Galicia afianza a súa enorme dependencia do petróleo e o gas fósil

Greenpeace e mailo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) veñen de facer unha análise do último Balance enerxético de Galicia (2024) dispoñíbel, que acaba de facer público o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

O balance enerxético, a máis completa radiografía anual da produción e consumo de enerxía (non só da electricidade), confirma a mala situación da transición enerxética no noso país.

De non ser polo peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, Galicia apenas tería avanzado na redución do uso de enerxía fósil durante os últimos anos.

O abandono progresivo dos combustíbeis fósiles é un imperativo cada vez máis urxente para mitigar a crise climática, reducir a contaminación tóxica, asegurar a autonomía enerxética e garantir a prosperidade socioeconómica. 

Segundo o INEGA, a porcentaxe de orixe renovábel dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor, con destino ao consumo interno e á exportación, non superou o 25% en 2024.

Un ano máis confírmase que en Galicia non existe ningún excedente de enerxía renovábel, senón unha enorme dependencia do petróleo e gas fósil importados. 

Debido aos escasos avances no aproveitamento dos recursos renovábeis propios (ver renovábeis eléctricas e térmicas) e ao mantemento en niveis altos da actividade da refinaría de petróleo da Coruña e da regasificadora de Mugardos (ver industria enerxética fósil), o peso das renovábeis no uso dos recursos enerxéticos en Galicia non chegaría nin tan sequera ao 25% de non ser polo abandono total do carbón en 2024.

Comparando 2024 con 2018, o ano previo ao comezo do declive do carbón, a achega dos recursos enerxéticos renovábeis apenas variou. A tendencia foi a un aumento no uso do gas fósil e un descenso similar no uso de petróleo.

O abandono do carbón non foi acompañado dunha redución no uso dos demais combustíbeis fósiles.

O consumo directo de produtos petrolíferos e de gas fósil supuxo o 61% do consumo galego de enerxía final en 2024. A electricidade e as renovábeis non eléctricas (biomasa, aerotermia, biocarburantes, etc.) achegaron, respectivamente, o 22% e o 14%.

O transporte mudou nos últimos anos no sector líder en Galicia en demanda enerxética e en emisións de gases causantes de cambio climático. Cómpre reforzar o impulso ao transporte colectivo, á transferencia de mercadorías desde a estrada ao tren e á electrificación.

Paralelamente as exportacións enerxéticas medraron, pero non están dominadas pola electricidade, senón polos combustíbeis fósiles da refinaría da Coruña e da regasificadora de Mugardos. Produtos petrolíferos e gas fósil representaron en 2024 o 73% da enerxía exportada, fronte ao 21% de electricidade e o 6% de biocarburantes.

Pola refinaría da Coruña pasa máis da metade da enerxía primaria procesada en Galicia. Foto: Xacobe Meléndrez Fassbender.

Na realidade, Galicia exporta a electricidade que non está a usar, perdendo a oportunidade de empregala en desfosilizar o seu consumo enerxético co aumento da electrificación. Aínda así, necesitaría producir moita máis para o abandono do petróleo e do gas fósil. 

O fin da produción eléctrica con carbón posibilitou que a porcentaxe da xeración renovábel sobre a total da electricidade saltase do 55 ao 82% entre 2018 e 2025. Aconteceu a pesares do cativo incremento da potencia renovábel eléctrica, especialmente nos últimos cinco anos, período no que tan só medrou o 4%.

O principal impulso renovábel, nun contexto de parón eólico, veu do aumento do autoconsumo solar fotovoltaico, que tende a debilitarse despois do pico atinxido en 2022.

Un dato positivo é o importante incremento na instalación de bombas de calor rexistrado en 2024, ano no que por primeira vez as bombas de calor superaron a biomasa en nova potencia renovábel térmica instalada. Con todo, produtos petrolíferos e gas fósil seguen a ser de lonxe a principal fonte de calor en Galicia.

A cota de renovábeis no consumo enerxético final, un indicador usado na política enerxética europea que ten tamén en conta datos de anos anteriores, acadou o 48% en 2024. Nos dous últimos anos estancouse, tendencia que de se manter comprometería o logro do obxectivo do 58% para 2030 establecido na Axenda enerxética da Xunta, un obxectivo pouco ambicioso.

Máis preocupante aínda é o panorama no eido da electrificación do consumo enerxético, crucial para avanzarmos na descarbonización.

O peso da electricidade no consumo galego de enerxía final baixou nos últimos tres anos até o 22%, a cifra máis baixa desde polo menos 2006. Estamos moi lonxe do obxectivo do 35% para 2030 establecido polo Plan estatal de enerxía e clima. A Xunta carece dunha meta propia.

En decembro de 2023 Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles.

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

  1. Reducir as emisións brutas de gases de invernadoiro  desde o -38,3% (2023) ao -65% para 2030 respecto a 1990
  2. Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  3. Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  4. Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  5. Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  6. Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  7. Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  8. Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  9. Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  10. Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040

Deixar un comentario