uso eficiente dos recursos hídricos
06. MEDIO NATURAL06.LA1 Restauración da natureza e a conservación de hábitats e especiesLA18 Consolidar unha xestión sustentábel da pesca e a acuicultura05. DESENVOLVER UNHA XESTIÓN ADAPTATIVA SECTORIAL
06. LA2 Zonas costeiras e mariñas resilientes ao cambio climáticoLA19 Conseguir un sector agrícola adaptado ao cambio climático
06.LA3 Protección e restauración dos ecosistemas costeiros e mariños para garantir as reservas de carbono azulLA20 Integrar a adaptación ao cambio climático na planificación sectorial do turismo
06. LA4 Conservación dos ecosistemas fluviais e uso eficiente dos recursos hídricos.LA21 Incrementar a resiliencia climática da rede de transporte e comunicacións de Galicia
06. LA5 Aumento da resiliencia dos ecosistemas forestais ante o risco de incendios.LA22 Avanzar cara á transición do sistema enerxético galego desde a adaptación do sector
07. OBSERVACIÓN E I+D07.LA1 Reforzo do sistema de monitoreo e seguimento dos efectos do cambio climático.LA23 Optimizar a xestión forestal sustentable como ferramenta de adaptación ao cambio climático dos montes galegos
07. LA2 Modelos climáticos e oceanográficos como ferramenta de apoio á planificación.LA24 Elaborar e manter o mapa de coñecemento e capacidades de Galicia en materia de cambio climático06. AUMENTAR A CAPACIDADE DE GALICIA EN INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN EN MATERIA DE CAMBIO CLIMÁTICO
07. LA3 Reforzo do coñecemento científico en cambio climático e dos seus efectos en GaliciaLA25 Promover a investigación e innovación en materia de cambio climático
07. LA4 Impulso da I+D para a acción climática e incremento da resiliencia do territorio galegoLA26 Mellorar os sistemas de monitoreo e seguimento dos efectos do cambio climático
07. LA5 Intercambio e mellora da transferencia de coñecemento en cambio climáticoLA27 Fomentar o intercambio de coñecemento07. FOMENTAR UNHA TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO ACTIVA E EFICAZ
08. EDUCACIÓN E SENSIBILIZACIÓN08. LA1 Formación para a mellora de competencias en materia de cambio climáticoLA28 Integrar os resultados e avances da investigación na planificación sectorial e xeral
08. LA2 Sensibilización e información á cidadanía en cambio climáticoLA 29 Desenvolver actuacións de formación para adquirir capacidades e competencias08. INCIDIR NA EDUCACIÓN E CONCIENCIACIÓN SOCIAL
09. ADMINISTRACIÓN GALEGA09.LA1 Administración pública galega exemplar en materia de cambio
climático
LA 30 Fomentar a sensibilización da cidadanía
09.LA2 Xunta cero emisiónsLA 31 Apostar por unha Administración exemplar en materia de cambio climático09. GARANTIR O COMPROMISO DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA GALEGA
09.LA3 Reforzo da acción climática como política transversal no goberno da Xunta de Galicia.LA 32 Dar difusión do papel de Galicia en materia de cambio climático
10. GOBERNANZA CLIMÁTICA10. LA1Reforzo da coordinación interinstitucional para o fomento da acción climáticaLA 33 Crear unha liña de aplicación orzamentaria para a aplicación da Estratexia10. GOBERNANZA CLIMÁTICA
10. LA2 Impulso dun modelo de gobernanza público – privadaLA 34 Fomentar unha gobernanza multinivel e transversal

As emisións de GEI non se reducen polo plan climático da Xunta

As emisións brutas galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático baixaron o 10,1% en 2019-2022. Foron chaves para iso o colapso do carbón e a crise da industria metalúrxica. O plan de enerxía e clima 2019-2022 da Xunta pouco contribuíu, como se pode deducir da súa propia avaliación.

O Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023 para o desenvolvemento e implantación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, publicado este ano pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, carece dunha estimación do aforro de emisións conseguido polas medidas de mitigación (redución de emisións) executadas no primeiro PRIEC.

O informe divulgado afirma que se executaron o 81% das medidas incluídas no PRIEC 2019-2023, sen concretar a porcentaxe por áreas (mitigación, adaptación, investigación e dimensión social) nin sinalar todas as medidas executadas ou non.

