As emisións de contaminantes atmosféricos crecen en 2024

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2024)”, que complementa o informe do OGACLI para o mesmo período temporal centrado nas emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Os dous informes baseanse nos datos máis recentes para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

As emisións de gases acidificantes medraron o 1,2%, as de gases precursores do ozono o 6,5% e as de partículas finas (PM2,5) o 19,7%.

A industria, o transporte e a maquinaria móbil e os lumes rurais foron os principais impulsores do aumento das emisións rexistrado entre 2023 e 2024.

Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións contaminantes á atmosfera en Galicia.

Porén, esta redución aínda é insuficiente para acadar unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS), como poñen de manifesto os datos de inmisión de contaminantes obtidos nas estacións de medición da calidade do aire.

As emisións de gases acidificantes diminuíron en 2024 nun 83,4% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 51,9%, sempre en comparación con 1990. As de partículas finas (PM2,5) baixaron o 57,5% en relación a 2000.

Convén suliñar que a redución das emisións de contaminantes atmosféricos prexudiciais para a calidade do aire foi en xeral superior á das emisións brutas de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático, que se reduciron o 42,2% entre 1990 e 2024.

As causas principais da diminución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón mentres estiveron en funcionamento.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é a maior fonte no noso país de emisións á atmosfera.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2024 a principal fonte de gases acidificantes (67,1% das emisión totais)

O transporte liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (38,9%) e de gases causantes de cambio climático (30,5%) (no primeiro caso xunto coa maquinaria móbil)

No tocante ás partículas finas (PM2,5), a queima non industrial (principalmente doméstica) de combustíbeis fósiles e biomasa é a maior fonte (34,2%),

Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera.

Resulta fundamental acelerar o desenvolvemento renovábel e a electrificación do consumo enerxético, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar máis o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios rurais.

Deixar un comentario