A pesca de arrastre libera grandes cantidades de CO2 á atmosfera

A pesca de arrastre de fondo, ao remover os fondos mariños, non só dana a súa biodiversidade. Tamén agrava a crise climática, resuspendendo sedimentos con carbono orgánico acumulado e liberándoo á atmosfera como dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro.

Un artigo científico publicado en 2024, “Atmospheric CO₂ emissions and ocean acidification from bottom-trawling”, estimou que estas emisións poderían duplicar anualmente as asociadas á queima do petróleo usado por toda a frota pesqueira mundial.

A pesca de arrastre de fondo, cun significativo peso socioeconómico e político en Galicia, utiliza artes pesadas que se desprazan polo fondo mariño, removendo e resuspendendo sedimentos que poden conter carbono orgánico acumulado durante milleiros de anos. Este proceso pode expoñer ese carbono á degradación microbiana e transformalo en CO₂ disolto.

A pesca de arrastre de fondo, alén de ser destrutiva para a biodiversidade, tamén é prexudicial para o clima.

Un 55-60 % do CO₂ producido pola alteración dos sedimentos debido ao arrastre acabaría sendo liberado á atmosfera, principalmente durante os primeiros 7-9 anos posteriores á actividade pesqueira. O restante ficaría disolvido na auga, contribuíndo á súa acidificación.

Entre 1996 e 2020, estímanse unhas emisións acumuladas de 8.500-9.200 millóns de toneladas de CO2, equivalentes a un incremento de aproximadamente 0,97-1,14 ppm na concentración atmosférica de CO₂.

As emisións anuais estimadas, de 340-370 millóns de toneladas de CO₂, representa o dobre das emisións anuais debidas á queima de combustíbeis de toda a frota pesqueira mundial. Pero mentres estas últimas inclúense nos inventarios oficiais, as derivadas da remoción dos fondos, sobre as que cómpre máis investigación, non se consideran.

Convén lembrar ademais que a frota de arrastre de fondo está entre os tipos de frota máis intensivos en consumo enerxético.

Polo tanto, se consideramos as emisións por queima de combustíbel e por remoción de fondos, a pegada climática do arrastre de fondo, variábel segundo as pesqueiras, é, por termo medio, ben superior á doutros métodos de pesca.

Como se pode apreciar nos seguintes mapas, augas situadas fronte a Galicia figuran entre as zonas con maiores emisións de CO2 debidas á acción sobre os fondos mariños da pesca de arrastre. Non sorprende se temos en conta a intensa actividade da frota de arrastre de fondo nelas.

Hai que considerar tamén que barcos de arrastre de capital galego contribúen ás emisións de CO2 en augas doutros países.

A investigación científica está a apuntar que reducir ou eliminar a pesca de arrastre de fondo, ademais de contribuír á conservación da biodiversidade, podería ser unha medida máis ou menos relevante de mitigación climática.

Os autores do devandito artigo defenden que as políticas climáticas deberían considerar non só as emisións directas á atmosfera, senón tamén os cambios no carbono almacenado nos oceanos e os seus efectos sobre a acidificación mariña.

Deixar un comentario