O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2024)”, coincidindo co tramo final do cumio climático anual (COP 31).
Este informe, baseado no máis recente inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, complementa outro informe do OGACLI sobre as emisións de GEI no conxunto de Galicia.
A Coruña lidera as emisións mais tamén as reducións
A provincia da Coruña concentra o 47,4% das emisións brutas de gases causantes de cambio climático en Galicia. Isto non se explica só polo seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén por acoller as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes.
Despois da Coruña, é Lugo a maior provincia emisora, co 22,4% das emisións brutas, polo que un 70% das emisións territoriais galegas orixínanse no norte do país.
As emisións de gases de invernadoiro de Galicia reducíronse o 42,2% en 2024 con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada das emisións galegas sustentouse na diminución nun 60% das emisións na provincia da Coruña, debida sobre todo á substitución do carbón na produción eléctrica.
En Ourense e Pontevedra aumentaron as emisións con respecto a 1990
Lugo tamén reduciu as súas emisións, aínda que só o 17,4%, pola caída da actividade e a mellora do control das emisións de perfluorocarbonos na fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa.
Nas provincias do sur as emisións de GEI creceron, o 5,6% en Ourense e o 9,9% en Pontevedra, a provincia con peor desempeño climático.
O transporte é o único sector no que medraron as emisións nas catro provincias
O transporte de persoas e mercadorías é o único sector onde subiron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2024, o que case aconteceu tamén no caso das emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría, onde só en Ourense diminuíron.
As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial/institucional, residencial e primario medraron en todas as provincias, agás en Pontevedra, debido á menor achega do sector primario. Canto ás emisións industriais e do tratamento de residuos descenderon de forma xeralizada.
O transporte lidera as emisións en todas as provincias galegas, agás en Lugo, onde o sector agrario e gandeiro é o maior emisor.
As emisións coruñesas baixaron o 11,4% en 2024 en comparación con 2023.
Entre 2023 e 2024 as emisións de GEI de Galicia baixaron o 5,4%. A provincia da Coruña impulsou este descenso interanual, ao descenderen as súas emisións o 11,4%. A causa principal foi a diminución das emisións do sector enerxético, ao ter pechado a central de carbón das Pontes en 2023.
No resto das provincias as emisións creceron lixeiramente (Ourense e Lugo) ou apenas baixaron (Pontevedra).
Grandes desigualdades nas emisións per cápita
Existen grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita. As máis elevadas son as de Lugo (11,4 t/hab), moi superiores á media galega (6,1 t/hab), o que se explica polas súas producións gandeira e de alúmina e aluminio.
No extremo contrario colócase Pontevedra, con só 3,8 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.
Prioridades na acción climática
A descarbonización do transporte, mediante a restricción do uso do vehículo privado, a mellora da oferta do tren e o autobús e a electrificación baseada en electricidade limpa, é a acción climática máis prioritaria común ás catro provincias galegas.
Na Coruña salienta tamén a necesidade de acelerar o fin do sector enerxético fósil, mentres que na provincia de Lugo cobra especial relevancia o impulso da transición agroecolóxica.