Só se salientan algunhas das medidas executadas, pola contía dos investimentos realizados. No que atinxe á mitigación, as “medidas resaltables” teñen a ver co fomento do transporte colectivo, como a construción de estacións intermodais, coa mellora da capacidade de absorción de emisións do sector forestal, como as axudas para plantacións forestais e accións de silvicultura e máis coa implantación da “cultura da eficiencia enerxética”, como a rehabilitación enerxética no sector residencial.

O informe feito público si indica que o bloque de mitigación recibiu en total 741.604.154 euros do total de 1.139.148.301 investidos, correspondendo ao 60% do investimento realizado.

O total executado en accións de mitigación coincide practicamente co total orzamentado, en contraste con outros capítulos, nos que o grao de execución foi ben menor.

O informe de execución do PRIEC 2019-2023 fai unha breve análise da evolución das emisións territoriais brutas e netas de gases de invernadoiro en Galicia entre 2019 e 2022, ano máis recente con información dispoñíbel.

Porén, non é posíbel contrastar a evolución real das emisións cos obxectivos do PRIEC 2019-2023, pois este non explicitou ningún obxectivo de redución de emisións.

A EGCCE publicada en 2019 pretendía reducir as emisións brutas nun 24,6% para 2030 e nun 81,3% para 2050, sempre con respecto a 1990. Non formulou un obxectivo de redución intermedio para 2025.

Proba da escasa ambición inicial da estratexia climática galega e do tremendo impacto positivo da caída na produción eléctrica con carbón rexistrada entre 2018 e 2019 é que no mesmo ano de lanzamento da versión inicial da estratexia xa se acadou o seu obxectivo para 2030. Dez anos antes do pretendido!!!.

As emisións brutas de GEI, isto é, as emisións sen descontar as absorcións de CO2 polos bosques e plantacións forestais, baixaron o 10,1% en 2022 en comparación con 2019, inicio do período de aplicación do primeiro PRIEC. En termos absolutos, o descenso atinxiu uns 2,2 millóns de toneladas.

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O desglose por sectores principais desta baixada, que o informe de execución da Xunta indica só para 1990-2022, revela as causas fundamentais do descenso de emisións de gases causantes de cambio climático entre 2019 e 2022 e o escaso impacto do PRIEC 2019-2022 nesa redución. 

O descenso das emisións concentrouse nas industrias do sector enerxético, concretamente nas centrais térmicas de carbón, así como na industria non enerxética, sobre todo no sector metalúrxico (aluminio, ferroaleacións,…), intensivo no consumo de enerxía e tamén con importantes emisións non asociadas ao uso de enerxía.

Esta diminución obsérvase claramente por sectores e instalacións industriais nos datos relativos ao comercio europeo de emisións de CO2.

As políticas autonómicas non explican as baixadas nas emisións industriais, debidas a decisións de ámbito europeo (centrais de carbón) e a circunstancias de mercado.

A Xunta, ao igual que outras institucións do país e co apoio de partidos políticos da oposición, mesmo tentou atrasar o declive e peche das centrais de carbón galegas. Porén, agora gábase de liderar a redución das emisións de GEI entre as comunidades autónomas, xunto con outras nas que a produción eléctrica con carbón tamén dominou as emisións de GEI até o seu ocaso (Castela e León, Asturias, Aragón).

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Nos sectores nos que se aplicaron as medidas de mitigación do PRIEC 2019-2023 salientadas pola Xunta as emisións subiron ou baixaron moito menos que na industria.

Polo tanto, semella claro que o impacto do PRIEC 2019-2023 na diminución das emisións brutas de GEI en Galicia durante os últimos anos foi máis ben pequeno. A pesar diso, o discurso público da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático tenta ligar fortemente ambos os dous feitos, ocultando os factores máis decisivos no recorte das emisións rexistrado nos últimos anos.

As emisións industriais baixaron o 23,7% en 2024

Segundo os datos divulgados pola Comisión Europea, as emisións de gases causantes de cambio climático das industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,7% (-1.087.233 t) en 2024 con respecto ao ano anterior.

As emisións destas industrias ascenderon a 3,5 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005.

