Aprobada a Lei do Clima de Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a Lei do Clima de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. No debate final da lei no pleno do Parlamento repetíronse os argumentos expostos no debate inicial de totalidade celebrado en outubro pasado.

BNG e PSdG-PSOE queixáronse da pouca receptividade da Xunta ás súas emendas parciais.

Entre as mudanzas do proxecto de lei incorporadas durante a tramitación parlamentaria só salientan un artigo sobre a introdución da perspectiva de xénero e unha disposición que obriga ao Goberno galego a presentar unha proposta de rede de refuxios climáticos.

O texto final da lei pode consultarse aquí.

Sobre o debate inicial de totalidade, as emendas parciais presentadas polos grupos parlamentarios e as suxestións do OGACLI ao proxecto de lei ofrecimos información na seguinte noticia.

A Lei do Clima de Galicia apenas define obxectivos de emisións e enerxéticos e contén moitos artigos baleiros de contido. É o caso dos relativos á integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (enerxética, mobilidade, agraria,…).

Algúns dos instrumentos recollidos na lei xa foron creados, como os minimalistas plans galegos de acción climática.

A creación da Oficina Galega de Cambio Climático e a regulación da contratación pública verde son os únicos novos instrumentos que merecen destaque positivo.

As carencias en ferramentas chave como a planificación enerxética, a transición xusta, a fiscalidade verde, a participación cidadá ou a educación ambiental son notábeis. Restan credibilidade ás metas e obxectivos da nova lei.

Na seguinte táboa compárase o tratamento dalgúns aspectos destacados entre o anteproxecto de lei sometido a unha consulta pública na que participou o OGACLI, o proxecto de lei que entrou no Parlamento e a lei finalmente aprobada.

TEMAANTEPROXECTO (2023)PROXECTO DE LEI (2025)LEI APROBADA
(2026)
Neutralidade climática (emisións netas cero)Horizonte do 2050Horizonte do 2040Horizonte do 2040
Obxectivos de emisións Ningún-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
-75% de emisións netas para 2030 con respecto a 1990
Sen obxectivos para emisións brutas e por sectores
Obxectivos enerxéticos Ningún. Sen horizonte para o abandono da enerxía fósilNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósilesNingún. Sen referencias aos combustíbeis fósiles
Planificación climáticaAlén de incluír instrumentos xa operativos (comisión interdepartamental, plans de acción climática,…), crea os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización da Xunta e de Concellos de máis de 20.000 habitantesElimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas Elimina os orzamentos de carbono e os programas de descarbonización. Crea a Oficina Galega de Cambio Climático, a semellanza da estatal e das doutras comunidades autónomas
Planificación enerxética e outras políticas sectoriaisAlgúns criterios para orientar a integración climáticaSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio ClimáticoSimple declaración sobre a integración climática. Elimina a palabra enerxía da denominación da Estratexia Galega de Cambio Climático
Xustiza climáticaDefinición incompleta. Non crea a figura da Estratexia de Transición Xusta. Ignora a dimensión climática da acción exteriorAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climáticaAusente entre os principios. Non inclúe o instrumento da Estratexia de Transición Xusta. Establece os Fondos para a Transición, financiados co Fondo Social para o Clima Europeo. A acción exterior non se considera unha área estratéxica da acción climática
Instrumentos económicosSen referencias á fiscalidade verdeArtigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono. Artigo sobre fiscalidade meramente declarativo. Creación dun mercado voluntario galego de carbono.
Participación cidadáCrea o Consello do Clima O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática. O Consello do Clima pasa a chamarse Foro da Acción Climática.

Unha novidade relevante é o adianto da neutralidade climática desde o horizonte do ano 2050 ao do 2040. Isto está máis acorde coa situación de partida e coas capacidades e responsabilidades de Galicia. Mesmo o horizonte do ano 2035 podería considerarse realista.

O abandono progresivo do carbón na produción eléctrica, xunto co crecemento das absorcións de CO2 na superficie arborizada, son as causas do descenso do 61,7% nas emisións netas de gases de invernadoiro entre 1990 e 2023, ano máis recente con datos.

Para acadarmos emisións netas cero en 2040 habería que diminuílas uns 40 puntos máis, en relación a 1990.

O declive final do carbón, combatido pola Xunta e a actual oposición parlamentaria, fixo baixar nuns 45 puntos as emisións netas en só seis anos (2018-2023).

A maior eiva do proxecto de lei, a non definición dun horizonte para o fin do emprego dos combustíbeis fósiles, non foi corrixida durante a tramitación parlamentaria. Ningún grupo político presentou emendas nese sentido.

A ausencia de obxectivos, prazos e medidas a respecto da substitución da enerxía fósil por renovábel resta credibilidade á meta de atinxir a neutralidade climática en 2040. Ese debería ser tamén o horizonte para o fin do uso da enerxía fósil en Galicia.

Nin sequera se mencionan os combustíbeis fósiles ao longo de todo o texto da lei, a pesar de seren a causa do 72 % das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático (2023).

Deixar un comentario