Segundo vén de difundir a Comisión Europea, as emisións de gases causantes de cambio climático das industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron o 3% en 2025 con respecto ao ano anterior, ascendendo a 3,6 millóns de toneladas.
As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 25% das emisións territoriais totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia.
O sector enerxético fósil (refinaría e centrais eléctricas de gas) foi responsábel en 2025 do 59% das emisións industriais suxeitas no noso país ao comercio de emisións durante o pasado ano.
Medran as emisións da produción eléctrica e de aluminio
A produción eléctrica e a de aluminio foron as principais responsábeis do aumento das emisións industriais galegas en 2025.
O estancamento na instalación de nova potencia renovábel e a operación en modo reforzado do sistema eléctrico peninsular despois do apagamento de abril propiciaron un aumento do 20,5% nas emisións das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes.
As emisións da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao multiplicáronse por oito en relación a 2024, ano no que rexistraron un mínimo histórico. Foi a consecuencia da recuperación parcial da súa actividade, despois dun parón.
Aínda que en menor medida, tamén medraron as emisións do refino de petróleo (+1,9%) e da produción de hidróxeno fósil (+6,2%), síntomas da debilidade da transición enerxética.
Nin se observa unha tendencia ao descenso da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, a maior industria enerxética galega, nin existe un horizonte claro para a fabricación de hidróxeno verde a partir de electricidade limpa, capaz de substituír o hidróxeno fósil.
O maior descenso das emisións rexistrouse na fabricación de produtos químicos orgánicos (-85,3%) por causa da caída das emisións de Forestal del Atlántico. Tamén baixaron as emisións no sector da produción de aceiro e ferroaleacións (-24,5%).
EMISIÓNS RCDE POR SECTORES
| SECTOR | 2024 | 2025 | CAMBIO (t) | CAMBIO (%) |
| Centrais térmicas | 818.219 | 1.082.108 | 183.889 | 20,5 |
| Combustión-coxeración | 401.348 | 375.941 | -25.407 | -6,3 |
| Refino de petróleo | 1.009.644 | 1.028.556 | 18.912 | 1,9 |
| Produción de hidróxeno fósil | 200.756 | 213.220 | 12.464 | 6,2 |
| Aceiro e ferroaleacións | 291.839 | 220.344 | -71.495 | -24,5 |
| Aluminio | 412.491 | 492.407 | 79.916 | 19,4 |
| Cemento e magnesita | 112.334 | 99.306 | -13.028 | -11,6 |
| Pasta de papel | 65.528 | 69.150 | 3.622 | 5,5 |
| Produtos químicos orgánicos | 99.929 | 14.729 | -85.200 | -85,3 |
| TOTAL | 3.492.088 | 3.595.761 | 103.673 | 3 |
Terá sido 2025 un punto de inflexión?
Despois da caída do 77,5% nas emisións industriais entre 2018 e 2024, debida sobre todo ao declive e fin das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes, 2025 podería ter sido un punto de inflexión.
No caso de se consolidar a recuperación da actividade da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao e de se manter o estancamento da transición enerxética as emisións industriais tenderán a subir nos próximos anos.
Refinaría e centrais de gas lideran as emisións
As cinco maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente dun 75% das emisións industriais afectadas polo RCDE. Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de enerxía fósil.
A refinaría de petróleo da Coruña encabeza un ano máis a lista de grandes emisoras, convertendo a Repsol na empresa líder en Galicia das emisións causantes de cambio climático.