Un proxecto para a planificación municipal da mitigación climática

ARCA (Aproximación de Responsabilidades Climáticas Apropiadas) é un proxecto de investigación das universidades de Vigo e A Coruña que ofrece aos concellos metodoloxías e ferramentas para determinaren de forma transparente a responsabilidade que asumen fronte ao desafío climático. O seu enfoque baseáse en orzamentos de carbono e na xustiza climática global.

A denominada Responsabilidade Climática Apropiada (RCA) calcúlase tendo en conta que límite de quecemento global se quere contribuír a non superar (+1,5ºC, +1,7ºC, +2ºC) e o ano base desde o que se comezan a contabilizar as emisións diferenciadas por países (1850, 1990, 2000, 2015, 2025).

Iniciar a contabilización en 2025 beneficia a países desenvolvidos como Galicia, pois non se ten en conta a nosa maior contribución histórica á crise climática, que se disparou a partir da década de 1980.

Canto máis baixo o límite de quecemento e máis afastado o ano base, máis reducido sería o orzamento de carbono autoatribuído e máis esixente a senda de redución das emisións de gases de invernadoiro asumida a escala municipal.

Para 10 das 15 combinacións de límite de temperatura e ano base consideradas por ARCA obtense un presuposto negativo de até 22.137 millóns de toneladas de CO2eq. Isto indica a grande dimensión da débeda climática contraída co Sur global nos escenarios máis esixentes de mitigación e xustiza climática.

Por “cuestións operativas”, o proxecto propón unha das combinacións con menor carga de responsabilidade (+1,7ºC, 2025), que outorga a España un orzamento de 1.477 millóns de toneladas de emisións netas. Mesmo así, o ano obxectivo para a neutralidade climática (emisións netas cero) estaría xa próximo e sería ben anterior ás metas oficiais para Galicia (2040) ou España e a UE (2050). Este último, segundo o proxecto ARCA, “non parece estar baseado nun método claro de xustiza ambiental ou polo menos non se revela”.

ARCA permítenos pór en números, desglosados a escala municipal, o enorme desafío que supón a día de hoxe, despois de tanta procrastinación e insolidariedade, contribuírmos a cumprir desde os países enriquecidos as metas do Acordo de París (1,5-2ºC) cun certo sentido, aínda que for limitado, de xustiza climática global.

Sirva de exemplo o que representaría  para  Vigo, o municipio máis poboado do noso país,  asumir a combinación proposta polo proxecto ARCA (+1,7ºC, 2025). Ao ritmo actual, o seu orzamento de carbono daría para pouco máis de tres anos. A senda de redución a que obrigaría sería moi desafiante, mesmo tendo en conta que o orzamento de carbono vén expresado en emisións brutas, polo que non incorpora as absorcións naturais de CO2, incertas e reversíbeis.

Senda de redución das emisións de gases de invernadoiro asociadas ao consumo en Vigo (1,7ºC, 2025).

Como xa se apuntou,  ARCA non considera as emisións territoriais, as liberadas dentro do territorio do municipio, caso das recollidas nos inventarios estatais oficiais de emisións (e que son as divulgadas polo OGACLI).

O que se ten en conta son  as emisións producidas polo consumo dos fogares, de administracións e de Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares (ISFLSF), sen importar onde se liberan. As emisións estímanse polo tanto mediante o enfoque do consumo.

ARCA contabiliza as emisións asociadas ao consumo para cada municipio español. Trátase dun cálculo aproximado que debería ser precisado por estudos máis específicos, pero sérvenos para comparar municipios e facernos una idea orientativa da contía da pegada de carbono.

ARCA estimou tamén a composición da pegada de carbono para cada municipio. Por exemplo, no caso da Coruña, o segundo concello con máis poboación do país, a pegada de carbono dos fogares ascende a 2,15 millóns de toneladas. Como é habitual, a categoría de alimentación é a de maior impacto climático, seguida por vivenda e transporte.

Composición da pegada de carbono no municipio da Coruña (2024) segundo o proxecto ARCA.

A suma da  pegada de carbono de todos os municipios galegos ascendería a uns 28 millóns de toneladas (2024). Trátase dunha cifra orientativa e que non pode ser comparada con datos oficiais. Non hai unha estatística sobre as emisións de gases de invernadoiro asociadas ao consumo en Galicia, nin da Xunta nin do Goberno estatal.

En calquera caso, semella claro que a pegada de carbono de Galicia é ben superior ás emisións territoriais estimadas a partir dos datos desagregados por comunidades autónomas do inventario estatal de emisións, única fonte dispoñíbel.

O Proxecto ARCA orienta os concellos na determinación e consecución das súas metas de neutralidade climática. Esta acádase cando as emisións brutas igualan as absorcións naturais, logrando emisións netas cero. Esta non sería, con todo, a meta final da mitigación climática, pois cómpre tamén atinxir emisións netas negativas.

Na sección da web do proxecto “Qué puede hacer un municipio” reúnense máis de 100 de accións potenciais de mitigación e máis de 100 casos reais que poden inspirar a acción climática local.

Asemade, pódese consultar nun mapa e nunha táboa cantos concellos españois asumiron algún compromiso de neutralidade climática que fixe un ano obxectivo.

Sete municipios galegos pretenden acadar a neutralidade climática en 2032 seguindo a metodoloxía ARCA. Son A Bola, Allariz, Carballo, Neda, Parada de Sil, Vilamaior e Xinzo da Limia. Será interesante comprobar a súa evolución nos próximos anos e se actualizan e precisan o cálculo das súas pegadas de carbono.

Deixar un comentario