As emisións netas de gases de invernadoiro reducíronse o 9,8% en 2024

Segundo o máis recente inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica, as emisións netas galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 7.015.159 toneladas en 2024, o que supón unha redución do 9,8% con respecto ao ano anterior

Esta baixada foi debida á redución das emisións brutas nun 5,4%, pois as absorcións pola vexetación e os solos diminuíron o 1,9%. 

O fin da produción eléctrica con carbón -despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023-, e un ano moi bo para a produción hidroeléctrica impulsaron a diminución das emisións brutas en 2024.

Contrariamente ao acontecido no sector eléctrico, as emisións medraron na maioría dos demais sectores, nomeadamente no transporte, grande consumidor de produtos petrolíferos. O transporte lidera as emisións ao ser responsábel do 30,3% das emisións brutas totais.

As absorcións de gases de invernadoiro, debidas case exclusivamente aos bosques e ás plantacións forestais, ascenderon a 9,6 millóns de toneladas en 2024, observándose unha tendencia ao seu descenso desde 2018.

Cómpre salientar que a estimación das absorcións é máis incerta que a das emisións brutas, polo que pode variar significativamente de ano a ano. Así, entre a serie 1990-2023 do inventario estatal e a máis recente para 1990-2024 as absorcións calculadas para Galicia medraron un 10-20% segundo os anos.

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións netas diminuíron o 68,5%. As razóns foron a redución nun 42,7% das emisións brutas e o aumento das absorcións nun 48,1%.

O descenso nas emisións brutas foi debido moi principalmente á substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón, favorecida polo desenvolvemento renovábel e o mercado europeo de emisións. O incremento das absorcións concentrouse nas terras arborizadas, cuxa superficie medrou fortemente.  

A diminución das emisións netas foi moi desigual por provincias.

Os maiores recortes tiveron lugar na Coruña (-74%) e en Ourense (-141,6%), que atinxiu de forma estábel a neutralidade climática e entrou en emisións negativas a partir de 2006. As reducións foron inferiores á media galega en Lugo (-51,6%) e, sobre todo, en Pontevedra (-29,8%).

Aumento das absorcións e redución das emisións non son equivalentes, dado o carácter incerto e reversíbel das primeiras fronte ás segundas.

Así, mentres a redución das emisións en Galicia polo peche das centrais de carbón é estrutural e permanente, ademais de ben coñecida, as absorcións por plantacións forestais de piñeiros ou eucaliptos son incertas e facilmente reversíbeis, por exemplo por causa  dos incendios agravados pola crise climática.

As emisións dos incendios en Galicia durante 2025, estimadas por Copernicus, en 9,6 millóns de toneladas equivalen a un ano de absorcións. Estas emisións, como o resto das bioxénicas de CO2, non se contabilizan nos inventarios oficiais.

A pesar do anterior, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a partir da publicación do inventario estatal de emisións de 2022, que incluíu por primeira vez datos sobre as absorcións desagregados por comunidades autónomas, só se refire ás emisións netas e nunca ás brutas.

A pouco definida política climática autonómica deixou de ter un obxectivo específico de redución para as emisións brutas. Tampouco existe unha meta propia para as absorcións.

O obxectivo da Lei do Clima de Galicia de reducir nun 75% as emisións netas de gases de invernadoiro en 2030 con respecto a 1990 semella hoxe en perigo.

O estancamento do crecemento renovábel e da electrificación do consumo enerxético, a falta  acción climática no sector agrario e a tendencia á diminución das absorcións ameazan a redución das emisións netas nos próximos anos.   

Deixar un comentario