O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2024)”, baseado nos datos extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
As emisións brutas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 16.593.043 toneladas en 2024, o que supón unha redución do 5,4% (-948.524 t) con respecto a 2023.
A pesar da diminución das emisións en 2024, Galicia desvíase dunha senda de redución compatíbel co Acordo de París.
O sector eléctrico foi a causa do recorte das emisións en 2024
O descenso das emisións territoriais galegas de GEI en 2024 é atribuíbel en exclusiva ao sector eléctrico, cuxas emisións reducíronse en máis da metade (-54,5%).
As causas foron o fin da produción eléctrica con carbón -despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023-, e un ano moi bo para a produción hidroeléctrica. Esta superou os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010.
O declive final da produción eléctrica con carbón, moi intensiva en emisións, ten sido o motor principal da caída do 42,7% das emisións galegas desde 2018.
Nun contexto de estancamento da capacidade de produción renovábel, o peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes foi o único avance importante na transición enerxética durante os últimos anos. Mais os enormes réditos para a loita climática na nosa terra do abandono do carbón esgotáronse en 2024.
As emisións creceron na maioría de sectores durante 2024
En 2024 medraron as emisións na maioría dos sectores, o que evidencia as insuficiencias das políticas públicas para a mitigación da crise climática.
O incremento máis elevado en termos absolutos tivo lugar no transporte, anulándose a redución rexistrada en 2023. O transporte de persoas e mercadorías lidera as emisións de gases de invernadoiro en Galicia, representando 30,3% das totais.
Como no caso do transporte, tamén creceron arredor do 3% as emisións da industria e do sector conformado polo uso de combustíbeis fósiles en edificios e sector primario.
Na orixe do 68% das emisións está a enerxía fósil
O sector enerxético fósil (refinaría, centrais eléctricas de gas fósil) e o uso de produtos petrolíferos e de gas fósil nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…) foron responsábeis en conxunto do 67,6% das emisións galegas de gases de invernadoiro durante 2024.
A transición enerxética, nas súas dimensións de crecemento renovábel, electrificación do consumo e fin da industria enerxética fósil, é a principal acción climática. Neste sentido, 2024 volveu ser un ano pésimo para a transición enerxética en Galicia.
A capacidade de produción eléctrica renovábel só aumentou o 1% e o peso da electricidade no consumo de enerxía final non só non medrou senón que baixou ao 22%, a cifra máis baixa desde 2006.
Descenso do 42,2% con respecto a 1990
Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións brutas diminuíron o 42,2%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 12,8 millóns de toneladas (-87,4%).
Para a caída das emisións do sector enerxético en relación a 1990 foi decisiva a substitución progresiva da electricidade xerada nas centrais de carbón, impulsada polo desenvolvemento renovábel e o mercado europeo de emisións.
A pesar do anterior, as emisións por habitante de Galicia (6,1 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (5,5 t) aínda que inferiores ás da UE (6,7 t).
Para contribuírmos nunha medida xusta á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións brutas un 65% en 2030 en relación a 1990.
A falta de progresos na transición enerxética ameaza futuras reducións
Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2025 non se coñecerán até o próximo ano.
Porén, considerando indicadores como o aumento do 3% das emisións industriais cobertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 20% do total das emisións- ou o crecemento do 1,5% no consumo de produtos petrolíferos, pódese avanzar que as emisións de gases de invernadoiro non baixaron en Galicia durante o ano pasado.
Para lograrmos reducións ambiciosas das emisións no que resta de década é esencial acelerar moito a electrificación do consumo enerxético e o crecemento da potencia renovábel e planificar o pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son hoxe as principais fábricas galegas de cambio climático, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.