As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións territoriais totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético fósil (2), responsábel en conxunto do 55% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante o pasado ano.

Dentro do sector enerxético, 2024 foi o primeiro ano no que o refino de petróleo superou ás centrais térmicas en emisións.

A caída das emisións industriais de gases causantes de cambio climático suxeitas ao RCDE en 2024 foi debida case en exclusiva ás centrais térmicas (-1.325.780 t, -59,6%).

Despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, o ano pasado foi o primeiro completo en Galicia sen produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de CO2. A isto hai que unir a baixada na actividade das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil, favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica.

Polo tanto, as razóns do forte descenso relativo das emisións industriais en 2024, que se suma a outro similar en 2023, débense, por un lado, á mudanza estrutural na produción eléctrica que supuxo o peche definitivo da maior e última central galega de carbón e, por outro lado, a factores conxunturais que posibilitaron unha redución na actividade das centrais eléctricas de gas, a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.

No resto dos sectores industriais as emisións subiron ou baixaron en moita menor medida que nas centrais térmicas.

Salienta o forte ascenso das emisións da produción de aceiro e ferroaleacións (+74,2%), debido sobre todo á maior actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo). Tamén subiron de forma importante as emisións da fabricación de produtos químicos orgánicos (+37,2%) e do refino de petróleo (+9,9%).

A parálise na produción de aluminio, prolongada en 2024, é un dato fundamental para explicar a evolución das emisións industriais galegas nos últimos anos.

A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa San Cibrao (única do sector do aluminio suxeita ao RCDE) pasou de emitir un millón de toneladas de gases de invernadoiro en 2021 a arredor de 400.000 en 2023 e 2024.

Cun nivel de actividade similar ao de 2021, Alcoa San Cibrao tería provocado desde 2022 un incremento das emisións galegas en varios centenares de miles de toneladas anuais, tanto directa como indirectamente, ao requirir polo seu elevado consumo eléctrico un maior funcionamento das centrais térmicas fósiles, aínda por riba no contexto do parón eólico.

Emisións RCDE por sectores (en toneladas de CO2equivalente)

Sectores20232024Variación (t)Variación (%)
Centrais térmicas2.223.999 818.219-1.325.780-59,6%
Combustión-coxeración405.180400.910-4.270-1,1%
Refino de petróleo918.7981.009.60290.8049,9%
Produción de hidróxeno fósil186.228200.756       14.5287,8%
Aceiro e ferroaleacións167.527291.839124.312  74,2%
Aluminio398.036412.49114.4553,6%
Cemento e magnesita128.590112.334-16.256  -12,6%
Pasta de papel77.66365.528-12.135 -15,6%
Produtos químicos orgánicos72.82099.92927.109   37,2%
TOTAL4.578.8413.491.608-1.087.233-23,7%

As cinco maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente de máis do 70% das emisións industriais afectadas polo RCDE.

Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de combustíbeis fósiles. A refinaría de petróleo da Coruña encabeza a lista de grandes emisoras (3).

Cinco maiores industrias emisoras en 2024

IndustriaEmisións (en toneladas de CO2 equivalente)
Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol)1.009.602
Central de gas fósil das Pontes (Endesa)578.671
Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa)399.403
Central de gas fósil de Sabón (Naturgy)319.548
Planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Air liquide)200.756

Por primeira vez nas últimas décadas, Endesa non foi a maior empresa emisora, cedendo esa posición a Repsol.

O 17 de marzo é o Día da Depredación Enerxética

O OGACLI define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente).

A partir do Día da Depredación Enerxética, a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil, procedente maioritariamente do Sur global, os Estados Unidos de América (EUA) e Rusia.

O uso de enerxía fósil é responsábel do 72,7% das emisións territoriais galegas de gases causantes de crise climática (2022).

O informe Día da Depredación Enerxética 2025 calcula que os recursos enerxéticos galegos esgótanse hoxe 17 de marzo. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade). Tómase como ano de referencia o ano máis recente con datos, que é 2022.

Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento adóitanse acabar nalgún día de marzo, cando menos desde 2010. Polo tanto, Galicia depende de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía polo menos durante nove dos doce meses do ano.

Desde 2010 o Día da Depredación Enerxética tendeu a atrasarse, mais de xeito moi suave.

