As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% desde 1990

As emisións bioxénicas de dióxido de carbono (CO₂) proceden do uso enerxético de residuos orgánicos, biocarburantes e biomasa (leñas, pellets, restos de talas,…). Diferéncianse das emisións de CO₂ orixinadas na combustión de petróleo, gas natural e carbón en que o carbono emitido foi previamente captado da atmosfera pola vexetación, mais son igualmente prexudiciais para o clima.

As emisións bioxénicas de CO₂ non se suman ao resto de emisións de gases de efecto invernadoiro, aínda que si se calculan durante a elaboración dos inventarios oficiais.

Por primeira vez, este ano disponse de estimacións das emisións bioxénicas de CO₂ para Galicia, ao presentar o máis recente inventario de contaminantes atmosféricos do Ministerio para a Transición Ecolóxica datos desagregados por comunidades autónomas.

Estes datos foron resumidos polo Observatorio Galego para a Acción Climática (OGACLI) no informe “As emisións bioxénicas de CO₂ en Galicia (1990-2024)”.

As emisións bioxénicas de CO₂ ascenderon a 3,3 millóns de toneladas durante 2024. Trátase dunha cifra elevada que supera amplamente, por exemplo, a suma das emisións de gases de efecto invernadoiro orixinadas polo consumo de enerxía fósil en fogares, comercios, institucións e sector primario (2,4 millóns).

Se se computasen as emisións bioxénicas de CO₂, as emisións brutas (sen descontar absorcións) de gases de invernadoiro en Galicia serían un 20% superiores ás contabilizadas oficialmente en 2024.

As emisións de CO₂ bioxénico medraron un 64% con respecto a 1990, o principal ano de referencia para as políticas climáticas. Pola contra, o resto das emisións baixaron un 42%, por causa sobre todo do abandono do carbón na produción eléctrica.

A industria (principalmente a madeireira e a celulosa ENCE) e os fogares (maiormente rurais) achegan conxuntamente uns dous terzos das emisións actuais de CO₂ bioxénico.

Na industria as emisións proceden da combustión de astelas, codias de árbores ou subprodutos da fabricación de pasta de papel e nos fogares da queima de leñas e pellets.

Mentres que as emisións domésticas diminuíron un 40% con respecto a 1990, as da industria máis que se duplicaron.

Outras fontes importantes de CO2 bioxénico en Galicia son a central eléctrica de biomasa forestal de Greenalia en Curtis, o uso no transporte de biocarburantes puros ou mesturados co gasóleo e a gasolina e a incineradora de residuos urbanos de SOGAMA en Cerceda.

As emisións de CO₂ bioxénico non se consideran nos obxectivos gobernamentais de redución de emisións de gases causantes de cambio climático mais é importante minimizalas todo o posíbel para acelerar a mitigación da crise climática e, de paso, mellorar a calidade do aire. As emisións de CO2 bioxénico sempre van acompañadas de partículas e doutros contaminantes tóxicos.

As vías para reducir as emisións bioxénicas de CO2 son, xunto co aforro de enerxía e a redución do desperdicio alimentario, un maior desenvolvemento das enerxías renovábeis non contaminantes (eólica, solar, aerotermia,…) en detrimento da biomasa; o impulso da electrificación do consumo enerxético en fogares, industria e transporte; e a recolla separada e compostaxe dos residuos orgánicos urbanos, en lugar da súa incineración para a produción de electricidade.

Deixar unha resposta