A enerxía galega renovábel só achega pouco máis do 20% de toda a usada en Galicia.

O aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis galegos tendeu ao estancamento durante os últimos anos. En 2022 incluso baixou, pola caída da enerxía procedente da auga debido á seca.

O petróleo é o recurso enerxético máis utilizado no noso país. O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, e o recurso a produtos petrolíferos importados, regresaron a niveis previos á pandemia da COVID-19.

Os Estados Unidos de América (EUA), México e Libia son os países de orixe da maioría do petróleo importado por Galicia.

Desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis empregado.

En 2022 o gas fósil mantívose no seu teito histórico de uso en Galicia, iniciado en 2020. Todo o gas fósil importouse como licuado, transportado en 28 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes de Rusia (15), Estados Unidos (9) e Nixeria (4).

Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación a outros países, a miúdo do Sur global, dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos.

Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas.

As emisións de GEI da produción eléctrica galega caeron a un mínimo histórico en 2024

A partir dos datos de produción eléctrica por fontes divulgados por Rede Eléctrica, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que a xeración eléctrica en Galicia emitiu 1,4 millóns de toneladas de gases causantes de cambio climático durante 2024, o que representa unha redución dun 50% con respecto ao ano anterior.

Son as emisións máis baixas de polo menos as últimas cinco décadas.

O abandono total do carbón e a elevada produción hidroeléctrica son as razóns principais da forte diminución en 2024 das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) da produción eléctrica.

A xeración de electricidade supón un 15-20% das emisións totais brutas de Galicia, lideradas na actualidade polo transporte e o sector agrario.

Pechada a central térmica de carbón das Pontes en outubro de 2023, 2024 foi o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón, con moita diferenza a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal GEI.

Por outro lado, a electricidade obtida a partir da auga aumentou o 20%, superando os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010, compensando  así con folgura a redución da achega das demais renovábeis. 

Ambos os dous feitos foron decisivos para que o peso das renovábeis (sen residuos orgánicos) na produción eléctrica escalase até o 83,2%.

Produción eléctrica en Galicia

 20232024
FontesMWh% totalMWh% total
Hidráulica8.371.8923510.065.72743,4
Eólica9.106.25838,18.854.52638,2
Solar fotovoltaica22.2670,122.0380,1
Biomasa e biogás355.0281,5336.0441,5
Xeración renovábel17.855.44574,719.278.33583,2
Turbinación bombeo199.0550,8203.2120,9
Ciclos combinados (gas fósil)3.759.49315,72.099.0719,1
Carbón629.2092,6-830
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.142.1524,81.256.1855,4
Residuos319.6021,3337.9601,5
Xeración non renovábel6.049.51125,33.896.34516,8
Total23.904.957 23.174.680 

Fontes: Red Data (https://www.ree.es/es) e app redOS de Rede Eléctrica. Nota: Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por Rede Eléctrica.

A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón inducido pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións, e a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.

Así, o factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 60 gr CO2eq/KWh entre 2018 e 2024. Iso significa que na nosa terra, para un mesmo consumo eléctrico efectuado en fogares, industrias ou vehículos, as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018. 

O aumento da electrificación do consumo enerxético para substituír produtos petrolíferos e gas fósil nunca foi tan vantaxosa para o clima en Galicia.

Sen embargo, a electrificación da economía galega non só non medrou nos últimos anos senón que baixou. A electricidade pasou de representar o 26% do consumo enerxético galego en 2018 ao 22,7% en 2022, ano máis recente con datos. Un dato tan preocupante para a acción climática como o escaso crecemento da potencia eléctrica renovábel, que tan só medrou en 578 MW desde 2018 (+8,1%), segundo Rede Eléctrica (non inclúe autoconsumo solar).

O bo dato sobre as emisións do sector eléctrico en 2024 non pode ocultar o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovábel. 

As emisións totais brutas de gases de invernadoiro en Galicia son hoxe (2022) un 33% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao declive do carbón, mais en 2030 deberían ser xa un 65% menores, para estarmos en liña co Acordo de París. Para iso, é fundamental descarbonizar totalmente a produción eléctrica e duplicar a electrificación da economía antes de 2030.

A desfosilización da produción eléctrica galega estáncase (2023)

Aumentan as emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica galega (2022)